Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Como un curso "con expectativas de signo diferente, en parte animosas, en parte inquietantes" definiu o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o ano académico que este venres inaugurou por primeira vez como reitor no campus de Ourense. Tras manifestar a súa preocupación polas consecuencias que a crise económica global están a ter no Sistema Universitario Galego, Mato demandoulle á Xunta de Galicia a concreción dun Plan de financiamento para o período 2011-2015 no que se fomente un modelo de contrato programa por obxectivos de xeito que as universidades reciban fondos en función de resultados. Ademais o reitor reclamou que nos Orzamentos Xerais do Estado para 2011, o investimento en I+D+i sexa unha prioridade. "Non podemos deixar de investir en I+D se realmente queremos cambiar o noso modelo produtivo e facer do coñecemento a base do noso futuro, porque cada euro que se destina a investigación xera PIB, emprego e ingresos", afirmou o reitor.
Referencia expresa realizou na súa intervención o reitor ao proxecto do Campus do Mar e asegurou que cara á súa avaliación por parte dunha comisión internacional o vindeiro mes de outubro para determinar a súa excelencia internacional, con independencia do resultado final que se acade na convocatoria "Campus do Mar será unha realidade que dá resposta á reclamación de Galicia e o Norte de Portugal, que demandan ao unísono a excelencia como unha fórmula vital para o progreso da humanidade".
O campus de Ourense centrou boa parte da intervención do reitor que sinalou a informática, o termalismo, o turismo, o medio natural e a innovación social como elementos singulares polos que a Universidade de Vigo aposta para a súa consolidación, "en total harmonía coa cidade e a provincia". As pistas deportivas, o campo de rubgy e a escola infantil foron as infraestruturas ás que o reitor aludiu como de próxima posta en servizo no campus ourensán, mentres que no de Pontevedra confirmou a inauguración da gardería o vindeiro mes de xaneiro e manifestou a súa expectativa de que este curso sexa o definitivo para desatascar as barreiras do Edificio das Artes, así como a posta en servizo da residencia de estudantes. Xa no campus de Vigo, Mato, confirmou o inicio das obras de construción da escola infantil, remátase o novo CACTI e iniciarase a construción do Centro de Investigación Biomédica, Cinbio. Mato manifestou tamén o seu compromiso para acadar unha maior estabilización laboral, sobre todo do persoal investigador.
UNED olívica con tres carreiras
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, insistiu este venres en que a cidade contará cunha aula da UNED na que se poderán realizar as probas de acceso para maiores de 25 e 45 anos e se impartirán clases de varias carreiras, concretamente "tres" e que serán Dereito, Psicoloxía e Educación Social. A Xunta de Goberno Local aprobou a petición "firme e formal" desta aula e que xa se remitiu ao padroado da UNED en Pontevedra e na que concreta a súa solicitude de servizo dotado cos cursos de acceso e as clases das citadas carreiras, se ben máis adiante se decidirán novas titulacións. O Concello inclúe un compromiso presupostario de 230.000 euros -con cargo ás contas de 2011- e unha solicitude de sinatura de convenio.
