Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

remuda en fonseca

Casares, reitor da USC

25.05.2010  O catedrático de Enxeñería química aglutinou o 56,9% dos votos ponderados, fronte ó 43% do seu rival, o historiador Lourenzo Fernández Prieto

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. J. CEBRO . SANTIAGO

Juan Casares Long, reitor electo da USC, onte recibindo as primeiras felicitacións tras coñecerse o resultado FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Juan Casares Long, reitor electo da USC, onte recibindo as primeiras felicitacións tras coñecerse o resultado
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

Catro anos despois de tentalo por primeira vez, o catedrático de Enxeñería Química Juan José Casares Long gañou onte as eleccións a reitor da Universidade de Santiago de Compostela e, xa que logo, sucederá a Senén Barro, que ocupou o cargo durante os últimos oito anos. Casares obtivo o 56.91% dos votos, con 2.442 votos recibidos e 1.202 ponderados. O outro candidato, o catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto, obtivo 43.09% dos votos, con 2.339 votos recibidos e 910 ponderados.

Tras coñecer o escrutinio, o reitor electo dixo sentir unha "alegría e unha responsabilidade moi grande", ante o que tentará responder "como merece a Universidade de Santiago" nos próximos anos. Para iso, destacou que necesita "contar con todo o mundo" porque este resultado "ten que ser un éxito de toda a USC". Ó seu contrincante, Lourenzo Fernández Prieto, que o chamou para felicitalo, demandoulle "unir forzas" a partir de agora.

Como viña dicindo durante a campaña, reiterou que liderará unha mudanza nas formas de gobernar, na transparencia e no diálogo -cuxa falta era, ó seu ver, o peor defecto da USC na etapa de goberno de Senén Barro- para poñerse ao servizo de toda a comunidade universitaria.

Será o pri­meiro reitor da USC que go­berne sen o apoio de ningunha das tres plataformas de profeso­rado, cun equipo indepen­dente con fichaxes de distintas sensibilidades políticas. El mesmo, identificado por moitos como o candidato conservador, insistiu en que o seu é un pro­xecto "aberto e plural", aglutinador de "todas as sensibilidades de todos os sectores da USC", algo que, ó seu ver, cre que fará que moita xente se "sinta cómoda de colaborar connosco", como declarara hai poucos días nun encontro dixital entre os lectores do Grupo Correo Gallego.

Casares acordouse dos outros seis candidatos que concorreron á primeira volta, dos que valorou o "esforzo persoal moi grande por tratar de gañar". Especialmente, tivo un "recoñecemento" para Fernández Prieto porque, dixo recordando a súa situación hai catro anos cando se enfrontou a Senén Barro, "seguro que nestes momentos sente a necesidade de que nos sintamos próximos".

LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO

"Dobrei votos e dáme forza para dentro de 4 anos"

A derrota non lle sabe amarga a Lourenzo Fernández Prieto. "Multipliquei por dous os apoios da primeira volta" -o pasado día 5 fixérase con 1.473 votos totais e 459 ponderados o que supuxo o 20,7% do total-. "Fomos quen de liderar unha colación de forzas e de xerar ilusión para acadar unha universidade mellor. Esta confianza dáme unha forza enorme para dentro de catro anos", dicía onte á noite o catedrá­tico de Historia Contemporánea tras coñecer os resultados defi­nitivos das eleccións ó reito­rado compostelán." O que faremos será mirar para adiante sen medo", sentenciou e concluíu que "a comunidade universitaria decidiu o que quixo e ben. Sabemos agradecer o apoio".

O candidato apoiado pola plataforma nacio­nalista Universidade Aberta (UA) daba así por seguro que repetirá como reitorable dentro de catro anos. Ata entón, Fernández Prieto ofrécelle ó novo reitor "diá­logo e firmeza" e o seu servizo "para todo aquilo que supoña un avance para a Universidade".

Fernández Prieto formou parte do goberno de Senén Barro como vicerreitor de Relacións Institucionais entre 2006 e marzo do 2009.

Propuña un equipo de goberno de sete vicerreitorías, á parte a secretaría xeral, "non por demagoxia nin austeridade, senón por eficacia" e para dotar de máis decisión outros órganos como o consello de goberno. Amais, compromotíase a aprobar os novos estatutos da USC antes de acabar o ano e conseguir no seu primeiro ano de mandato un novo plan de financiamento para o SUG a 10 anos, que recollese a especificidade da USC como a única histórica e internacional de Galicia.

OS DATOS

Profesorado fronte a estudantes e administración

O novo reitor da USC deulle a volta á historia que viviu hai catro anos. Daquela empataba a votos con Senén Barro, pero este chegaba á cadeira de San Xerome porque tiña máis sufraxios do profesorado funcionario doutor, que conta máis na ponderación -o 51%-. Casares recibía máis apoio dos alumnos cuxo voto, malia ser a masa máis numerosa na USC, conta un 24%. Onte o enxeñeiro acadou máis apoio do profesorado e perdeu entre a base do estudantado.

Analizando os datos por sectores, Casares conseguiu máis entre o profesorado funcionariado doutor, con 708 votos fronte ós 369 de Fernández Prieto; profesor funcionario non doutor con 31 fronte a 25; profesor contratado doutor, colaborador ou adxunto con 112 fronte a 107; outro profesorado, con 159 fronte a 137; e estudantes de 3º ciclo, con 49 votos fronte a 40.

En cambio, a mensaxe de Fernández Prieto callou máis entre os investigadores en formación, con 124 fronte a 91 votos; estudantes de 1º e 2º ciclo, con 1.127 votos fronte a 937; e persoal de administració e servizos, con 408 fronte a 355.

Nesta segunda rolda, estaban chamados a exercer o seu dereito a voto 33.445 persoas. Con todo, o índice de participación foi moi baixo, do 15,75% xa que, só votaron o 5.288. O maior índice de participación rexistrouse entre o profesorado funcionario doutor, co 89,10%, seguido do profesorado contratado doutor, colaborador, axudante doutor e axudante co 82,31% e do funcionario non doutor (82,14%). Xa a máis distancia atópase o PAS, que votou nun 64,50%, mentres que da categoría Outro profesorado acudiu ás urnas o 38,49%. O 18,22% correspóndese coa participación dos investigadores en formación, o 8,46% cos estudantes de 1º e 2º ciclo e, finalmente, o 4,93% cos estudantes de terceiro ciclo e posgrao.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS