Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Mercedes Brea respondeu onte ás preguntas dos internautas FOTO: ANTONIO HERNÁNDEZ |
Mercedes Brea (A Estrada, 1950) concorre ás eleccións da USC co apoio da Plataforma Universitaria Progresista (PUP), o grupo docente do actual reitor, Senén Barro, que leva apoiando o goberno da univesidade compostelá 25 anos. Pero a súa, insistiu onte nun encontro dixital cos lectores deste diario, é unha candidatura independente. "Non teño nin idea (de cantos profesores do meu equipo) son da PUP. Non llo preguntei a ningún, porque non utilicei eses criterios de selección", respondeu a unha das preguntas.
"O único perfil que me interesa das persoas do meu equipo, ademais da calidade humana, é o perfil académico. Por iso busquei as persoas que me parecían máis axeitadas para cada posto, sen aplicar criterios discriminatorios", replicou a outra cuestión sobre a pertenza ó Opus Dei dunha integrante do seu equipo.
Brea manifestou noutras respostas o seu apoio á estabilización dos investigadores Parga Pondal ou Ramón y Cajal e encarou tamén que suxería que o seu caso é un exemplo da endogamia universitaria, xa que o seu marido e a súa cuñada son profesores coma ela. "Meu pai era taxista e o meu sogro, viaxante para comercio. Onde está a endogamia? Os tres somos da mesma xeración e o normal é que moitos acabemos emparellados cos nosos compañeiros de traballo, ou non? Engado outro dato: teño dous fillos, os dous no paro", detallou.
Sobre a USC que herdará se gaña, a catedrática de Filoloxía Románica subliñou que "antes de tirar abaixo o que está feito, hai que meditalo e estudalo ben". "Non comparto absolutamente todas as decisións dos equipos anteriores, pero algunhas temos que asumilas como institución, porque a lealdalde a esta está por enriba de todo. En calquera caso, todos os equipos fixeron cousas ben e cousas mellorables, porque todos somos humanos", dixo.
Con todo, recoñeceu que a "USC penso que está proporcionalmente endebedada"
Campus vida é futuro
"Campus Vida é un proxecto de futuro que haberá que ir acometendo a medida que dispoñamos de garantías para levar a cabo cada unha das accións que engloba", matizou. A repercusión económica non se saberá ata dentro duns anos, dixo, e reivindicou a Veterinaria neste proxecto.
Filoloxía, Ramón Piñeiro e ILG
"A Facultade de Filoloxía combina docencia e investigación, o Instituto da Lingua galega e o centro Ramón Piñeiro fan só investigación sobre o galego. Hai proxectos diferenciados nos dous organismos e outros que deberán coordinarse para optimizar os recursos", defendeu a filóloga a pertinencia dos tres .
Revisar máster e doutoramentos
Brea considera que a adaptación ó Espazo Europeo de Educación Superior ten moitas deficiencias e "non todas imputables á USC". "Ós graos hai que darlles tempo de implantación, pero a oferta de máster hai que revisala e conviría estudar a fondo a implantación da fase de doutoramento, antes de continuar con precipitacións"
