Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 26.06.2017 Actualizado 20:46
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Aulas

Carlos Negro Romero: "Makinaria"

14.07.2010 
A- A+

Que conta? 

Makinaria de Carlos Negro é unha aceleración poética de cero a cen en tres segundos. Se ti tes arredor de quince anos, vas de malote e mallas na música, este pode ser o teu libro; un libro de versos co depósito cheo de gasolina, testosterona e alcohol; un libro de versos tuneados, maqueados de furia xuvenil, sen máis límite que o do contaquilómetros que sinala unha ruta suicida; un libro de versos sen final feliz: porque a Morte converte a euforia en chatarra, porque só admite como meta o destino cemiterio.

Cunha descarga sen precedentes de imaxinación esta obra de Carlos Negro conecta excepcionalmente con toda unha xeración e ensínalles aos rapaces maxistralmente que a poesía pode ser algo ben próximo a eles, algo que conecte coas súas sensacións, algo actual e divertido. Makinaria ademais transmite unha mensaxe clara e didáctica sen botar man de artificios, a de que non todo é diversión cando se colle un vehículo. Este poemario, de lectura recomendada para xente nova, é un todo poético sobre a inconsciencia da mocidade e sobre a velocidade, sobre como un mozo pode perder a vida na estrada da adolescencia, sobre como o discurso dos "vellos" non calla mentres o escoitan con cara de póker. Unha poesía de lectura rápida, mesmo frenética, que concorda coa obsesión pola velocidade que nos describe, cun só destino. Como afirma Rosa Aneiros no epílogo, "Makinaria é unha canción desesperada de gasolina e goma abrasada", un libro que de seguro transmitirá e chegará á mocidade porque fala e sente igual, coa súa voz cotiá.

 

Da palabra

A profesora Concha Costas describe Fóra de Xogo, de Edicións Xerais, como unha colección que conseguiu nos seus máis de doce anos de vida e nos seus cen volumes converterse nunha compañeira facilmente recoñecible para os mozos e mozas galegos, nunha arca da que ir tirando historias que lles falan de conflitos persoais cos que se identifican, de problemas sociais que lles preocupan, de mundos fantásticos por descubrir, de aventuras para compartir, de momentos históricos que coñecen o que deben coñecer. E estes libros póñense ao seu dispor nunha etapa especialmente importante no seu camiñar lector xa que, segundo din os estudos, é na adolescencia cando máis risco hai de perdelos como lectores. A colección Fóra de Xogo ten moitas vantaxes. Entre os seus títulos hai moita diversidade de autores –galegos e non galegos– e de temas, propostas novidosas e de clásicos, de autores para descubrir a carón doutros consagrados, narrativa e poesía. Neles os mozotes poden atopar historias realistas e fantásticas, de aventuras e de sentimentos, sociais e míticas, históricas e contemporáneas. Poden achegarse a propostas puntuais ou a series que permiten ir familiarizándose cun universo literario recorrente como o que poden atopar nas exitosas pescudas de Flanagan. E toda esta variedade de fíos garante que o tecido de lecturas sexa plural e que a formación lectora no ámbito necesario da literatura xuvenil sexa sólida e sente unha base coa que poder achegarse sen complexos e sen inseguridades a outras lecturas que vaian formando o seu hábito lector. Chegar aos cen títulos e facelo sen perder actualidade, sen esgotarse, sen diminuír a capacidade de seguir enredando os rapaces na arañeira dos fíos da lectura é un éxito de Xerais que cómpre recoñecer e celebrar, como todos aqueles que desde calquera recanto do mundo dos libros nos demostren que o noso sistema literario está vivo e ten autores e historias para seguir tecendo, coas artes máis antigas e tamén coas máis actuais, as pezas máis valiosas do noso fondo de armario lector.

 

Quen é quen

Carlos Negro naceu en Lalín no ano 1970. É Licenciado en Filoloxía Hispánica e Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade exerce como profesor de Ensino Secundario en Dodro (A Coruña). Durante o ano 2004 desempeñou o cargo de secretario da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Ademais de diversos poemas na revista Dorna e da súa participación en volumes colectivos como IV Forxa Literaria de Piloño (Vila de Cruces) e antoloxías como Poetízate (Xerais 2006), publicou os libros de poemas As laranxas de Alí Baba (Letras de Cal, 1998), Far-west (Xerais, 2001)e Héleris (2003). Obtivo o premio Johan Carballeira por Cultivos transxénicos no ano 2008 e o premio de poesía Vitoriano Taibo con Makinaria (Xerais 2009).

 

Recomendado 

Ademais de recomendar Makinaria de Carlos Negro, aconsellamos tamén a lectura de Poetízate de Fran Alonso, outra obra para iniciar e fomentar a poesía entre os mozos. De Fóra de Xogo Días de desterro, de Xavier López Rodríguez; Alfagann é Flanagan, de Andreu Martín e Jaume Ribera ou ¿Sobrevives?, de Fina Casalderrey, aínda que calquera título desta colección de Xerais é apropiado para mozos a partir dos 14 anos.


Un anaco 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS