Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Salustiano Mato onte tras coñecer os resultados que lle daban a vitoria para dirixir a UVigo FOTO: DUVI |
Salustiano Mato de la Iglesia, catedrático de Zooloxía, toma as rendas da Universidade de Vigo tras os comicios do xoves nos que derrotou o seu opoñente Jaime Cabeza por unha pequena marxe.
O candidato de Alternativa Universitaria valora o apoio do colectivo de doutores, investigadores e alumnos e confesa que o esperaba, pero pensando "que a diferenza ía ser incluso máis axustada. Ó final, gañamos por certa folgura, porque tres puntos con voto ponderado é bastante folgura".
Non obtivo o mesmo apoio entre o persoal de administración e servizos, un "rexeitamento" que se dispón a "analizar con calma". Ó seu ver "é probable que a min a campaña se me fixo moi curta e non tiven a oportunidade de falar coa intensidade que debería de ter falado cos PAS".
Sobre os retos da súa xestión, a lousa da crise é un hándicap que afronta con optimismo abondo. "Son os mellores tempos para aceptar este desafío. Precisamente, o que resulta máis apaixonante e máis emocionante é xestionar unha universidade en momentos difíciles para converter as dificultades en oportunidades".
Mato afronta o proceso de negociación do novo plan de Financiamento para o SUG "con ganas", e teima na súa invitación á Xunta "a que nos vexa como un investimento, non como un gasto. Non se trata de pedirlle máis cartos a fondo perdido, senón máis fondos a cambio de obxectivos que gañemos".
Ós que o tachan de "americanista" e de potenciar os grupos grandes en detrimento dos pequenos, respóndelles que "queren café para todos e eu quero o principio de mérito e capacidade". Amais rexeita que haxa grupos grandes ou pequenos, senón "boa investigación ou non".
Campus do Mar: Galicia no mundo
A Universidade de Vigo presentará o vindeiro 31 de maio a candidatura de Campus do mar ó concurso de Excelencia internacional dos ministerios de Educación e mais Ciencia.
Deste programa estratéxico, Mato espara acadar "un recoñecemento e prestixio internacional, cunha visibilidade singular da Universidade de Vigo. Polo tanto, unha imaxe de marca que permita a través da UVigo poñer Galicia no mapa europeo e do mundo. Así, como Campus Vida debe servir para poñer o sistema universitario galego no mapa europeo e no mundo. Esta é a lóxica coa que debemos traballar, a da cooperación e non a da competencia interna na que non imos gañar nada. Ó mellor é moi americano, pero é como pensamos nós".
Claustro de 241 membros
Os resultados electorais da Universidade de Vigo deron lugar a que o citado órgano da institución quede composto por 241 membros, xunto co reitor electo, Salustiano Mato -que o presidirá-, a secretaria xeral, Inmaculada Valeije, e a persoa que sexa designada xerente.
Os profesores funcionarios doutores elixiron os seus 128 representantes, do mesmo xeito que ocorreu co persoal docente e investigador, que achega 23 membros, e o persoal de administración e servizos, con 25 membros. O colectivo de estudantes elixiu 65 representantes para un total de 75 prazas que lles correspondían.
O 53,11 por cento do Claustro corresponderalles ós profesores funcionarios doutores, sendo a ETS de Enxeñería Industrial a que terá máis representantes (14), seguido da de Telecomunicacións (13), e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais (12) e Filoloxía e Tradución (10). Os centros de Bioloxía e Ciencias Xurídicas e do Traballo foron das facultades onde a elección estivo máis rifada, con 12 candidaturas para 7 prazas na primeira e 10 candidaturas para 5 prazas en Ciencias Xurídicas.
Entre os estudantes, os centros que achegan máis alumnos son as dúas escolas de enxeñeiros industriais, que terán 15 representantes.
En canto ó PAS, saíron 25 representantes de entre 58 candidaturas. As dúas candidaturas ligadas á CIG, Queicoiñas e Os Batáns, conseguiron conxuntamente un resultado que cualificaron como "histórico", ó obter 22 claustrais dos 25 en xogo.
