Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
O catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular Jaime Gómez Márquez formalizou onte a súa candidatura a reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) comprometéndose a traballar "dunha forma máis pegada á realidade", co fin de eliminar a "elitocracia" e retomar un xeito "máis participativo" de dirección. "Fronte á cultura do emprendemento como obxectivo principal da Universidade, temos que recuperar o prestixio da docencia e da investigación como fonte de todo coñecemento e innovación", resaltou o sexto candidato en formalizar a súa aspiración.
Gómez Márquez definiu como "un éxito" do actual equipo de goberno a concepción do Campus Vida aínda que recalcou que un proxecto desa envergadura, a moitos anos vista, "fíxose de costas á comunidade educativa". Por iso, apostou por "reconducilo e modificalo" xa que, ó seu ver, é un proxecto que "consome moitos recursos". Nesta liña, criticou que non se poden abrazar sen máis os proxectos faraónicos" que, ó seu parecer, "poden levar a un endebedamento aínda maior", e que "pode acabar na quebra económica da institución".
Ante a pregunta de xornalistas sobre a posibilidade de que a Universidade de Santiago se estea centrando nas carreiras biosanitarias e deixe de lado o resto, o catedrático sinalou o feito de que haxa grupos de investigación moi fortes en biomedicina "non significa que haxa que descoidar o resto".
Por outra banda, despois de que os seis candidatos asinasen o xoves un acordo en contra do pacto asinado entre os responsables das tres universidades galegas e as Consellerías de Sanidade e Educación sobre a docencia de Medicina, Gómez Márquez insistiu en que é "necesario denunciar o acordo e volver ao momento de partida".
