Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
O presidente da Organización Médica Colexial (OMC), Juan José Rodríguez Sendín, pediulle onte ó Ministerio de Educación aclarar se houbo "trampas" ou "portas falsas" que permitan que o 45% dos Médicos Internos Residentes (MIR) deste ano sexan estranxeiros non comunitarios.
Rodríguez Sendín fixo estas declaracións despois de que a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) denunciase supostas irregularidades nos exames de xaneiro, que derivaron nunha situación con "consecuencias negativas" tanto para os licenciados españois como para a sociedade.
O presidente da OMC matizou que "o que se insinuou é que houbo unha especie de recoñecemento exprés dos méritos que lles permitiron presentarse á convocatoria, pero eu non teño ningunha constancia", recalcou. Rodríguez Sendín explicou que os convenios subscritos con algúns países non comunitarios así como o ordenamento xurídico español permiten que calquera médico, cuxo título estea convalidado neste país, poida concorrer ó MIR e exercer a súa profesión en España. "Outra cuestión é preguntarse se todos os que accederon deses médicos extracomunitarios ó exame MIR cumprían de forma adecuada todos os requisitos en tempo e forma", e insistiu en que "o que hai que comprobar dun xeito claro" é se houbo "trampas" ou "portas falsas" para acceder ó recoñecemento dos seus títulos en España.
O Ministerio de Sanidade cualifica de "arbitraria" a afirmación da CESM de que o 45% dos MIR este ano serán non comunitarios xa que "a proporción final dependerá de cantos tomen finalmente posesión", e valorou que a incorporación ó sistema de profesionais estranxeiros cobre o "desfasamento" actual entre a necesidade de médicos e a produción de novos licenciados.
Ademais, negaron que os licenciados españois saian prexudicados e así lembra que o número de prazas MIR de 2009-10 ascende a 6.948 e que se admitiu a 13.480 aspirantes, dos que finalmente se presentaron ó exame 11.525 (85%). Deles, 6.420 (55%) eran licenciados españois, 486 (4%) licenciados de países comunitarios e 4.619 (40%) procedentes de países non comunitarios.
Isto significa, segundo Sanidade, que 900 licenciados en España non se presentaron. Amais, realizada a proba, só se excluíron 92 aspirantes por obter unha puntación negativa, dos que 56 foron licenciados en facultades españolas, cinco de facultades de países comunitarios e 31 de extracomunitarias.
"Perplexidade" da profesión
En opinión de CESM, a actual normativa de acceso ó exame MIR é un "coadoiro", xa que permite o acceso "en igualdade de condicións que os españois" a todas as persoas "de terceiros países" con permiso de residencia, traballo ou de estudos que inicien o trámite de homologación do expediente académico. A problemática para os sindicatos é "evidente": hai catro anos presentáronse 8.000 aspirantes para 6.500 prazas e este ano para 6.900 prazas presentáronse 13.500. Ante estes datos, o CESM destaca a "perplexidade que senten os estudantes e a profesión" e pide reservar só o 10% das prazas.
