Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

catedrática emérita da USC

Inmaculada Paz Andrade: "Si que pensei en tirar a toalla. Ser muller e competir na universidade é moi duro"

Primeira catedrática de Física da USC, recoñece que a presión á que se viu sometida na carreira a levou a formularse "fuxir de semellante inferno". Superada a idade de xubilación, segue animada a investigar, pero maniféstase preocupada polo futuro de mentes brillantes

OLAIA UCHA/AGN . SANTIAGO   | 07.02.2011 
A- A+

A científica Inmaculada Paz Andrade no seu despacho

Inmaculada Paz Andrade (Pontevedra, 1928) é pioneira en moitos ámbitos. Foi a primeira muller encargada de cátedra da facultade de Ciencias, a primeira profesora agregada da de Química e a primeira catedrática da facultade de Física. Recoñecida internacionalmente no ámbito da termodinámica e da microcalorimetría, un dos fitos na carreira da catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi a creación dun grupo galego de prevención e extinción de incendios forestais. O seu currículo supera xa as 300 publicacións científicas e, con todo, segue investigando e acudindo todos os días ó seu despacho da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

 

Foi a primeira muller catedrática de Física da USC. Considérase unha pioneira?

Creo que si. Desde que gañei as oposicións, tiveron que pasar quince anos para que se producise o mesmo cunha discípula miña, e desde entón quince máis para que outra alcanzase o posto máis alto do profesorado universitario. É curioso, imos de 15 en 15 anos.

 

Por que se decantou pola investigación?

Como nesa época os laboratorios para facer a tese eran tremendamente "pobres", marchei cunha bolsa ó Institut de Microcalorimétrie et de Thermogènese de Marsella (Francia) e alí foi onde se fixo visible o meu amor pola investigación. Se non me cegaron os medios e a forma de traballar, talvez me iría da universidade ó terminar a tese.

 

Pensou en tirar a toalla?

Indubidablemente si. Ser muller e competir na universidade é moi duro. En 1973 competín cun colega por unha praza. Crucificáronme, lisa e simplemente. Ao final retireime porque non resistín a presión. As ideas políticas tamén xogaron un papel importante. Sufrín unha tremenda depresión e a miña primeira idea foi fuxir de semellante inferno, cambiar de profesión, pero o profesor Skinner, da Universidade de Manchester, pediume que me fose para alí. Regresei completamente curada e fortalecida para loitar contra os elementos. Fun catedrática en Manchester antes que en España. Sabía que se aquí me volvían facer unha faena o meu destino era irme cara a alá, onde o tiña todo. Magníficos equipos, estupendo ambiente e moita consideración. Non necesitaba máis.

 

As científicas seguen sendo menos visibles que os seus compañeiros?

Cando tes un magnífico currículo, quen che pode pó rpegas? Se recibes premios e distincións, que che importa o que pase ao teu redor?

 

Creceu no seo dunha familia ilustre e ilustrada...

A familia é sempre moi importante na formación dun individuo: edúcate, ensínache a adoptar unha actitude fronte á vida, transmíteche inquietudes intelectuais, dáche exemplo. Eu débolle moitísimo á familia.

 

A súa idade de xubilación xa pasou. Que motiva a un científico a seguir tras tantos anos de carreira?

Teño ganas e aptitude mental e física para seguir facendo investigación. En Madrid séguenme concedendo proxectos, publico unha media de cinco traballos de investigación por curso, sigo sendo mestra e conselleira dos meus discípulos, vou ós congresos internacionais e tomo parte neles... Por que tería que retirarme? Mentres a universidade queira e eu me atope ben seguirei.

 

Durante anos dedicouse á docencia e á investigación.

A investigación é máis cómoda. Non é esixente, fala e xa está. A docencia é todos os días a unha hora determinada, atópeste ben ou mal. Ten, con todo, o aliciente dos alumnos novos, as súas esperanzas e a súa inxenuidade. Fante sentir novo. É o que máis boto de menos.

 

Como valora o nivel científico de Galicia na actualidade?

É bo. O que queira investigar pode facelo. E senón sempre nos quedaría saír ó estranxeiro. É un costume sanísimo para a formación científica, intelectual, humana e espiritual. España non ten nada que envexar a algúns países aos que nos iamos antes. Ollo, non a todos. Por exemplo, Francia. Avanzamos moitísimo en laboratorios e en formación. Agora non hai desculpa para dicir "non podo, non teño medios".

 

Está afectando a crise á investigación nas universidades?

No meu caso non. Talvez en contratación dos doutorandos. Pero, sobre todo, preocúpame moito que persoas intelixentes e ben preparadas teñan un futuro tan incerto. Por que ese mantra que se repite dunha forma desaforada todos os días para que os nosos mozos se vaian a Alemaña?

 

Por que segue ardendo Galicia?

Porque lle plantan lume. Por que? É unha boa pregunta e a todos nos gustaría saber a resposta. Teño algunhas certezas e algunhas sospeitas, pero non probas.

 

A posible solución?

Cortar as mans que incendian o monte. En sentido metafórico, eh. Hai que illar o monte do intruso que o viola e o queima, e sobre todo hai que vixialo. Hai que mentalizar a xente de que o solo se perde e recuperalo pode tardar millóns de anos, de que cada vez aflora máis a rocha e sobre as rochas non nacen árbores...

 

En 2008 recibiu a Medalla Castelao. Que supuxo para vostede?

Foi un dos días máis felices da miña vida. Na miña familia xa lle concederon unha a Valentín Paz Andrade, pero que ma concedesen a min, conmoveu a miña alma...

AS FRASES

"Hai que illar o monte do intruso que o viola e o queima. Hai que mentalizar de que o solo se perde e recuperalo pode tardar mi- llóns de anos, cada vez aflora máis a rocha e sobre as rochas non nacen árbores..."

"Preocúpame moito que persoas intelixentes e ben preparadas teñan un futuro tan incerto. Por que ese mantra que se repite dunha forma desaforada todos os días para que os nosos mozos se vaian a Alemaña?"

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS