Hemeroteca web | RSS  RSS     Domingo 20.05.2018 Actualizado 12:20
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova multiconsulting

Galicia Hoxe

Aulas

laboral

"Opos" si e ó 100%

Nun ano no que se prevén xubilacións anticipadas masivas de docentes, os sindicatos rexeitan que só se repoñan o 30%, segundo a orde que temen dea hoxe Madrid

M.J. CEBRO . SANTIAGO   | 18.02.2011 
A- A+

gustavo cuevas/efe
Moitos opositores verán este ano truncadas as súas aspiracións ó non convocarse prazas polos recortes orzamentarios
FOTO: gustavo cuevas/efe

Dáse por feito que este ano haberá oposicións ó ensino en Galicia, pero só nos niveis de educación infantil e primaria e nunha cifra que non cubrirá o 100% das reposicións, nin por xubilacións nin por outras vacantes.

O conselleiro de Educación anunciouno sen dar máis detalles nunha visita a un centro educativo padronés a semana pasada, o que levantou a crítica unánime dos sindicatos. "As ofertas de emprego público primeiro negócianse na Mesa Sectorial e logo anúncianse", critica Raúl Gómez, do FETE-UXT. Xa que logo, todas as forzas sindicais apreman esa convocatoria, que se producirá, previsiblemente, no prazo dunha semana.

Hoxe o ministerio de Educación convocou as consellerías para tratar o asunto e José Cabido cre que dela sairá a folla de ruta co que aconteza en Galicia. "Hai rumores moi fundados de que, coa escusa da crise económica que pexa o investimento en servizos sociais, o Ministerio vai dar a orde de que as comunidades que finalmente sigan adiante coa convocatoria de oposicións só oferten o 30% das prazas de xubilación", di o dirixente de STEG.

Unha circunstancia que para a CIG-Ensino supón un "retroceso ó franquismo, un recentralismo e un españolismo feroz". O seu voceiro, Anxo Louzao critica que o ministerio, recortando os orzamentos, condicione ou dirixa a convocatoria das oposicións e lembra o inaceptable da imposición de Madrid nos presupostos xerais do Estado de que só se repoña o 10% das vacantes, malia que gaba a actitude da Consellería de Educación de deixar fóra dese 10% a reposición das xubilacións.

"Galicia ten a soberanía de decicir se convoca ou non oposición, cántas prazas e en qué especialidades", teima. Xa que logo, insta o titular galego de Educación, Jesús Vázquez, para impoñer a autonomía de Galicia en materia educativa e convocar, ou non, prazas en función das necesidades do noso sistema educativo público.

En todo caso, e ante o "rumor fundado" adiantado por Cabido de que só se poderá repor o 30% das xubilacións, os sindicatos considérano insuficiente nun ano no que se agarda un incremento moi importante de xubilacións anticipadas. "Este é o último ano con este sistema, que se implantou de xeito transitorio por mor da implantación da LOE", explica Cabido.

Con todo, di este dirixente, hai a esperanza de que a opción da xubilación anticipada para os docentes se prorrogue no 2012, xa que a regulación do sistema de pensións das clases pasivas aínda non está negociado e, en todo caso, entraría en vigor no 2013. Xa que logo, o vindeiro ano quedaría "en terra de ninguén e esperamos que se prorrogue a posibilidade de xubilacións anticipadas".

Con todo, Cabido agoira que a xente non se arrisque a esperar ó 2012 para acollerse ó futurible dereito e prefira o paxaro en man deste exercicio. O prazo para solicitar ese dereito remata este mes "e veremos daquela se o incremento é sigificativo". Ata agora, acollíanse a esta xubilación incentivada o 30% dos docentes reunían os requisitos, isto é, maiores de 60 anos con 15 anos de servizo.

Xa que logo, un escenario de xubilacións masivas onde só se repoña o 30% levaría a unha grave deterioración do servizo educativo público, critica desde CCOO José Fuentes.

