Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O ministro de Educación, onte no seu despacho en Madrid FOTO: EFE |
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, asegurou onte que non cre na repetición: "non produce bos resultados", aínda que matizou que non defense "que un poida suspender todas e pasar" de curso.
O ministro engadiu que hai que "pensar seriamente en como axudar máis aos estudantes" e que non ve con claridade que sexa bo incentivar unha e outra vez a repetición, "é canteira de abandono". Para Gabilondo "só se pode avanzar persoalmente na vida se un se esforza e se esixe a si mesmo".
A repetición está na clave da desmoralización e o desanimo de moitos estudantes que ata por idade se ven desarticulados, engadiu o ministro que propuxo "facer procesos de recuperación e de atención personalizada ós estudantes, e non entender que a repetición "é un himno á falta de esforzo e de esixencia". Gabilondo expuxo abrir un diálogo sobre formas innovadoras de ensinar e de aprender, de formas de avaliación, de seguimento, "se imos facer un sistema de Bacharelato no canto de falar tanto de cantas ten que aprobar un para ver se repite".
Engadiu que é imprescindíbel a flexibilidade e a apertura do sistema educativo e que vai falar diso cos axentes sociais e coa comunidade educativa, para ver que "tipo de flexibilidade" se lle vais dar ó sistema, "ir falar, ir pensar xuntos".
Referiuse ao carácter "orientador" e a certa "opcionalidade" do último curso de ESO, que permite a Lei Orgánica de Educación (LOE), e sinalou que do que se trata é de que "nesa idade poidan elixir", que haxa "flexibilidade". "Seguir o espírito da LOE e ir un pouco máis lonxe de flexibilidade e opcionalidade" pode servir para que abandonen menos o sistema educativo, "non queremos maquillar as estatísticas queremos modificar a realidade", dixo o ministro.
Gabilondo, que planea modificacións parciais na LOE, asegurou que non está "obsesionado" con estes cambios, senón coa mellora do sistema educativo, que pasa por "algunhas modificacións" de distinto tipo, unhas que non requiren cambios lexislativos e outras que si, como queda claro na proposta de reformar o último ano da ESO e o Bacharelato.
O ministro, que non é partidario de "distraer o país agora cun novo debate universal sobre a lexislación", aclarou que o citado plan non supón unha "rebaixa" do pacto educativo que finalmente fracasou. "Non renunciamos a ningún dos obxectivos nin rebaixamos ningunha das accións específicas, buscaremos maiorías no canto de grandes consensos", dixo.
"Buscarei o apoio do PP, pero non é necesario para cambiar a LOE"
O ministro de Educación, Anxo Gabilondo, quere o apoio maioritario do Parlamento, incluído o do PP, para sacar adiante unha modificación parcial da Lei Orgánica de Educación (LOE), pero matiza que o respaldo do principal partido da oposición non é indispensable para unha reforma lexislativa. Nunha entrevista Gabilondo comentou a idea de levar adiante a modificación de parte da LOE, referida principalmente a cuarto de ESO e Bacharelato.
O ministro, firme partidario dos consensos, segue crendo e buscando o acordo nos doce obxectivos do Plan de Acción Educativa aprobado recentemente. Coa educación transferida só se pode traballar con acordo, consenso, colaboración, cohesión, e "oxalá algún día non nos dea pudor dicir que estamos de acordo, e todos os partidos políticos entendamos que isto non é ningún problema electoral se non un valor electoral", dixo.
