Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O catedrático de Enxeñería Química e candidato a reitor Casares Long FOTO: FERNANDO BLANCO |
O catedrático de Enxeñaría Química Juan Casares Long anunciou onte de xeito "formal" que o próximo luns día 22 presentará a súa candidatura a reitor da Universidade de Santiago (USC) cun "equipo independente" e un "proxecto moi universitario".
En rolda de prensa, Casares Long apuntou como razóns da presentación da súa candidatura a súa experiencia no ámbito da xestión da USC e os catro anos "liderando a oposición" que, segundo precisou, lle permitiron "entender diferentes aspectos da universidade".
"Síntome preparado para presentar un proxecto novo, adaptado aos tempos actuais", explicou Casares Long, ao tempo que puntualizou que concorrerá ás eleccións do 5 de maio cun "proxecto renovador" e "diferente ao actual" da universidade porque "os tempos cambian e hai que adaptarse ás novas problemáticas".
Casares Long indicou que presentará un proxecto "feito a partir do traballo de moita xente", que "aglutina opinións e sentir de xente con diversas sensibilidades". Sobre o seu programa electoral, o catedrático precisou que se "está a ultimar" nestes momentos, pero avanzou que tratará de darlles resposta tanto ás cuestións internas da universidade coma ás dos cidadáns.
En relación co equipo que o acompañará, o catedrático de enxeñería química comentou que está configurado "adaptado aos tempos" e incluirá "caras vellas e novas".
"Fai falta convencer a xente que a USC segue sendo o referente de Galicia en formación universitaria, investigación e xestión de coñecemento", destacou.
Sobre o novo modelo de financiamento universitario que está a piques que comezar a negociarse , Casares Long sinalou que lle "preocupa" e apostou por un novo "que non estea baseado como os anteriores en futuros" que, segundo recordou, "son impredicibles".
"Temos que pensar sobre bases estables", considerou e resaltou que debe ser un plan de financiamento "sostible". "Debemos facer máis e recibir máis polo que facemos", considerou.
Casares Long é o segundo candidato en presentar ante os medios de comunicación de xeito formal a súa candidatura despois de que o pasado 24 de febreiro o catedrático de Historia Contemporánea Lorenzo Fernández Prieto anunciase publicamente a súa.
Senén Barro, termina este mes e o próximo 5 de maio competirán seis candidaturas para relevalo.
Unha única facultade de Medicina
Sobre a problemática de Medicina, Casares Long limitouse a afirmar: "Un título de licenciado -dentro duns anos de grao- en Medicina pola USC; unha facultade, a de Medicina da USC; e a colaboración institucional con todos os hospitais do Sergas para a docencia práctica". "Penso que as cousas non teñen por qué levar máis que o que é o esencial do tema, e é iso. O demais está de máis", sentenciou. "É o que é e o que aspiro a que siga sendo".
Cómpre abrir Campus Vida
Casares cualifica Campus vida de "ambicioso" pero cómpre consideralo "como algo máis que incorpore moitas outras áreas", que, ó seu ver, pola estrutura do proxecto non están recollidas.
