Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Lourenzo Fernández Prieto, onte na nosa redacción FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ |
Os dous anos e cinco meses que formou parte do goberno do reitor saínte da USC, Senén Barro, foi onte tema reincidente do inquérito que os lectores do Grupo Correo Gallego lle fixeron ó candidato Lourenzo Fernández Prieto. "Fixemos todo o posible por cumprir o programa acordado, pero primaron máis as inercias cá vontade de cambio. Considerei que o máis decente era saír". Pero un internauta teimou no tema e mesmo o acusou de ser "un home demasiado apegado ó poder". O catedrático de Historia Contemporánea lembrou os seus "25 anos participando na vida universitaria, no claustro desde que era bolseiro,no consello de goberno, sempre fóra do grupo que mandaba. O poder é a forma de mudar as cousas, por iso me presento a estas eleccións e por iso dimitín no seu día do goberno".
Fernández Prieto preséntase como independente, pero tamén onte o animaron a admitir "que todos sabemos que vostede é o candidato de Universidade Aberta". "Sempre fun de UA, pero non son o candidato de UA, senón da universidade para a universidade. UA apóiame e constitúe o xermolo de masa crítica necesaria para articular o cambio que propoño... Independente nunca fun nin serei. Son libre, que non é o mesmo", respondeu. Neste mesmo sentido, matizou que "o tempo das plataformas e grupiños acabou" e afirmou que se chega a reitor, gobernará "desde as ideas e os principios".
"¿É vostede do Bloque?", disparáronlle. "Son galeguista e nacionalista", e comparouse neste aspecto con "Gallásteguir (o da Misión Biolóxica e os millos híbridos) como o foi Paz Andrade (fundador de Pescanova e emprendedor)... claro que se por iso teño vontade e capacidade de transformar o futuro...". Pero sen ser antiespañol, "nin antinada".
"Temos que ir ás spin out"
Fernández Prieto apoiou onte o emprendemento como vía de futuro de todas as universidade innovadoras. "Pero é hora de saber qué sentido ten para a institución. Alén das spin off teremos que pasar ás spin out e ó servizo dos egresados. O meu modelo é Zeltia e Sargadelos."
"O primeiro, o financiamento"
Sobre cal será a súa primeira medida se chega a reitor, o catedrático de Historia ten clara a resposta. "Sen dúbida, a primeira e máis necesaria será garantir o acordo de financiamento coa Xunta". Pretende acadalo no primeiro ano de goberno e por dez anos.
Excelentes todas as áreas
"Os servizos de investigación, moi potentes, deben ser para todos", teimou, alén do selo de excelencia da área biomédica, "e niso vai consistir a nosa política científica". Amais salientou un plan de captación e promoción claro e estable, en referencia ós Parga Pondal e Ramón y Cajal.
