Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad FOTO: G.H |
A Universidade de Santiago (USC) quedará no curso académico 2011-2012 sen o máster en enxeñería informática. A petición que neste sentido formulara o reitor da USC, Juan Casares Long, tivo unha resposta negativa da Consellería de Educación no Consello Galego de Universidades celebrado o luns pasado en Pontevedra.
Para a implantación desta nova titulación é necesaria a autorización final da Consellería de Educación e antes unha verificación do Consello de Universidades, órgano no que están as Universidadeas españolas e o Ministerio de Educación.
O departamento autonómico, que dirixe Jesús Vázquez Abad, freou as intencións da USC na súa fase inicial. É dicir, no Consello Galego de Universidades do luns no que se abordou o plan de estudos de posgrao Vázquez informou que xa non ía dar autorización previa para o envío de verificación ó Consello de Universidades do máster en enxeñería informática da USC.
Educación si deu luz verde as pretensións da Universidade de Vigo de contar xa para o próximo curso académico con este máster en Enxeñería Informática. A Universidade da Coruña tamén ten intención de solicitar para o curso 2012-2013 esta titulación. No Consello de Universidades quedou claro que a concesión a Santiago do máster en enxeñería informática suporía romper o mapa de titulacións.
Argumentación da Universidade de Santiago
As argumentacións da USC para esta nova titulación incidían na necesidad de completar os estudos de grao que ten na actualidade na especialidad de tecnoloxías da información, que se imparten na Escola Técnica Superior de Enxeñería.
A Universidade de Vigo conta na actualidade con dúas especialidades nos estudos de grao, unha de enxeñería de sofware e outra de tecnoloxía de información. O máster ó que deu luz verde Educación para a Universidade olívica impartirase na Escola Superior de Enxeñería Informática do campus de Ourense, está claro, se o Consello de Universidades emite unha preceptiva resolución favorable.
Mentres, a Universidade da Coruña, á espera de expor a demanda para o curso 2012-2013, seguirá cos seus cinco especialidades de grao. O Consello Galego autorizou todas as titulacións demandadas polas universidades, menos o máster de Santiago e outro de turismo para Universidade de Vigo no campus ourensán.
Itinerarios diferentes para "Turismo"
O Consello Galego de Universidades tamén abordou unha transformación en tres másters o máster único en turismo que de forma conxunta impartían as tres universidades aínda que con itinerarios diferentes. Non cambia gran cousa porque os específicos que agora impartirá cada universidade virán ser o mesmo que representaban antes os seus itinerarios. Por exemplo, o de Ourense céntrase en balnearios e o de Santiago en dirección.
"Desmantelan o sistema público"
As Xuventudes Socialistas de Galicia denuncian que a proposta de racionalización dos estudos de posgrao, proposta pola Xunta ás tres Universidades e que se aplicará o próximo ano de forma cohesionada nas tres universidades galegas responde á oferta-demanda exclusivamente e obvia o caracter social e formativo das mesmas.
Segundo a Secretaria Xeral das XSG, María Torres, "Dende as Xuventudes Socialistas consideramos que é necesaria unha reorganización do sistema universitario galego pero esta non pode sustentarse unicamente no número de matriculados".
Torres tamén comentou que medidas como esta, de recorte na educación pública, non son exclusivas de Galicia, senón que forman parte da política posta en marcha polo PP noutras comunidades onde tamén goberna. "Tal e como pasa noutras comunidades como Madrid e Valencia, a Xunta de Galicia está a desmantelar o sistema educativo público a través da súa privatización, con recortes orzamentarios como os que afectaron este ano o ensino universitario".
Juan Jesús Sánchez, secretario de educación das Xuventudes Socialistas engadiu que "o balance da xestión da Xunta en materia educativa non pode ser máis negativo, pois se basea única e exclusivamente en recortar a educación pública en favor da educación privada, en acoutar a investigación e en darlles as costas ás medidas de ZP".
