Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Alumnos ás portas do instituto de Educación Secundaria Antón Fraguas do barrio compostelán das Fontiñas |
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, esbozou onte a posibilidade de que "haxa un ensino obrigatorio ata os dezaoito anos", como resposta á proposta do Partido Popular de instaurar un bacharelato de tres anos. En calquera caso esta proposta non vai darse para "mañá pola tarde", pero engadiu que, por exemplo, "Portugal o ten".
E é que, segundo explicou, o sistema actual é "demasiado ríxido" e insistiu en que para que a reforma sexa posible "ten que ser máis flexible e contar con distintas posibilidades dentro das formas de facer Bacharelato".
Pola súa parte, o PP está disposto a que se fale "todo o que se queira" da ampliación da educación obrigatoria ata os 18 anos."En principio non estamos en contra, pero consideramos que non é o asunto máis urxente da educación española; hai que establecer algunhas reformas prioritarias como é o caso da Secundaria, do propio bacharelato", dixo o voceiro de Educación do Grupo Popular no Congreso, Juan Antonio Gómez Trinidade.
Así, propuxo que, a partir dos 15 anos, se abra unha nova vía que vaia exclusivamente a un bacharelato de tres anos, ata os 18.
Tamén advertiu de que estender a obrigatoriedade sería unha medida "moi arriscada ou que polo menos require unha certa prudencia", xa que ata pode "fomentar" o fracaso escolar.
Amais, lembrou que ampliar a escolarización obrigatoria supón reformar a Lei, incrementar os orzamentos educativos e tratar a extensión dos concertos na medida en que aumentan as etapas obrigatorias.
En referencia ó pacto de educación, Gabilondo asegurou que confía "absolutamente" da disposición do Partido Popular, "con vocación, vontade e expectativas de gobernar, que representa unha vontade de dez millóns de cidadáns" e indicou que "se como resultado do pacto hai que facer modificacións legais, faranse". Con todo, a proposta de lei por parte do PP do martes pasado, segundo a cal o profesor sería unha autoridade pública, só obtivo o apoio de Unión do Pobo e Democracia. Neste caso, o ministro socialista explicou que neste punto "non houbo encontro pero non no asunto senón na ocasión para facer iso".
CIG aplaude pero non o cre
Desde a CIG-Ensino, o seu secretario nacional, Anxo Louzao, salienta que a extensión da obrigatoriedade ata os 18 anos é un dos principios do sindicato, "porque cantos máis anos pasen os rapaces no sistema educativo máis preparada estará a sociedade". Así, consideran un logro social esta posibilidade, "como o foi cando se ampliou dos 14 ós 16". Neste sentido lembra que as clases sociais máis desfavorecidas son as que abandonan máis cedo o sistema educativo. Con todo, Louzao pensa que as palabras do ministro quedarán nunha simple declaración de intencións. "Non se van modificar as normas nin os recursos para estender a escolaridade", denuncia Louzao, que lembra ademais, que cun 30% de fracaso escolar, España está moi lonxe de alcanzar o obxectivo europeo para o 2010 de que o 80% dos alumnos permanezan na educación postobrigatoria.
STEG: "Máis escola sempre é bo"
A STEG valora a proposta do Ministerio de Educación. "Desde o punto de vista social é unha medida positiva, porque garante un maior número de anos de formación do noso alumnado con garantía de gratuidade, e iso sempre é bo", declara Xosé Cabido. Con todo, matiza que ampliar as idades de obrigatoriedade ás veces trae problemas cos rapaces que non queren seguir no sistema. É un problema que xa vive a sociedade desde que se estinguiu o sistema de EXB e se implantou o de ESO, co que se ampliaba a escolarización obrigatoria dos 14 ós 16 anos. "Pero hai solucións, como o deseño de diferentes itinerarios, como os actuais Programas de cualificación profesional inicial". Consiste en que ós 15 anos os rapaces que non queren seguir na ESO poidan iniciar un módulo profesional, "que non impide a volta ó sistema e acabara ESO". Para isto, hai que esixir ó mesmo tempo medios, di.
Anpe: "Sería rebentar as aulas"
Fronte ó resto de sindicatos, Anpe móstrase radicalmente en contra desta posibilidade. "O trasfondo é máis escolaridade para maquillar as listas do paro, xa que a poboación de 16 a 18 anos desaparecería do merdaco laboral", denuncia Julio Díaz. Para este sindicato, o gran problema que teñen as aulas son os alumnos que non queren permanecer no sistema educativo e así "entre os 13 ós 16 anos están perdidos na clase. Aumentar dous anos máis a obrigatoriedade sería rebentar as clases. Que profesor se faría cargo deses cursos". Díaz lembra que dos 1.009 expedientes no curso 2007/08 916 corresponden a este tipo de alumnos "insubmisos" e "por aí irán os datos do 2008/09", di. De todos os expedientes só 8 ou 9 corresponden a Bacharelato.
E vai máis alá ó propor que se aumente un ano de Bacharelato e se suprima un da ESO. É dicir, reducir un ano a obrigatoriedade.
Pais: "Si, pero non se é máis ESO"
O presidente da Confederación Católica Nacional de Pais de Familia e Pais de Alumnos (Concapa), Luis Carbonel, considera a suxestión "un avance en dereitos sociais de envergadura" que daría a todos os alumnos "os mesmos dereitos e as mesmas oportunidades". Con todo, advertiu de que é necesario un maior investimento en educación para que o bacharelato sexa gratuíto, polo que retirará o seu aplauso "no caso de que todo quede en palabras". Pola súa banda, o presidente da Confederación Española de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos (CEAPA), Pedro Rascón, admitiu que "a idea non está mal", pero compre "flexibilización, xa que a certas idades hai que buscar outras motivacións para os alumnos". Amais a súa posición sería un "non rotundo se se expón como unha prolongación de ESO con máis materia".
