Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

mobilidade

Erasmus, un programa sólido no campus, descoñecido na FP

22.05.2011  Vinte e cinco centros galegos de Formación Profesional están inscritos. O vindeiro mércores remata o prazo

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

AGN

O programa de mobilidade internacional Erasmus leva anos consolidado como unha oportunidade para que os estudantes amplíen os seus coñecementos de idiomas e as súas oportunidades laborais de futuro cursando parte das súas titulacións noutros países europeos. Con todo, continúa asociándose case en exclusiva ó ámbito universitario, a pesar de que desde o ano 2008 está dispoñible para os centros de formación profesional (FP) que imparten ciclos superiores.
Con todo, ós estudantes de FP parece custarlles máis animarse a dar o salto, quizais pola “influencia familiar”, apuntan desde o IES San Clemente de Santiago, un dos centros de FP con programa Erasmus. A Consellería de Educación non ten os datos dos alumnos participantes, pero a última estatística da Oapee –correspondente ó curso 2008-2009– recolle un centenar. Os que se animen a participar nesta xeira, teñen de prazo ata o vindeiro mércores, 25 de maio,  para solicitar a Carta Erasmus.
Entre os centros que imparten ciclos superiores de FP, os máis activos á hora de experimentar as opcións de mobilidade estatal e internacional son os relacionados con ramas de hostalería e de deseño e artes plásticas.
Un total de 25 centros autonómicos están inscritos no programa, aínda que as previsións son que esta cifra se incremente de cara ó curso 2011-2012. Das institucións que participan na iniciativa, a maior parte atópanse na provincia da Coruña (14 de 25, é dicir, o 56% do total). De feito, seis dos centros están na propia capital herculina, mentres que Santiago de Compostela conta con tres e o resto corresponden a Betanzos –con dous–, Ferrol, Carballo e Culleredo. En segundo lugar figura a provincia de Pontevedra, con oito instalacións adheridas: catro en Vigo, unha en Bueu, dúas en Pontevedra e unha no Porriño.
As provincias do interior, Lugo e Ourense, son as que contan con menor oferta, con dúas e un centro respectivamente. No caso lucense, o Erasmus para formación profesional limítase na actualidade ó centro integrado Porta da Auga, de Ribadeo, e ó instituto de ensino secundario (IES) A Pinguela, en Monforte de Lemos. Polo que respecta á provincia ourensá, o IES de Hostalería de Vilamarín é o único que está adscrito ó programa ata o momento.

Italia, o destino elixido por universitarios e FP
No que hai coincidencia entre os Erasmus de FP e os seus irmáns maiores universitarios é nos países cos que os centros asinan acordos de intercambio. Así, case un 30% dos estudantes galegos viaxan a algún punto de Italia, que se destaca como o país máis visitado. Séguelle Reino Unido, cun 18,5% dos destinatarios, segundo as últimas estatísticas publicadas pola Oapee (Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos), entidade responsable do programa en España. Tras el colócanse Alemaña (cun 10,2%), Francia (9,6%) e Irlanda, cun 8,2% do total. Esta opción de mobilidade para FP nace baixo o espírito de fomentar o intercambio de estudantes entre os países da Unión Europea (UE) que impregna o plan Bolonia, e para poder acollerse a ela os centros deben contar cunha Carta Universitaria Erasmus, que se solicita directamente á axencia executiva do programa, situada en Bruxelas. ­Unha vez concedido este documento base, a seguinte petición realízase ante a axencia estatal da Oapee, situada en Madrid. Para obter a Carta Erasmus, os centros deben asumir unha serie de compromisos, como asinar acordos coas institucións coas que se leve a cabo a mobilidade, non cargar con ningunha taxa académica ós beneficiarios das estancias ou garantir a titorización do alumnado e a organización das súas prácticas, entre outros.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS