Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O reitor da USC celebrou o seu primeiro San Tomé de Aquino no campus de Lugo, como é tradición FOTO: AXENCIAS |
A situación financeira volveu ser onte o eixe vertebrador dos discursos conmemorativos da festa de San Tomé de Aquino.
Na Facultade de Veterinaria de Lugo, o reitor da USC, Juan Casares Long, lembrou o grao de proxección acadado pola institución universitaria e queixouse de que "non se corresponde co apoio económico recibido das administración públicas e do sector privado". Fronte á tendencia experimentada nos países europeos máis desenvolvidos, "que incrementan as achegas públicas ás universidades" en contextos de crise, o catedrático de Enxeñería Química lamentou que nos países do sur de Europa as administracións reducen os fondos destinados ao ensino superior. E o máis preocupante, engadiu o reitor, é que a situación se reproduce nunha comunidade "que sempre se mantivo lonxe dese o xa case mítico valor mínimo de suficiencia do 1% do PIB".
Casares enumerou a boa posición da USC no ránking internacional de Xangai, que a coloca entre as 500 primeiras universidades do mundo; as posicións destacadas de distintas facultades no contexto estatal, a alta captación de recursos en convocatorias competitivas europeas, estatais e autonómicas (72 millóns de euros en 2009) ou os servizos culturais e deportivos que estende a toda a sociedade máis aló da comunidade universitaria. Pero "estes resultadous", froito dos "novos requirimentos da sociedade", lamentou o reitor, "non se corresponden co apoio económico recibido das administracións públicas e do sector privado".
Non obstante, fronte ás limitación da situación económica, a USC seguirá priorizando o "activo máis valioso que temos, capital humano, as persoas". É obvio, engadiu Casares, que "sen o seu bo facer non hai docencia, nin investigación de calidade, nin a sociedade podería desenvolverse correctamente".
Nun ton moito máis vehemente manifestouse na Coruña o reitor José María Barja, que non dubidou en tachar como suicida para Galicia non calibrar o interese estratéxico da súa máquina de xerar o capital humano máis cualificado e as tres cuartes partes do seu I+D+i".
O herculino lembrou alto e claro que é nas universidades galegas onde se desenvolve máis do 70% da investigación que no ámbito público ou privado se realiza en Galicia e xa que logo, apelou "á responsabilidade dos actores políticos, sociais e económicos". "Sería un erro considerable -avisa- que o Goberno galego ignore esta realidade na planificación da I+D+i que está a barallar".
Barja volveu pola universidade ó rexeitar que estas reivindicacións se fagan desde "torres de marfil" ou "insolidarias ópticas gremialistas" e trucou contra as voces interesadas en crear un ambiente crítico e xustificar recortes orzamentarios pondo o foco "en presuntas ineficiencias das universidades (...) nun intento de convertelas en cabezas expiatorias duns problemas sobre cuxa orixe real interesa distraer a atención". O reitor non dubidou en apoñerlle a responsabilidade "á desbocada conduta de corporacións privadas, por falta de control político". E situou as universidades no lado das vítimas "do desenfreo, do dencontrol financeiro e económico que está na orixe da crise". Barja manifestou o compromiso da institución herculina coa excelencia en docencia e investigación e esforzos a prol da colaboración co tecido empresarial e para abrir vías de retorno á sociedade. Pero lembra que é a que peor financiamento por alumno ten de todo o estado.
Educación teima en pedir "un esforzo" para captar recursos
Fronte ó discurso dos reitores e antepoñendo que avoga por un financiamento "preferentemente público", o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Díaz de Castro, teimou en pedirlles ós campus galegos "un esforzo para mellorar os seus recursos propios", é dicir, "os que captan por vender os seus servizos de educación" e "por captar recursos de institucións privadas". "Isto é unha materia pendente -dixo Díaz de Castro diante do reitor compostelán na facultade de Veterinaria lucense, na celebración do San Tomé de Aquino- non só na universidade galega senón en toda España e o gran diferencial con Europa e a OCDE é que a porcentaxe que se recibe do sector privado é moito máis baixa. Xa que logo, hai que facer un esforzo e hai que establecer esas pontes coa empresa e coas institucións que non dependen do sector público para facelos socios e que acheguen financiamento, sempre desde a consideración que a base do financiamento da universidade é pública", sentenciou.
Deste xeito, insistiu neste modelo mixto para aclarar que "non é o mesmo que os recursos públicos da administración galega representen o 75 por cento, a que representen o 50 ou o 60 por cento". "Ese esforzo adicional téñeno que facer as universidades", proclamou.
Con todo, Díaz de Castro asume que "o financiamento nunca é suficiente en ningún organismo" aínda que defende que, ante as "restricións" económicas actuais, "a consignación que se asinou a cinco anos coas universidades vén pór de manifesto que son das institucións máis privilexiadas de Galicia, no sentido que practicamente non se recortou nada para o 2011, só o 5% de baixada da masa salarial". "Agora as universidades teñen que facer unha priorización do gasto e establecer as súas prioridades estratéxicas para usar este financiamento que é moi superior ó que tiveron o resto de institucións de Galicia".
Santiago ten 229 millóns, 130 A Coruña e 168 Vigo
Os tres reitores galegos asinaron o 21 de decembro pasado o Plan de financiamento do sistema universitario de Galicia 2011-2015. Este ano os campus galegos disporán de 380 millóns, unhas partidas tecnicamente conxeladas que se interpreta como un trato de favor fronte a outros departamentos da Xunta, que caeron un 10%. O plan prevé acadar os 2.100 millóns de aquí ó 2015.
A repartición histórica manterase este ano e así, á USC corresponderalle o 42,8% dos cartos, o 29,7% á UVigo e a UDC levará o 27,4%. Así, a Universidade de Santiago, con 229 millóns para este ano, será a que máis recortes sufra, un 6,8% respectodo ano pasado. A UDC terá 130 millóns, un 5,8% menos e 168 a UVigo, un 4,6% menos. con 168 millóns, un 4,6%.
