Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Unha alumna nunha aula de educación primaria nun colexio de Ferrol FOTO: kiko delgado |
Máis de 29.000 nenos de 58 centros de primaria e secundaria reciben desde este curso materias non lingüísticas en inglés –principalmente– pero tamén en francés e noutros idiomas estranxeiros mercé ó plan galego de potenciación das linguas estranxeiras. A estes centros súmanse as 1.519 seccións bilingües, que se diferencian en que mentres naquelas a inmersión na lingua estranxeira é total, nestas as clases danse na lingua estranxeira pero co comodín de apoio do galego ou do castelán. A Consellería de Educación basea neste programa “a súa decidida aposta e compromiso coa aprendizaxe doutros idiomas en cumprimento dos Obxectivos de Lisboa”. Pero as críticas non cesan.
De “espellismo” e “desbaldimento” de cartos públicos cualifica o programa Gonzalo Constenla, vicedirector da Escola Oficial de Idiomas de Santiago e catedrático de inglés. Ó seu ver “como se aprende unha lingua é en mans dos profesionais adecuados, os docentes especialistas licenciados, que pasaron unha oposición e demostraron a competencia para ensinar unha lingua”.
O requisito que establece a Xunta para impartir unha materia en inglés é estar en posesión dun título oficial que acredite o nivel B2 –o First Certificate– establecido polo marco común europeo de referencia para as linguas. Un nivel insuficiente, ó ver deste docente, que explica que é o que posúe un usuario para defenderse de xeito independente en situacións cotiás. “Para andar por casa”, logo. A mesma norma europea especifica que para un uso da lingua en situacións académicas ou profesionais cómpre polo menos o nivel C1, que sería o que posúe un usuario competente, nivel que reclaman tamén sindicatos como a CIG-Ensino ou o STEG.
A suficiencia deste nivel de usuario para impartir docencia en inglés avoca irremediablemente, ó ver de Constenla, a fosilización de erros, un dos principais problemas referidos na literatura sobre didáctica e adquisición de linguas. “Se ata os 14 anos escoitamos modelos lingüísticos incorrectos –na fonética ou na gramática–, eses erros quedan gravados para sempre e van ser constantes na etapa adulta”, explica este profesor de Tradución e Interpretación da Universidade de Vigo, que non dubida de que “co nivel de usuario dos profesores, estes erros van existir.
Este especialista, amais, alerta de que os niveis lingüísticos do profesor e o dos alumnos están desfasados, xa que os rapaces que rematan o Bacharelato entrarían na Escola Oficial de idiomas nun nivel B1. Polo tanto, ó seu ver, os alumnos nin aprenderán o inglés –porque o profesor non terá a competencia adecuada– nin os contidos da materia –xa que o nivel dos nenos aínda será menor e non entenderán o docente–, crítica na que coincide Xosé Cabido, do STEG, que acusa a Xunta de pór o “carro antes cós bois”.
Daquela, “¿prima a competencia na materia ou a competencia en inglés?” pregúntase o voceiro da CIG Ensino, Anxo Louzao. Desde o seu punto de vista, este sistema de ensino lingüístico é “inadecuado e negativo” e afondará aínda máis no 25% de fracaso escolar que rexistra o sistema educativo galego. “¿Como van aprender os rapaces unha materia como a bioloxía se se lles imparte nunha lingua na que non teñen competencia?” pregúntase. “Isto vai dificultar que collan o tren da marcha normal do curso”.
Gonzalo Constenla considera que o programa parte do erro de base de pór no mesmo nivel có castelán e có galego o inglés, “cando este non é unha lingua ambiental en Galicia”. Xa que logo este programa é “unha utopía que xa fracasou noutros países”, di o docente, e asegura que o avance no ensino desta lingua noutros lugares non se debe a ningunha “supremacía xenética para abrender idiomas”, senón porque o inglés é ambiental. “Escóitase, por exemplo, nas películas sen traducir, algo que non ocorre aquí”.
Constenla avoga pola lexión de profesionais do inglés para ensinar o idioma, e non os profesores non especialistas, que “con excepcións e sen negarlles un encomiable voluntarismo”, non teñen a preparación lingüística apropiada.
O lendario fracaso do ensino de idiomas en España adoita achacarse a que as clases de inglés están dadas por non nativos. Neste sentido, Constenla defende a idoneidade da “lexión de profesores” que saen das nosas facultades. “Sobre todo as novas xeracións teñen un nivel altísimo, superaron probas de selección moi duras e chegan os mellores”. Os máis “maduros” se cadra quedaron algo atrás, “pero son titulados, só compre a reciclaxe, como en todas as profesións”, sobre todo en didáctica e novas tecnoloxías, considera Gonzalo Constenla.
Critican as estadías fóra para os non profesionais
Neste sentido, e coincidindo co nacionalista Anxo Louzao, critica que a Xunta restrinxise os programas de estadías no estranxeiro para estes profesionais, en favor da formación dos docentes non especialistas que queren impartir docencia en inglés. “É coma se houbese que formar os biólogos para faceren o traballo dos veterinarios”, exemplifica, e dubida de que os cursos de formación e as estadías no estranxeiro facilitadas pola Xunta sirvan para algo. “Será tirar os cartos”, conclúe.
En previsión de que a competencia dos nosos profesores sexa escasa, Educación tamén prevé a incorporación de auxilidares de conversa nativos: uns 200 xa neste curso e 450 ó final da lexislatura. “A maioría non teñen nada que ver co ámbito académico, sobre todo os que veñen de Estado Unidos”, denuncia Louzao, que incide en que “aínda que só veñan para conversa, hai que esixir uns requisitos mínimos, porque estamos formando alumnos”, critica, sen esquecer que “aquí temos parados formados en linguas estranxeiras que poderían entrar a traballar”, di.
Ó ver de Gonzalo Constenla, falla o sistema de ensino de idiomas, habería que ver de cambialo, empezando polas horas que o currículo escolar reserva para o ensino do inglés. “En vez de dar 3 horas á semana teríase que incrementar a 5, e logo máis horas de reforzo, se cumprise”.
E pondo por diante que está demostrado que só o 10% da poboación ten óptimas actitudes e aptitudes para aprender unha lingua estranxeira, avoga por facilitar que estes alumnos excelentes poidan estudar algún curso no estranxeiro.
Anxo Louzao avoga por investir máis recursos, máis profesorado e mellor formado e desdobre de aulas para estudar o inglés. E, fundamentalmente, un sistema que abranga a todo o alumnado, porque o líder do sindicato maioritario no ensino non universitario acusa a Xunta de propagandista con este proxecto, que tacha de elitista e de beneficiar o ensino concertado.
Tamén Cabido cualifica de oportunistas os centros concertados –“case a metade dos plurilingües, cando esa non é a súa representatividade no sistema”– que solicitan entrar no programa polas subvencións económicas que acadan.
Seis cursos na Escola Oficial
O Marco común europeo de referencia para as linguas establece os niveis A1 e A2, de competencia básica; os B1 e B2, correspondente á competencia dun usuario independente; e os C1 e C2, o nivel dun usuario competente. Nas escolas oficiais de idiomas o 1º curso de inglés corresponde á nivel A1; o 2º ó A2; terceiro e cuarto conducen ó nivel B1 e quinto e sexto ó B2. “Nas escolas oficiais de idiomas de Galicia non se imparten os niveis C1 e C2”, aclara Constenla. Un rapaz que sae do Bacharelato entraría na EOI nun nivel B1.
Prioritario sobre a antigüidade para a baremación, denuncian
A acreditación oficial do nivel B2 de inglés está provocando tamén conflitos laborais. Xosé Cabido, do STEG, critica que se está primando estes títulos na baremación para o concurso de traslados, “mesmo antes cá antigüidade”. Así, segundo el unha persoa sen antigüidade pode facer valer o seu título de inglés para pasar por diante dun “veterano” para ocupar unha praza nunha sección bilingüe. “Esa praza sae a concurso como sección bilingüe. O grave é que non hai a obriga de mantela como tal”, critica Cabido, que lembra que esta medida, “que ten o rexeitamento maioritario do profesorado”, xa vén do Bipartito , pero agora co impulso dado polo Goberno de Feijóo “desvirtúa os traslados”.
No mesmo sentido Louzao critica que ter inglés prima en todos os baremos, mesmo para acceder ó mestrado docente que substitúe o antigo CAP. “Parécenos totalmente ilegal”, recalca.
Balance positivo no Rosalía de Castro
O IES Rosalía de Castro de Santiago é un dos centros que este ano empezou a impartir unha materia en inglés: neste caso dáse ciencias sociais, xeografía e Historia en 1º da ESO.
A coordinadora do proxecto no centro, a catedrática de Xeografía e Historia María José Enríquez, explica que a escolla do grupo e a materia se fixo en función da competencia lingüística dos alumnos e a complexidade conceptual da materia. “Empezamos con 1º de ESO porque os contidos conceptuais deste nivel son moi concretos e moi controlables. No currículo deste curso ten moito peso a xeografía e os alumnos teñen que elaborar mapas e moitas actividades prácticas. A competencia precisa non é demasiada”. Son nocións non tan complexas como para que teñan dificultades e, xa que logo, desbota a posibilidade de que os rapaces non adquiran os coñecementos necesarios por culpa de que se dean en inglés.
