Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Un ano despois de obter o selo de Campus de Excelencia internacional de ámbito rexional, o Campus Vida da USC aspira hoxe á recualificación para acadar o título no eido global, mérito que copan a Universitat de Barcelona, a Politécnica de Catalunya, a Complutense a e Politécnica de Madrid, Carlos III de Madrid, Autónoma de Barcelona, e a Autónoma de Madrid co CSIC.
Na primeira convocatoria do Campus de Excelencia Internacional, o proxecto de biocampus compostelán levou o selo de excelencia rexional xunto coas universidades de Cantabria, Oviedo e Córdoba, pero foi a única que acadou a posibilidade de aspirar ó selo Internacional. Xa que logo, o reitor da USC Juan Casares Long presentará o proxecto hoxe en Madrid.
A candidatura do Campus Vida recunca reforzada polas últimas incorporacións, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, os centros de investigación biomédica do Sergas nos hospitais universitarios da Coruña e Vigo e a Facultade de Veterinaria. As novas alianzas, que se suman a outras que van de Inditex ó CSIC e varias industrias farmacéuticas, constatan unha ampliación do proxecto tanto no seu ámbito xeográfico de influencia, que adquire unha dimensión internacional coa incorporación dos principais axentes públicos e privados do noroeste hispano-luso, como na súa dimensión temática.
No último ano, a USC traballou para conformar un auténtico bioclúster de I+D, con iniciativas como a apertura dunha unidade mixta da universidade e da farmacéutica Esteve en Santiago. O obxectivo último é sacar o máximo proveito económico e médico-social da investigación biosanitaria da USC e de toda Galicia, a partir dun potencial investigador que mereceu os encomios de personalidades como o Nobel de Medicina Torsten Wiesel, que aceptou ser membro do comité asesor de Campus Vida. Para Wiesel, é un dos "proxectos máis creativos" que viu en biomedicina.
Pero Casares non viaxa só a Madrid, xa que a esta segunda convocatoria se presenta o vigués Campus do Mar, apoiado polas outras dúas universidades galegas, que competirá fronte a outros 22 campus.
A maior agregación estratéxica de I+D de investigación mariña de España e unha das maiores de Europa. Con esta rotunda carta de presentación, na que se incardinan 3.000 investigadores de 23 institucións, a Universidade de Vigo lidera a proposta para ser Campus de Excelencia Internacional.
Organizado ao redor de tres grandes áreas: excelencia investigadora e transferencia; excelencia docente e internacionalización; e mellora da calidade de vida no campus, o proxecto da Universidade de Vigo pon o acento das súas peculiaridades na extensa rede galega de I+D relacionada co medio mariño, así como na coordinación de toda a investigación do mar que desenvolven as universidades galegas e do norte de Portugal.
Na presentación de hoxe insistirase en que aos grupos de investigación das universidades da eurorrexión, se suman os especializados de organismos como o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, así como os centros tecnolóxicos Cetmar, Gradiant, Energylab, ademais do Laboratorio de Referencia Europea de Biotoxinas Mariñas e centros de investigación privados como o de Cecopesca de Anfaco e todas as organizacións sociais e empresariais.
Ós programas de investigación e de docencia, súmase o proxecto ao redor de Cidade do Mar, onde rehabilitarán os edificios da Etea.
Todas aspiran a obter unha etiqueta que lles supón préstamos vantaxosos e outras axudas para acometer iniciativas que potencien o papel das universidades como motor de desenvolvemento social e a súa capacidade de proxección internacional.
