Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Parte do grupo de estudantes que abandonaron os Comités o pasado 26 de febreiro FOTO: AXENCIAS |
Denunciárono o mesmo día que deixaron as filas: "Os Comités atópanse hoxe secuestrados por unha minoría que non dubidou, co fin de manter o seu control total sobre a organización, en levar a cabo todo tipo de prácticas ilexítimas e mesmo ilegais". Cento sesenta e cinco membros da organización estudantil, alumnos das tres universidades galegas, presentaron a súa renuncia o pasado 26 de febreiro durante a celebración da última Asemblea Nacional. A razón? O bando escindido achácaa ao excesivo control da Unión da Mocidade Galega, a UMG, -organización xuvenil da UPG, dentro do Bloque-, que foi gañando poder interno. "Somos xente que participamos no movemento estudantil desde hai anos e que vimos como nos últimos meses se foi perdendo toda democracia interna, levándoo a extremos de auténtico verticalismo, imposición e sectarismo por parte desa corrente, ao modo do que está a acontecer noutras organizacións do nacionalismo", aseguran en conversa con este xornal os renunciantes, que o vindeiro 26 de marzo inician nova andaina. Será mediante a convocatoria dunha Asemblea Nacional Constituínte da nova organización do estudantado galego.
"Queremos escapar de ser brazo de transmisión de ninguén e escapar das loitas que se producen dentro do nacionalismo", din. Aínda que se pronuncian como de esquerda transformadora e soberanista, que buscan un ensino público galego, de calidade e antipatriarcal. "Somos nacionalistas, pero cada un podemos ter unha adscrición diferente, como defecto acontece, e, desde logo, queremos evitar sectarismos, dirixismos, unha organización moito máis horizontal, con vocación de agrupar todos os estudantes da Galiza, de que as decisións sexan aprobadas polas asembleas de todos os centros do país e que non sexan unhas decisións importas por partidos que poidan ter o control dos órganos de dirección".
A organización, fundada baixo ese epígrade en maio de 2008, froito da unión dos Comités Abertos da Facultade (CAF) e dos Comités Abertos de Estudantes (CAE), leva algún tempo sendo diana de dardos críticos, internos e externos, que a acusan de excluínte e antidemocrática. "Os CAF respeitaban as canles democráticas internas, aínda que nas últimas etapas comezou a haber un control externo e unha fiscalización por parte do UMG", relatan as fontes do novo momevemento estudantil que prefiren non dar nomes "para evitar personalismos e porque aínda non estamos constituídos". No seu entender, responde a unha dinámica instaurada no BNG, transmitida á organización afín pola lóxica do contaxio. "Na asemblea constituínte dos Comités a voz crítica era moi pouca. Pero co paso do tempo foi in crescendo. No campus de Lugo marchou todo o mundo dos Comités e no de Compostela foron moi numerosos. O da Coruña, pola contra é o que menos xente ten polo momento". E engadeo que considera unhha vantaxe: "Da xente escindida en Santiago nós nacemos xa con nove claustrais mentres os Comités quedan en sete, claro que iso non se dá na Coruña". Aínda así, queren deixar claro que non xorden "para ir contra ninguén, senón para traballar e facer cousas fóra dunha dinámica insostíbel no que se paralizou a actuación externa polas confrontacións internas".
"Como estudantes comprometidos e comprometidas cun sistema educativo galego propio, público e de calidade; co futuro do noso país e cun proxecto nacionalista amplo que ten nesta organización o seu referente estudantil, debemos denunciar ante o conxunto dos e das asistentes a esta Asemblea Nacional a situación que levou os Comités a unha situación de división interna sen precedentes e parálise organizativa.
Puntos programáticos
Na Asemblea Nacional Constituínte do vindeiro sábado en Santiago de Compostela porán a andar un proxecto que, partindo duns puntos programáticos básicos, "loitar pola consecución dun ensino mellor nunha Galiza máis xusto e máis libre", baixo os seguintes principios: Un ensino galego, orientado ás realidades do país e fondamente comprometido con este. Un ensino que teña como lingua vehicular básica o galego; Un ensino democrático, no que o estudantado teña voz e voto real na toma de decisións que afectan ao noso futuro; Un ensino de calidade, que poida fornecer o noso país dos mellores profesionais no día de mañá; Un ensino público, que rexeite calquera intervención de capital privado; Un ensino non patriarcal, que contribúa a pór fin á desigualdade entre homes e mulleres; Esquerda transformadora: entendemos que os puntos anteriores só son posíbeis no marco dunha sociedade máis xusta; Nacionalismo soberanista.
"Purga" de membros
Durante o último proceso asemblear da organización observaron "con preocupación como non se garantiron uns mínimos democráticos". Recóllenos na seguinte lista remitida aos medios:
Purga de membros da organización (mediante o eufemismo de "non recoñecemento como membros de pleno dereito para o proceso asemblear"), por parte dos organismos nacionais, para evitar a posibilidade dun cambio de maiorías nos organismos de dirección a escoller na Asemblea Nacional.
Vulneración flagrante do regulamento asemblear aprobado polos Consellos Nacionais, facultándose o Consello Nacional a convocar unha Asemblea de Campus de debate de textos fóra do prazo marcado polo propio Consello Nacional.
Usurpación de funcións aos campus e ás súas responsabilidades: permitiuse que o Consello Nacional de Universidade convocase até dúas veces a Asemblea de Campus de Compostela, cando isto non aparece reflectido en ningún regulamento ou tese da organización.
Imposibilidade de membros dos Comités de asistir ás reunións dos Consellos Nacionais, cando unha característica esencial que define a nosa organización é o "aperturismo".
Secuestro do censo de asembleístas: só unha parte da organización ten pleno acceso aos mesmos, concretamente, aqueles membros que militan na UMG, xuventudes da UPG, que teñen a maioría nos organismos nacionais.
Violación de principios éticos: acceso a unha conta de correo electrónico dun membro da organización e publicación en Internet de datos e conversas privadas de compañeiros, feito que constitúe un delito informático.
