Hemeroteca web | RSS  RSS     Martes 17.09.2019 Actualizado 00:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

80 anos despois

Ferreira quixo ler

Campesiños e emigrantes construíron en 1931 a escola de San Sadurniño ·· Os antigos alumnos lembran a dureza da posguerra e a entrega dos profesores

PATRICIA HERMIDA . FERROL   | 04.07.2010 
A- A+

CÉSAR GALDO
Antigos alumnos das escolas rurais da posguerra lembran 80 anos despois como se alfabetizou Ferreira
FOTO: CÉSAR GALDO

Cabezas prateadas elévanse cara ós fogos de festa, disparados pola memoria dos últimos 80 anos. Tantos como os da vella escola: financiada, construída e fundada polo pobo de Ferreira en 1931. A principios do século XX, a miseria roldaba a esta parroquia de San Sadurniño (A Co­ruña). A salvación chegou cando os homes marcharon a América e enviaron diñeiro para alfabetizar as aldeas. Cam­pesiños e emigrantes asentaron as bases da ilustración. E aque­les nenos da guerra e a pos­guerra, que corrían con zocos xunto ó mestre, convertéronse co tempo en profesores, obrei­ros cualificados, escritores, em­presarios...

Peitean canas e achaques, pero nas súas carteiras gardan a pri­mera foto da súa infancia: algúns "alindando vacas", outros emba­rrados ante a vella escola. E xuntáronse para recordar a im­portancia daqueles pupitres nas súas vidas. "Durante os anos 50, a escola estaba chea de alumnos: nenos e nenas estabamos separa­dos, e tamén se trazou unha liña no chan para dividir­nos porque se levaban mal os mestres", relatan. Nunha festa pola reapertura da escola como local social, tras a fin das clases en 1972, os alumnos loan os profesores: "Vivían na escola, eran moi bos dando clases e axudaban a buscar bolsas, a progresar e a ter un futuro". Segundo o alcalde de San Sadurniño, Secundino García, "toda esa educación logrouse grazas ós cartos dos emigrantes, creouse o primeiro centro educativo a partir da iniciativa veciñal". Antes, ata as clases dábanse nas cuadras. Os pais de moitos destes nenos de posguerra non sabían ler nin escribir, "e aprenderon coa axuda dalgún ve­ciño, con ensinanzas improvisadas nun almacén".

Ós seus 89 anos, Delfino Hermida recorda eses anos: "Despois da Guerra Civil, o ensino pegou un baixón tan grande que ata xente sen formación daba clases". Mestres republicanos quedaron apartados da súa profesión ou expatriados. Delfino, que se define "como un home de arado de formación autodidacta", chegou a dar clases substituíndo algún docente. O seu pai, un campesiño analfabeto que aprendeu a ler xa moi maior, aloxaba na casa familiar os profesores. Ata 1928, as clases impartíanse en adegas.E imperaba o absentismo: "A prioridade das familias era a subsistencia e a escola quedaba para os días que non había trabal­lo para os nenos nas casas", recorda Delfino. A maioría dos fogares nin servían para acoller ó mestre, que adoitaba aloxarse na única taberna da parroquia.

Ata que os aventureiros deci­deron viaxar a Arxentina e Uruguay, "portando o estigma do analfabetismo, sen oficio". Segundo Delfino, "esta cir­cunstancia fíxolles depender dos que sabían ler e tamén creou un espírito de solidariedade". Tras as primeiras estreitezas, aqueles emigrantes empezaron a en­viar diñeiro. E crearon a Sociedade Pro-Escolas de Ferreira, con sede en Bos Aires e Montevideo, "para acabar co analfabetismo na parroquia".

Emilio Naveiras, con catro dos seus dez irmáns nas Américas, coordinou o proxecto desde Galicia. O resultado da comisión entre emigrados e veciños gárdase como ouro en pano nunha foto que conserva Delfino. Aparecen os homes que organizaron a construción das dúas escolas en Ferreira. E entre eles, o seu pai: aquel home que non sabía escribir pero que loitou para que o pobo aprendese.

 

Pasar máis fame ca un mestre de escola, a pura realidade

Houbo un tempo no que se cumpría ao pé este dito: "Pasas máis fame que un mestre de escola". Gonzalo Rodrí­guez admite que esta sen­tenza se aplicaba perfectamente ó seu pai: Don Dositeo, un dos pro­fesores máis queridos e re­cordados en Ferreira. Impartiu clases na pos­guerra, cando entre os escolares corría o tifo e a fame. Nas casas máis afortunadas, a comida limitábase a "patacas con unto e verzas, os ovos vendíanse para lograr cartos, non se probaba o peixe". E nos montes pelexaban a tiros maquis e Garda Civil. Ata alí chegou Dositeo, "do­cente da posguerra, dende O Incio e Navia de Suarna para buscar a vida".

En Ferreira naceron os seus fillos Marisol, Lolita e Gon­zalito: "Na propia escola, alí viviu a familia durante anos". Gonzalo recorda agora, desde unha escola reconvertida en local social con fondos municipais e da Deputación, "como xo­gabamos cos demais nenos, a unha veciña tratámola toda a vida como unha avoa". Pero o mestre Do­siteo tivo que vender viños e chocolates para subsistir. "Para completar o xornal, colleu outro traballo como representante de bebidas", admite o seu fillo. Todos os días, tras dar clases, Dosi­teo collía a súa bicicleta e per­corría outras localidades para vender as súas mercadorías. A pesar da miseria, Gonzalo garda "moi bos recordos, en Ferreira había xente moi emprendedora e moití­simos alumnos saíron adiante".

Entre aqueles escolares do rural, o fillo do maes­tro recorda a Cándido Hermida, o xigante da madeira galega, ou ós pro­motores de Construcións Cobelo. A pobreza fomen­taba a imaxinación e in­cluso en Ferreira creouse unha cooperativa agraria, impulsada por Dositeo. "Pero ou salario non daba para criar os tres fillos e a min leváronme ós Ancares, para que me criase a miña madriña", recorda Gon­zalo. Nas localizacións, festas e xentes de Ferreira, inspírase a obra teatral Mal de Moitos, estreada no Jofre en 1917 e repre­sentada mil veces en San Sadurniño. Gonzalo tamén a interpretou, nacendo así un amor pola escena que o levou a crear a Asociación de Amigos do Teatro Jofre.

Os irmáns Jesús Ma­nuel e Vicente Fresco re­presentaron o Mal de Moitos e acudiron a escola ata que cumpli­ron doce anos: "Aqueles mestres axudaron moití­simo a nosa xeración, aca­daban bolsas, buscaban un instituto ou unha mestría para os rapaces, acompa­ñaban os pais nunha época tan complicada".

 

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS