Hemeroteca web | RSS  RSS     Xoves 16.08.2018 Actualizado 20:22
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

mestra e asesora de bibliotecas escolares

Pilar Sampedro: "A biblioteca escolar compensa as desigualdades de orixe do alumno"

Son a primeira entrada dos rapaces a un espazo de lectura e un contorno xerador de material didáctico. Desde a primeira escolla dos fondos ata as guías de usuarios que lles aprenden a usar o dicionario e a investigar en internet

M.J.CEBRO . SANTIAGO   | 20.11.2010 
A- A+

ANA CURRAS
Pilar Sampedro mestra do colexio compostelán López Ferreiro
FOTO: ANA CURRAS

Moi lonxe quedan os tempos nos que as bibliotecas escolares se limitaban a ser un pequeno cuarto cuns libros e o único servizo que prestaban era o de empréstito. Hoxe, son un servizo de axuda ós alumnos, profesores e familias e un motor de cambio: "Hoxe vaise máis alá do libro de texto e ó tempo que buscan material nos andeis, os alumnos poden pór os cascos e investigar a través dun documental ou conectarse a internet. Non todas están funcionando así, pero cada ano son máis as que se suman a esta vangarda e serven de motor para as demais", destaca Pilar Sampedro, que, xunto con Cristina Novoa, levan a Asesoría de bibliotecas escolares da Consellería de Educación. Hoxe, na última sesión do Congreso Materiais e recurso didácticos innovadores organizado por Nova Escola Galega, xunto co Departamento de Didáctica e Organización Escolar da USC e mais o Concello de Santiago, exporán o seu relatorio "O papel das bibliotecas escolares na elaboración dos materiais didácticos"

 

En que se diferencia unha biblioteca escolar de calquera outra?

A biblioteca escolar é distinta dunha biblioteca pública porque está dentro da institución educativa, e xa que logo ó servizo da escola. É unha biblioteca que funciona como un centro de recursos para lectura, información e aprendizaxe, de tal forma que esa biblioteca apoia todo o que é o proceso de ensino aprendizaxe: ó profesorado, ós alumnos e tamén ás familias. A pública atende a lectura e a información, pero non a aprendizaxe, como a escolar. Tamén está ó servizo do currículo, xa que non é o mesmo unha biblioteca de primaria ca unha de secundaria. Os materiais teñen que estar pensados para as materias que van traballar alumnos e docentes. E, sobre todo, a biblioteca escolar é compensadora de desigualdades de orixe do alumnado, tanto sociais e económicas como culturais, xa que é a biblioteca pola que pasa toda a poboación, mentres que ás outras imos ou non.

 

Vostede fala da biblioteca como axente de elaboración de material didáctico, en que consiste?

Este ano editamos o cartel "A biblioteca escolar, un mundo de oportunidades", pensando en todas as oportunidades que ofrece este espazo, no que amais dos materiais en papel se integran tamén os multimedia, os audiovisuais e esa gran rede de bibliotecas virtual que é internet. Pero non todo cabe e hai que seleccionar, velaí o primeiro nivel de creación de material didáctico. Por outra parte, a biblioteca complementa o libro de texto e apoia o profesorado que está innovando e non utiliza o manual e precisa outros materiais actuais máis no contorno dos rapaces. Neste sentido, a biblioteca escolar é un motor de cambio, unha ferramenta de innovación máis alá do libro de texto.

 

Tamén elaboran guías de usuarios.

Amais deste primeiro nivel de selección tamén se traballa todo o que é a formación de usuarios. A biblioteca escolar é a primeira á que acceden os rapaces e teñen que aprender a manexarse nela para logo poder ser usuarios das demais. Neste sentido, nos centros faise un programa de formación de usuarios de tal forma que se organizan visitas e se explica qué materiais hai e cómo se organizan... Xunto con isto edítanse as guías de biblioteca, unha especie de díptico que contén un plano da biblioteca, os servizos que presta e unhas normas de utilización. Amais, tamén se editan outros materiais sobre cómo se busca información nun dicionario, nunha enciclopedia, como se traballa cun índice, cun sumario... que funcionan moi ben. Un paso máis están os materiais de alfabetización informacional, no que se guía os rapaces para facer pequenas investigacións. Moitas veces o profesorado non tivo unha formación respecto disto e mandas os nenos facer un traballo, un resumo, un esquema, e non lles dás as pautas para poder investigar. A biblioteca escolar faise cargo desa formación e é unha fonte importantísima para levar a cabo o proxecto interdisciplinar, unha materia de 1º de ESO introducida pola LOE dirixida precisamente a que a rapazada aprenda a facer pequenas investigacións. Incluso tamén se elaboran materiais en formato dixital, como as web quest, que son pequenas investigacións realizadas a través de internet pero moi guiadas polo profesorado, porque os mozos se perden en internet.

 

Que papel xoga a biblioteca escolar no fomento da lectura? Estanse elaborando materiais, sobre todo guías de recomendación de lecturas para que os pais se asesoren sobre qué libros lles mercar ós nenos. Hai outras iniciativas como as mochilas para os cativos para levar o libro en empréstito para levar á casa e moitos colexios inclúen unha guía para que os cativos aprendan a contarlles contos ós pais, ou aproveitan para dicirlles quetipos de libros lles conveñen ós fillos de infantil. Porque a biblioteca é tamén un servizo de apoio á familia

 

Cal é o balance nestes seis anos do Plan de mellora de bibliotecas.

Empezouse con 40 centros e cada anos vanse sumando máis. Neste momento hai adscritas 374. Cada ano elaboran a súa memoria e presentan os seus materias a través dunha lista de correos a todos estes centros intercambiando os materiais. E nós tamén a colgamos no blog de bibliotecas escolares, para que estean ó alcance de máis xente. Desde a asesoría de bibliotecas escolares facemos un seguimento destes centros e dos materiais que van elaborando e pondo a disposición dos demais.

AXENDA PERFIL

9.30-11.00 Achegas á comunidade do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia. Susana Mayo Redondo.

11.00 Descanso

11.30-12.30 Unha cidade sustentable. Francisco Rodríguez Míguez

13.00-14.00 Aprender com

o pasado, innovando. Margarida Louro Felgueiras, Anabela

Amaral e Branca Santos

16.30-17.30 Retos para unha época. Os ilustradores galegos 1880-1936. Juan Aguilar, Mª Mercedes Banqueses e José

Ramón Iglesias

17.30-18.30 Glosario de Artes Gráficas en Lingua de Signos Española. Carlos Correa e Tareixa Martínez

18.30 Descanso

19.00-20.30 O papel das bibliotecas escolares na elaboración dos materiais didácticos. Cristina Novoa, Pilar Sampedro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS