Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O conselleiro de Economía, Javier Guerra, onte presentando o novo plan de investigación e innovación FOTO: AXENCIAS |
O Consello da Xunta deulle onte luz verde ó novo plan de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, I2=C, cun investimento de 1.200 millóns durante a súa vixencia, unha estimación presupostaria que para o ano que vén prevé 192 millóns e que nos sucesivos "nunca será menor".
Dúas cousas destacaron onte na presentación que do novo plan fixeron o presidente Alberto Núñez Feijóo e o titular de Economía e Industria, Javier Guerra. Por unha parte, o imperativo de rendibilidade económica inmediata ou, en palabras do presidente galego, investir "de forma responsable". Así, o conselleiro Guerra subliñou que este plan "vai destinar moitos máis recursos" có anterior -un 45% máis, dixo- pero buscando un rendemento. "Non se trata de xerar coñecemento senón de aplicalo á economía real", salientou o conselleiro que incidiu en que "Non ten sentido investir se non se ten en conta o retorno". Esta máxima ten que aplicarse tanto á investigación básica -no ámbito das universidades- como ao ámbito empresarial, resaltou Guerra.
Ten, explicou, "vocación de crecemento empresarial, de creación de empresas con base tecnolóxica". Así unha das principais características que destacou é a creación de unidades de "colaboración" entre as empresas e as universidades, xa que este plan promove os "grupos conxuntos", algo que, indicou "se fai con total normalidade noutros países" como Alemaña.
Por outra parte, Guerra incidiu na "necesaria adaptación do sistema galego de universidades" e defendeu a aplicación dunha "política de sentido común", que supón -indicou- "igualar as necesidades coas ofertas". En todo caso, asegurou que "todos os plans" que se leven a cabo "van ser acordados" coas universidades, pero advirte de que "non ten sentido crear unha superes- trutura que non se pode asumir". "Non imos reducir o equipo de investigadores, trátase de crear unha carreira que sexa realista. Non estamos a falar de reducir, senón de adaptar ás necesidades reais", aseverou o conselleiro e matizou que "a redución de investigadores non vén dada por este plan, senón polas necesidades das universidades".
Guerra defendeu que os contratos de investigación de 2010 están "prorrogados todos" e aprobáronse 15 proxectos coas universidades. Así, indicou que a partir de xaneiro se van seguir desenvolvendo "este tipo de programas", como o Parga Pondal, pero "sempre tendo en conta as necesidades". Sobre ese programa en concreto, dixo "non saber se se vai chamar igual" o ano que vén, pero afirmou que o plan de formación de carreiras profesionais "se"garante, sempre de acordo coas necesidades do sistema, non xerando expectativas que logo non se poden manter a longo prazo".
Precisamente, a Xunta investirá 1,3 millóns de euros na contratación de 15 investigadores con carreiras consolidadas por parte das universidades e que se incorporarán ao Sistema Galego de Innovación. As institucións académicas recibirán unha axuda bruta por traballador de 34.200 euros para facerlles fronte aos custos laborais do primeiro ano e a principal novidade desta convocatoria é que as universidades deberán cofinanciar os contratos nunha porcentaxe do 10 e 20% na segunda e terceira anualidade.
192 millóns para o ano que vén
O novo plan contempla 1.200 millóns, fronte ós 830 cos que se dotará o que agora expira. O vindeiro ano destinaranse 192 millóns, dos cales as universidades levarán o 35%, ás empresas correspóndelles un 20% do investimento para innovación e un 5% para investigación. Os organismos públicos de investigación, como o CSIC ou o Oceanógrafico) levarán un 10%.
Non hai docencia para todos
A Xunta entende que non se pode seguir contratando ó mesmo ritmo que antes porque non todos os investigadores lograrán conseguir un emprego estable. Segundo o Executivo, as universidadeas só teñen a opción de contratalos como profesores que compaxinen investigación e docencia e nos campus non hai posibilidade para absorbelos a todos.