Os dirixentes sindicais advirten tamén de que no canto de convocar as prazas por oposición a Consellería opte por cubrilas con interinos, o que sería volver atrás e engordar unha bolsa de precariedade que, mercé ó sistema transitorio de oposición-concurso mentres se implantaba a Lei Orgánica de Educación para lograr estabilizalos, diminuíu do 11% que había no ano 2007 ó 5% actual, lembra Raúl Gómez.

E se non se cobren as xubilacións nin por oposición nin por interinos, alerta Fuentes, iso deterioraría de tal xeito a calidade do ensino público que lle daría a oportunidade á administración para ampliar os concertos coa privada, é dicir, "unha porta á privatización do servizo público".

A escaseza de prazas para mestres e a inexistencia para os profesores de secundaria sería, ademais, unha inxustiza para os interinos, xa que ó expirar o modelo transitorio para estabilizalos "perderían unha oportunidade", di Cabido, que apela tamén ás aspiracións frustradas de miles de estudantes que están estudando para os exames "e nos que a administración tampouco pensa".

Xa que logo, os sindicatos levarán á inminente mesa sectorial a esixencia do 100% da reposición das prazas que se xubilen e demais vacantes. Aínda que "o conselleiro Jesús Vázquez leva tempo procurando non negociar en ningún aspecto e impoñendo a súa posición de partida, polo que non cremos que a oferta varíe moito do xa anunciado", manifesta Raúl Gómez.

Esperpento: dar lingua sen saber galego

Os sindicatos alertaron de que a conxelación das oposicións a profesor nalgunhas comunidades autónomas pode provocar unha "avalancha" de opositores cara a aquelas comunidades nas que si se van a convocar esas probas. De feito, nalgunhas comunidades algunhas organizacións sindicais iniciaron campañas para pedirlles ás administracións que conxelen as probas para evitar ese efecto chamada. Galicia pode ser unha desas comunidades receptivas de opositores de toda España, unha vez que a lingua galega deixou de ser un posible elemento disuasorio ó eliminar o goberno de Alberto Núñez Feijóo o requisito de ter que presentar e defender oralmente en galego a programación didáctica. "Se tanto temen esa avalancha, téñeno moi doado: que fagan valer o deber de coñecer a lingua, na que amais hai que impartir determinadas materias", lembra Anxo Louzao. Agora os opositores teñen de prazo dous anos logo de aprobadas as oposicións para superar os exames do Celga "Iso é moi grave, porque non se garante que o profesorado domine a lingua do alumnado. Mesmo se dan casos, ben que excepcionais, en que un profesor doutra comunidade, sen coñecementos de galego, acabe impartindo lingua galega como materia afín", denuncia Xosé Cabido, que desvincula, igual ca Louzao, a súa defensa da proba de galego de calquera argumento que poida esgrimir este exame contra o "efecto chamada".

EPIGRAFE

Chamamento a mobilizacións se non hai convocatoria

Os principais sindicatos de ensino anunciaron onte que se van mobilizar contra o Ministerio de Educación e algunhas comunidades se finalmente non convocan oposicións para o corpo de mestres en 2011, algo ó que non se suma a CIG, que clama para que a administración galega faga valer a súa soberanía en competencia educativa e convoque segundo as necesidades da nosa comunidade en función das xubilacións, vacantes e aumento de matrícula.

Murcia, Castela-A Mancha, Castela e León, Canarias, Asturias, Cantabria e Estremadura xa anunciaron que non van ofertar emprego público por motivos orzamentarios. E Madrid, finalmente, recúa na súa negativa e tamén convocará, segundo anunciou onte a súa presidenta, Esperanza Aguirre. Hoxe, técnicos das consellerías de Educación reúnense con representantes do Ministerio de Educación para anunciar de forma oficial a súa proposta de oposicións para este ano. Por este motivo, as federacións de Ensino de CCOO e UXT, CSIF, ANPE e STES-I esixíronlle ó departamento de Gabilondo que coordine a situación e ós gobernos autonómicos que oferten, como mínimo, todas as vacantes reais e derivadas das xubilacións.

 

Encarecemento ó ter que pagar máis tribunais

Amais, a posible avalancha de opositores nas poucas comunidades que poidan convocar prazas levará aun incremento do custo ó ter que convocar máis tribunais, cos seus conseguintes soldos.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS