Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

eleccións na usc

De ciencias e letras

21.05.2010  Casares aféalle a Prieto a súa "responsabilidade" na situación financeira da USC por ser vicerreitor e este saca a relucir o pasado daquel na Xunta

0.0/5 [0 Voto/s]

1
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

M. J. CEBRO . SANTIAGO

Os candidatos Casares Long, esquerda, e Fernández Prieto, coa moderadora do debate, Susana López FOTO: JENNIFER OTERO
Os candidatos Casares Long, esquerda, e Fernández Prieto, coa moderadora do debate, Susana López
FOTO: JENNIFER OTERO

Os dous candidatos que pasaron á segunda volta para optar ó reitorado da USC debullaron onte nun cara a cara as principais liñas do seu programa en sete aspectos: investigación, oferta académica, servizos, persoal, financiamento, xestión administrativa e internacionalización.

Juan Casares Long tomou a palabra enarborando os seus catro anos como a "única voz crítica e alternativa" ó goberno de Senén Barro, ó que acusou de "falta de transparencia, falta de diálogo e de tomar decisións ás costas das persoas que forman a institución". Xa que logo, e coa "ilusión polo cambio", aglutinou "o mellor equipo, disposto a traballar pola USC desde o luns 24".

"Non temos unha visión de pesadelo da USC", respondeu Lourenzo Fernández Prieto, que fixo bandeira do seu "orgullo por ser da USC". O que non impide que deba mellorar para que "a USC poida ser todo o que quere ser". "Temos as ganas, a experiencia e o programa", dixo.

A política de investigación foi o primeiro chanzo da confrontación. Os dous candidatos deron a sensación de coincidir na necesidade de que todas as áreas de coñecemento dispoñan de recursos -Casares criticou que unhas áreas teñan máis recuros ca outras; Prieto falou de "pór toda a potencia investigadora ó servizo de toda a universidade e de reducir o traballo burocrático que empece o labor dos investigadores -Prieto mesmo aventurou a prometer recortalo á metade-. Pero o catedrático de Historia Contemporánea sacou á palestra o pasado do enxeñeiro químico á fronte da dirección xeral de Medio Ambiente. "¿Que significa para vostede recuperar a esencia? ¿Volver á súa etapa de director xeral, cando non se investigaba pero gastábase en investigación?". E acusouno de máis: "Sempre que tivo que elixir entre a Xunta e a USC, fíxoo pola primeira".

A contestación de Casares foi inmediata e centrouse na etapa en que Fernández Prieto "era o segundo do Goberno da USC -foi vicerreitor de relacións institucionais con Barro-. "Fala vostede de sustentabilidade económica. Pero acumular débeda e créditos é o contrario de sustentabilidade, porque hipoteca o futuro".

A confrontación baseada neste tipo de reproches captou o interese do auditorio e o tirapuxa deixaba por momentos a cerna do debate.

No apartado da oferta académica Prieto volveu ironizar: "¿Recuperar a esencia é para vostede o profesor inalcanzable e calados na aula?". "A esencia da universidade é a sabedoría a través da transparencia", retrucaba Casares sacando unha vez máis un dos piares do seu discurso e volvéndolle afear ó seu opoñente a súa etapa no goberno. "Sendo vostede o 2º de a bordo, solicitei no consello de Goberno as contas de todas as empresas ligadas á USC. Cando vostede marchou empezamos a telas".

Fernández Prieto defendeuse alegando que el non fora o responsable económico, acusouno de mirar ó pasado e alzouno ó posto de "cronista oficial do pasado goberno".

Afondando no aspecto económico, Casares cualificou a situación de "complexa, difícil e baseada no incremento da débeda" e avogou por un plan de financiamento "realista" centrado no control rigoroso e na transparencia das contas" e díxolle a Lourenzo "os números non son o seu".

En fronte, Prieto cominouno a "aprender a ler as memorias económicas da USC, que son un modelo" e comprometíase a acadar no primeiro ano un plan de financiamento coa Xunta a 10 anos, que garanta a sustentabilidade e recolla a primacía da USC na universidade galega.

Casares dixo que "estratexicamente non ten sentido un plan tan a longo prazo" e desmentiu que os últimos plans fosen quinquenais.

"Quere facer ver que como son de letras non sei de números, é ridículo", espetoulle Prieto, que o acusou de "non querer a USC e non apreciar o seu traballo. Vostede expresa para afora o malos que somos. Non se pode gobernar unha insitución se non se o quere". Casares ofreceu a esta acusación un "equipo completo, preparado para traballar para todos e disposto a integrar as boas ideas dos outros candidatos". "Vontade de integración témola todos. Eu tamén quero ser reitor de toda a USC", respondeu Prieto.

Protesta por un despedimento

A aula 5 da facultade de Medicina foi onte un forno no debate moderado por Susana López, de Correo TV. Ás portas o clima aínda se caldeou máis pola manifestación sindical en protesta polo despedimento dunha traballadora da Fundación da USC para o deporte en pleno proceso electoral sendo ela candidata. Finalmente saíu elixida, polo que se da a anomalía de que é representante sindical dun organismo da que non é traballadora.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS