Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Unha moza investigadora nun laboratorio universitario FOTO: PATRICIA SANTOS |
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou onte que o seu Goberno aprobará antes de que acabe o mes o Plan de investigación, innovación e coñecemento, que estará dotado con 200 millóns de euros para o ano 2011.
Na sesión de control que acolleu a Cámara autonómica, Feijóo dixo que este plan de I+D+i, que, asegura, supón "máis investimento" que en calquera ano do impulsado polo bipartito "en época de bonanza".
Pola súa parte, tanto socialistas como nacionalistas tacharon como "milonga" e "improvisado" o plan anunciado por Feijóo a dúas semanas de que expire o actual e un día antes de que o colectivo de investigadores "precarios" se manifeste ante a Xunta en Santiago polo que consideran o desmantelamento do I+D+i en Galicia e en reivindicación da estabilización dos seus postos de traballo, ante a previsión de que máis de cen investigadores queden na rúa en xaneiro.
Feijóo fixo o anuncio onte na sesión plenaria durante o debate dunha proposición non de lei impulsada polo BNG para demandar a convocatoria das axudas previstas no programa Incite.
Adiantándose á negativa do PP a apoiar a súa proposta debido á existencia dun programa propio da Xunta para o ano próximo, o voceiro parlamentario do Bloque, Carlos Aymerich, denunciou que este plan "non conta con presuposto", senón que unicamente son "proxeccións fantasiosas". De feito, referiu que na partida de I+D+i das contas para 2011 unicamente aparecen 112 millóns de euros, que se destinan ás necesidades neste ámbito da Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG), á compra de ordenadores para a Xunta e á adquisición de "programas de Microsoft".
Tamén o socialista Abel Losada fixo fincapé en que os 200 millóns de euros anunciados polo presidente galego "non aparecen" nos presupostos e demandou "respecto" polos investigadores que "aínda non saben que vai pasar con eles o ano próximo". "Están a facer escarnio, é unha indecencia política", censurou. Losada alertou tamén de posibles "retrocesos laborais", polo temor de que a Xunta recupere o sistema de bolsas en vez do de contratos.
"Non di que sexan para facer contratos"
"Douscentos millóns para que?" preguntouse onte Antonio Rodríguez, membro da Asociación de Investigadores Parga Pondal, que reaccionou onte con escepticismo ante o anuncio do presidente. "Simplemente anunciou 200 millóns, pero non dixo se eran para contratar investigadores, para proxectos de investigación...". O certo é que nos últimos dous anos quedaron na rúa 6 investigadores Parga Pondal na Universidade da Coruña, dous en Santiago e 8 en Vigo, "todos coas súas habilitacións docentes da Aneca e investigadora do programa da Xunta Manuel Colmeiro", lembra Rodríguez.
Este investigador denuncia que se eliminou o Manuel Colmeiro, o programa de estabilización dos investigadores ó remate do programa Parga Pondal. "Os primeiros tres anos pagaríaos a Xunta e logo asumiríaos o centro de investigación, que, no caso dos 16 que están na rúa, serían as universidades". E teima en que segue entrando xente no programa Parga Pondal -a Xunta convocou 15 prazas, "quince cravos no cadaleito da I+D+i Galega, denuncian Precarios-Galicia-, pero sen visos de estabilización. "Dos outros programas non temos noticias de que se convoquen prazas", di.
Xa que logo, o colectivo mantén para hoxe ás 12.00 unha manifestación fronte á sede da Xunta en Santiago -pola parte de atrás, fronte á estación de autobuses- en reivindicación da estabilidade dos seus postos de traballo, "tanto dos que aínda estamos dentro como dos que quedaron na rúa".
Precarios-Galicia, que aglutina os investigadores Parga Pondal, e a Federación de Mozos Investigadores/Precarios, rexeita "a postura que a Xunta está a tomar na xestión do sector científico e tecnolóxico galego, dado que non considera o investimento en I+D+i como unha receita de futuro contra a crise económica", denuncia, e lembra que Alemaña, Estados Unidos ou Reino Unido están aplicando esta receita "malia os drásticos recortes orzamentarios". Xa que logo, piden o apoio da sociedade ás súas reivindicacións
A Federación do Ensino de Comisións Obreiras (CC OO-Ensino) acordou sumarse á protesta, xa que considera que as políticas públicas de apoio á investigación son "un elemento fundamental para o progreso, a creación de emprego e para o necesario cambio do modelo produtivo". Xa que logo lamentan e critican que a Xunta "aniquila o sistema investigador galego" e "pon en grave risco o futuro de Galicia como país desenvolvido".
150 científicos, na corda frouxa
Este ano, 852 investigadores en toda Galicia benefícianse de distintos programas financiados pola Xunta para mozos que están realizando a tese, para os que xa leron e seguen investigando e para os tecnólogos. Son o zume que nutre a investigación tres universidades galegas. En decembro acábaselles o contrato a uns 350, e 150 quedan na corda frouxa. Son os que teñen que pasar dun programa a outro porque subiron un banzo no itinerario deseñado para a carreira investigadora. O resto ten menos problemas ó haber prórrogas nos seus contratos.
Galicia gastou un 10% menos
O exercidio 2009 supuxo o primeiro de retroceso en financiamento en 16 anos tanto a escala galega como estatal, aínda que en Galicia o descenso foi bastante maior: en só un exercicio, caeu máis dun 10%, moi por riba do descenso do 0,82% estatal. Os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) reflicten que se no exercicio do 2008 Galicia investiu en I+D 584.213.000 euros, no 2009 baixou a 524.125.000. Galicia investiu o 1,03 e o 1,04% do PIB nos anos 2007 e 2008 e baixou ó 0,96 no 2009. A media de España situouse no 1,38%.
Un 93,5 por cento menos prazas
Precarios denuncia que a última convocatoria xestionada polo Goberno bipartito, no 2008, ofertou 586 prazas para investigadores, fronte ás 15 prazas no programa Parga Pondal deste ano. "O ano pasado, o Goberno do PP reducira en máis da metade o número de prazas, cifra que agora se reduce un 93"5% ", critican. Ó seu ver, "os 600.000 euros que gastou a Consellería de Economía en publicidade permitiría ofertar 17 prazas máis; e os 950.000 de Presidencia para unha campaña de novos valores no ensino permitiría 28 . As dúas campañas suporían contratar 75 predoutorais".
