Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Dende a esquerda, Paul Rios, de Lokarri, Millán Fernández, do MEU, e Manuel Dios, do SGEP FOTO: RAMON ESCUREDO |
"Entre a crise económica, a precariedade laboral, ou os novos plans de estudo, que deixan menos tempo para outro tipo de actividades, custa máis promover desde a universidade unha participación importante dos estudantes", esa é a opinión de Paul Rios, coordinador de Lokarri, e unha das ideas que expresou nunha conversa anterior ó coloquio que se desenvolveu onte na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC, organizado polo Movemento Estudantil Universitario, e no cal participou tamén Manuel Dios, do Seminario Galego de Educación para a Paz.
Paul Rios explicounos que Lokarri, que en éuscaro significa "o que serve para unir", e que "é unha organización relativamente nova: levamos cinco anos traballando, pero nacemos doutra organización que se chamaba Elkarri, que estivo traballando pola non violencia e o diálogo no País Vasco desde o ano 1992, ata que no 2006, pouco antes da anterior tregua de ETA, tomamos a decisión de transformar a organización porque ó que realmente queriamos contribuír era a que hoube- se unha situación de convivencia na sociedade vasca, e principalmente porque pensabamos que daquel proceso de 2006 se ía saír ben, que logo se comprobou que non foi así. Neste tempo, no que nós traballamos foi en dous campos: un intentando que outra vez houbese condicións como para conseguir a paz e en segundo lugar, ó cal lle damos moita importancia, á cuestión de fomentar a participación cidadá no traballo pola paz e a convivencia".
Nese sentido, explica Rios que "á parte de que temos grupos nas universidades, si que intentamos manter lazos coa comunidade académica, e de feito hai un bo número de profesores universitarios que son colaboradores de Lokarri, sobre todo porque hai varios campos onde necesitabamos experiencia, fundamentalmente no tema de atopar solucións e novos elementos que poderían ser de consenso respecto do marco xurídico que hai no País Vasco, e en segundo lugar con todas as cuestións relacionadas con educación para a paz, reconciliación... Sobre todo nestes dous campos é onde recibimos achegas da universidade para enriquecer o noso traballo, que sobre todo é social pero que ten que ter polo menos unha base de ideas". Con todo, recoñece Paul Rios que, "do mesmo xeito que con outros colectivos, e como ocorre co conxunto da sociedade vasca, tamén na universidade houbo certo desencanto ou desenganche con estes problemas: a universidade foi moi activa á hora de lanzar ideas e apostas ó longo dos anos, agora éo un pouco menos, pero nós apreciamos o que é este traballo en novas ideas, que ó final é o que fai que renda o traballo pola paz, e hai un número de colectivos que están participando de xeito activo".
Ese desencanto ou apatía ten tamén outras causas: "Recentemente tiven un coloquio con estudantes da universidade vasca e dáste conta desa situación, tamén porque ó final temos a sensación de o conflito en Euskadi era un problema que nos viña herdado dos nosos pais, pero eu teño a esperanza de que agora que se abren expectativas para conseguir a paz, e a partir de aí a universidade xogue un papel fundamental na xeración de espazos de convivencia".
E a este respecto, sobre a ilegalización de Sortu, expresa Rios que "hai un principio básico en todo estado de dereito, que é que cando a lei se cumpre hai que aplicala", porque cre que estamos ante "unha oportunidade única na nosa historia, de que se poida facer política sen ningún tipo de ameaza nin de violencia"..
"Fáltanos bastante cultura de participación democrática: case todo o que aprendemos na nosa mocidade é que a participación democrática se cingue a votar cada catro anos e de cando en vez acudir a unha manifestación, e creo que hai un abanico moito máis amplo de accións pacíficas non violentas que se poden desenvolver para reivindicar ideas políticas. Creo que niso é no que habería que traballar para que haxa máis persoas que pensen que a violencia non é o medio para conseguir fins políticos", conclúe Rios.
