Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
O interese por participar na segunda convocatoria de Campus de Excelencia Internacional (CEI) creceu, en comparación coa primeira, ata concorrer todas as universidades públicas (50) e a metade das privadas (14), que presentan en conxunto 49 proxectos, deles 32 novos. Na convocatoria constan dous galegos, o do Campus do Mar "Knowledge in depth" -das tres universidades do país- e o proxecto "Tecnoloxías para a sustentabilidade económica, social e medioambiental", das institucións coruñesa e olívica.
Segundo informou onte o Ministerio de Educación, 64 destas institucións de educación superior participan nos proxectos de agregación presentados en 2010 a este programa, que se xestiona en coordinación co Ministerio de Ciencia e Innovación. Deles, 17 xa se rexistraron en 2009, foron seleccionados para a avaliación internacional e solicitan agora unha nova cualificación. É o caso do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que aparece na lista.
Algunhas universidades participan en máis dun proxecto e a maior parte das propostas están apoiadas por polo menos dúas delas.
A través dun comunicado, Educación eloxiou o "esforzo de planificación estratéxica" das universidades, baseado en políticas de agregación, e o ascenso do número de participantes. Así, pasouse dun 84% das universidades públicas en 2009 ao 100% este ano; un terzo das privadas concorreron hai un ano e agora fano a metade. Como mostra de internacionalización, Educación destaca os proxectos transfronteirizos e xeoestratéxicos que propón campus relacionados co Atlántico, Portugal, os Pireneos, o Mediterráneo e Iberoamérica.
A mediados de xuño coñecerase o resultado dunha primeira avaliación dos proxectos, a cargo dunha comisión técnica de 21 expertos de prestixio recoñecido. Nesa resolución determinaranse os proxectos financiados no subprograma de Fortalecemento (dotado con 13,5 millóns de euros), solicitado por 42 dos proxectos. Tamén se seleccionarán os do subprograma de Excelencia, que deberán optar á segunda fase. Estes serán examinados a mediados de setembro por unha comisión internacional, cuxa decisión se publicará, previsiblemente, a últimos de outubro.
Nesta segunda convocatoria, os proxectos de agregación presentados cimentáronse máis aínda nas alianzas e a especialización, na que se observa unha maior diversificación: enerxía, medio natural, turismo, desenvolvemento sostible, saúde, calidade de vida, discapacidade, agroalimentación, tecnoloxías mariñas, tecnoloxías da información e a comunicación ou patrimonio cultural.
