Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
Campus Vida toma forma con novos edificios ó servizo da investigación da Universidade de Santiago de Compostela (USC) en ciencias da saúde. O primeiro en pórse en marcha foi, o ano pasado, o aulario Novoa Santos, que contribuíu a desconxestionar a nivel docente a Facultade de Medicina, facilitando ademais a asistencia ás clases teóricas coa formación práctica no Clínico. Nos próximos meses, a rede seguirá crecendo, coa inauguración do Centro de Investigación en Medicina (Cimus), orientado á medicina nuclear e doenzas crónicas.
Ambos os edificios evidencian, para o reitor Senén Barro, a aposta por dotar de mellores infraestruturas a facultade, malia que o proxecto do novo espazo que permita a mudanza definitiva do centro histórico á contorna do CHUS siga en lista de espera, polas dificultades para encontrar o financiamento necesario."Cando se di que non cumprimos coa facultade porque non hai nada (construído) teño que dicir que non entendo que Medicina sexa simplemente un edificio, na concepción antiga de facultade. Hoxe concibo Medicina tamén como o aulario, no que se investiron uns 7 millóns de euros, e como o Cimus. Aíndá que non oculto que me gustaría ter o novo edificio da facultade, estas dúas infraestruturas tamén son a Facultade de Medicina", replica Barro ás críticas reavivadas pola polémica polo pacto da docencia clínica.
A USC publicou onte pola mañá na súa web un informe sobre o desenvolvemento do inicial Campus da Saúde no 2002, hoxe integrado en Campus Vida. Nel sublíñase, entre outros datos, que "a totalidade dos recursos" obtidos pola parcela do antigo Hospital Xeral, en Galeras, que ascenden a 9,8 millóns de euros, se investiu en actuacións relacionadas co desenvolvemento do Campus daSaúde e, xa que logo, en beneficio directo da Facultade de Medicina.
Esta cantidade (ós 22 millóns da venda do terreo hai que restarlles 4,5 de pagos á Seguridade Social, case 2 no gasto do derrubamento e 6 que se destinaron para equilibrar o peche do exercicio económico de 2001) foi insuficiente para executar a facultade, pero arrimada a outros fondos captados en convocatorias competitivas europeas para infraestruturas de investigación foi facendo posible as primeiras pezas do Campus da Saúde.
Nestes momentos están dispoñibles e pendentes de executar 7,8 millóns de euros máis, dos que 2,8 son recursos obtidos a través da convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, e que teñen xa como destino específico a Facultade de Medicina. Os cinco restantes proceden de fondos Feder obtidos para o financiamento do Centro de Biomedicina Experimental de Galicia (Cebega).
