Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

i+d+i

Centos de investigadores mozos vense no paro a partir do mes de xaneiro

23.09.2010  Son doutores e cobran 1.190 euros ·· A tres meses de que lles acabe o contrato, a Xunta aínda non fixo a convocatoria para optar ó programa seguinte, o que adoita acontecer en agosto e durar os trámites seis meses

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

I. CASAL . SANTIAGO

Ana Mosquera doutorouse en xenética o pasado xuño
Ana Mosquera doutorouse en xenética o pasado xuño

Sergio Rodríguez, de 34 anos, doutorouse en Bioloxía pola Universidade de San­tiago (USC) en 2005 e desde entón seguiu com­pletando a súa formación con estadías na Universidade de Masachussetts (Estados Unidos), Sussex (Reino Uni­do) ou no Botánico de Coim­bra. Toda a súa traxectoria foi financiada pola Xun­ta, pero a pouco máis de tres meses de esgotar o seu contra­to de cinco anos do programa Ángeles Alvariño, non sabe que será del a partir de 1 de xaneiro. As contas que bota, como to­do o colectivo de mozos investigadores que se atopan nunha situación similar, centos en toda Ga­licia, non lle dan: no mellor dos casos, o novo ano depararalle un tempo no paro.

"Outros anos, como moi tarde as convocatorias dos programas de contra­tos publicáronse en agos­to e é doado que desde que se publican ata que se asinan os contratos pa­sen seis meses", explica Sergio, que ten unha nómi­na mensual de 1.190 euros netos, lonxe do que cobra un funcionario da Xunta do grupo A, ó que se lle esixe unha licenciatura.

E esta vez, non só non se lles dá unha data orientati­va, senón que nin sequera se lles garante a continui­dade dos programas.

A Consellería de Eco­nomía traballa no novo plan galego de investiga­ción, desenvolvemento e innova­ción (I+D+i), que asegura que presentará antes de final de ano, pero sen dar máis detalles. Esta sema­na anunciou un novo programa de contratación de investigadores sénior no estranxeiro cunha do­tación por cabeza de ata 85.000 euros anuais, pero paradoxalmente segue sen aclarar nada sobre que pa­sará cos mozos, e non tanto, que nutren de seiva nova a ciencia galega.

Todos teñen experiencia no estranxeiro -hoxe un re­quisito indispensable para unha carreira inves­tigadora- e o que piden, insisten, non é un posto inamovible en ningún lu­gar, senón a continuidade na súa traxectoria, sempre pre­via acreditación da cali­dade dos seus currículos.

En xogo está, segundo o discurso dos polí­ticos, o futuro da ciencia como panca para saír da crise, pero tamén o de decenas de traxectorias vitais. "O plan C é irme ó paro, pero evidentemente tamén teño un plan B, que é volver ó es­tranxeiro. Pero teño un fillo e outro en camiño, e a miña muller ten traballo aquí, así que nese sentido a mobi­lidade é máis limitada", reco­ñece Sergio, que espera con impaciencia a renovación do programa Parga Pon­dal, o chanzo que segue ós Ángeles Alvariño na ca­rrera científica deseñada polo Bipartito, que permi­tía encadear un programa tras outro. Neste escalafón o soldo sobe a uns 1.700 euros netos mensuais.

"Pero os salarios non son a nosa maior pre­ocupación", expresa Beatriz Blanco, voceiro de Preca­rios Galicia. A razón é o forte compromiso vocacional da ca­rrera científica, o mesmo motivo que anima a Ana Mosquera, de 28 anos e dou­tora en xenética, a seguir adiante. "Está todo moi parado, non se sabe nada, pe­ro por agora non penso cam­biar de estratexia. Espero que se manteñan os con­tratos da Xunta, porque se non todo se reducirá ás convocatorias estatais e de fundacións".

Guerra prorroga as bolsas

O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, afirmou que a Xunta prorrogará as bolsas de investigación vixentes e reiterou que o novo programa de I+D+i se presentará antes de que remate 2010, pois é cando finaliza o que se aplica na actualidade. "Imos prorrogar as bolsas que están neste momento formuladas en todos os programas e antes de fin de ano presentaremos o novo programa de I+D", afirmou.

A portavoz de Precarios Galicia, Beatriz Blanco, sinalou que o colectivo de investigadores pendentes destes programas dá por feito a prórroga, como é habitual. O problema é a xente que finaliza un deles o 31 de decembro e a incerteza sobre a incorporación ó seguinte chanzo.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS