Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Varios investigadores nun laboratorio da Universidade de Santiago de Compostela |
Santiago E. leva máis de cinco anos encadeando contratos por obra e servizo na USC cun salario de mileurista. Durante ese tempo participou en proxectos de interese internacional e foi gañando o respecto dos seus colegas no estranxeiro. Pero en breve podería ir ó paro. A súa única esperanza é que as próximas convocatorias de persoal investigador deixen de excluír os que xa teñen tres anos de experiencia.
Ademais do plano científico, a precariedade laboral pasa factura tamén na vida persoal. "Nunca podes planificar nada, nin decidirte a ter unha hipoteca", subliña E.
O impacto da medida tamén preocupa ós responsables dos grupos de investigación que se ven privados de contratar a xente máis capaz e mellor formada. En moitas disciplinas, afirman fontes consultadas, resulta imposible elaborar unha tese doutoral en só tres anos polo que se cortará a rentes a etapa de formación e consolidación dos novos investigadores.
Os investigadores da Universidade de Santiago (USC) teñen cada vez máis complicado o seu futuro laboral. As catro últimas convocatorias de persoal para contratos por obra e servizo introduciron unha cláusula que exclúe boa parte dos candidatos. Tras a entrada en vigor da reforma laboral, a USC limitou as prazas a aqueles que xa levan tres anos traballando para a institución. Os sindicatos CCOO e CIG entenden que este condicionante é ilegal e discrimitario. A central nacionalista xa o denunciou no xulgado.
A polémica reforma laboral aprobada en xuño por real decreto introduciu unha medida para acabar coa temporalidade. Os traballadores que durante dous anos ou tres, segundo os casos, encadeen contratos cunha empresa pasarán directamente a ser indefinidos. A USC agárrase a este punto para limitar as novas convocatorias de prazas. Considera que os investigadores adquirirían esa condición "á marxe dos procedementos ordinarios de persoal ó servizo das administracións públicas", segundo a resposta dada polo reitor Juan Casares Long ante as protetas da CIG. Casares alerta de que se saltarían os principios de "igualdade, mérito e capacidade".
Pero a interpretación das centrais é diferente. María Sánchez, responsable de acción sindical de CCOO da USC afirma tallantemente que "a problemática actual" non ten nada que ver coa reforma laboral. Asegura que en setembro, o Goberno retocou o real decreto e estableceu unha excepción para o persoal investigador por obra e servizo que traballa para as universidades. Con todo, desde a CIG mírase con receo este punto que non ven suficientemente claro. "É unha normativa para acabar coa precariedade laboral, non para que fagan xusto o contrario", indica Cristina Goy, delegada da sección sindical da CIG.
Aínda que non hai cifras oficiais, as centrais calculan que unhas 800 persoas poderían ver frustrada a súa carreira investigadora e acabar no paro. A USC utiliza este persoal para realizar proxectos puntuais financiados por empresas privadas ou por algunha administración pública. En teoría, cando se acaba o proxecto deixa de facer falta ese posto de traballo, pero na práctica numerosos científicos levan anos no mesmo grupo de investigación encadeando contratos. Coa lei na man, entenden os sindicatos, xa poderían denunciar á USC e esixir que os convertese en indefinidos, ata antes da reforma laboral. Pero a maior parte non emprendeu accións legais. CCOO e CIG cren que a universidade compostelá teme agora unha fervenza de denuncias e por este motivo decidiu limitar as convocatorias.
O reitor Juan Casares comprometeuse a buscar unha solución que permita cumprir coas esixencias en materia laboral e manter a actividade investigadora da USC. Pero os sindicatos advirten de que a exclusión das convocatorias ten exactamente o efecto contrario. "Con esta acción a universidade estase cargando a investigación, non se pode estar formando o persoal cada tres anos", indica Goy.
"Resentirase a calidade científica, non é normal que te boten cando es máis útil"
"Vaise resentir a calidade científica, non é normal que te boten cando es máis útil", indica o mozo investigador que prefire permanecer no anonimato. Santiago E. prognostica que a Universidade de Santiago de Compostela terá moitos problemas para manter un nivel aceptable de investigación se non rectifica a súa política laboral. "A investigación permítelle á universidade xerar ingresos gañando convocatorias, pero en moitos grupos só vai quedar a punta da pirámide, o profesor que tamén dá clases", explica en conversa con este xornal o investigador.