Nin sequera a lingua escrita é un problema, ou polo menos non máis ca noutras linguas, considera Enríquez. “A realidade é que os rapaces nestas idades teñen difucultades para expresarse non só en inglés, senón tamén en galego e en castelán”. Amais, os exames son tipo test ou de situar nun mapa, explica. “As cuestións de desenvolvemento amplo adoitan ser cada vez máis escasas nos primeiros cursos”, lamentan esta docente, que recoñece que se pode impartir esta materia en inglés porque a esixencia dos contidos baixou nos últimos anos. “Quizais hai uns anos o nivel de contidos era máis alto e sería máis difícil poder dálos en inglés”, lamenta. O labor máis difícil, neste caso, é do profesor, que ten o traballo de elaborar materiais asequibles ó “baixo nivel” dos rapaces, di a coordinadora do proxecto de plurilingüismo no centro compostelán.
Enríquez teima en que os alumnos van adquirir os contidos da materia igual ca se estivese dada en castelán ou en galego, e rexeita a baixa competencia do profesorado para impartir a súa materia en inglés. “No noso caso, escollemos tamén a materia porque había unha profesora con nivel óptimo de inglés. Máis alá de que teña ou non un certificado oficial –que tamén se poderían poñer en dúbida estas “patentes de corso”– senón porque leva 30 anos casada cun británico e ten o inglés como lingua habitual”, salienta. Amais disto, contan co apoio dunha auxiliar de conversa chegada de Estados Unidos.
O obxectivo do centro é ampliar cada ano un curso e ir cambiando as materias. Ó seu ver o plurilingüismo é unha experiencia positiva que hai que avaliar co tempo, pero “de momento para nós é positiva.Fixemos unha pescuda do grao de satisfacción entre os alumnos e os pais e están moi contentos”.
“Non é atinado dicir que vai en detrimento do galego”
Enríquez non comparte a reticencia de que o ensino do inglés mingüe o de galego, unha postura que tacha de “maximalista”. Pondo por diante que no Rosalía de Castro se coida escrupulosamente o coñecemento e o ensino do galego, en igualdade co castelán e, neste caso, co inglés, salienta que “non se perde o dominio da lingua nai por estudar unha materia en inglés. É un proxecto que dá os primeiros pasos e adiantar que vai ir en detrimento da formación en galego non é atinado”.
Pola contra critica “ós que falan” pero logo mandan os fillos fóra a aprender. “Non se pode pechar os ollos e a realidade evidente é que os pais remiten a outras vías para que os fillos sexan competentes en inglés”. Xa que logo, ó seu ver, “un centro público debería buscar a posibilidade de garantir que todos os alumnos, alén da posición socioeconómica da súa familia, tivesen a posibilidade de dominar a que, gústenos ou non, é a koiné universal. É a nosa obriga preparalos para esa esixencia que se albisca no horizonte... e quen sabe se tamén para o alemán”, matiza en referencia ó contexto de crise económica, con máis do 40% dos mozos no paro, o requisito do inglés como indispensable para traballar do que sexa e Angela Merkel chamando por 800.000 licenciados para entrar nas empresas xermanas.
Ó seu ver o plurilingüismo é unha experiencia positiva que hai que avaliar co tempo, pero “de momento para nós é positiva.Fixemos unha pescuda do grao de satisfacción entre os alumnos e os pais e están moi contentos”.
CIG-Ensino: “O obxectivo é desacreditar o galego”
A Consellería de Educación ten “dous xoguetes”, ironiza a CIG-Ensino: o proxecto Abalar de informatización das aulas galegas, e o de plurilingüismo, para que os nenos saian do sistema sabendo, desta si, o inglés. En palabras de Anxo Louzao, “son un completo desastre”, o primeiro por improvisación e o segundo por ser “inadeducado e negativo” para a aprendizaxe da lingua estranxeira. Louzao acusa a Xunta de trasladarlle á opinión pública que a eiva do sistema educativo é a baixa competencia en lingua estranxeira, pero en realidade esta potenciación do inglés agocha un modelo en detrimento do galego como lingua vehicular. O nacionalista considera que é imposible impartir unha materia en inglés sen ter unha lingua de apoio. Neste caso, o lóxico é que fose o galego, di. Xa que logo a CIG teima en que o decreto de plurilingüimo conduce á desvalorización da nosa lingua ó dar a mensase de que non é válida. “Este obxectivo adórnase coa clase de inglés para que a sociedade perciba que se vai mellorar o estudo da lingua estranxeira”.
Neste argumento coincide Xosé Cabido, que lembra que Galicia xa é plurilingüe e denuncia que “non somos competentes na nosa lingua, o galego. O impulso do inglés suporá, ó seu ver, afondar no analfabetismo en galego.
Cabido critica ademais o oportunismo da Xunta, xa que, di. aproveita para pórlles a etiqueta de plurilingüe ós centros con seccións bilingües, que na maioría dos casos só imparten como moito dúas materias en lingua estranxeira. “Moitas veces plástica e relixión”. E tacha o Goberno galego de magnificar propagandísticamente o programa “cando só o 2% dos centros, como moito” son plurilingües.
