Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Pola esquerda, Senén Barro, Sánchez Bugallo, Socorro García e Conde Roa na reunión do CES de Santiago FOTO: FERNANDO BLANCO |
Preocupación unánime. A comparecencia ante o Consello Económico e social da cidade de Santiago do reitor da USC, Senén Barro, para informar sobre o recente acordo asinado entre as consellerías de Sanidade e Educación e as tres universidades para definir o modelo de docencia clínica que se lles impartirá ós alumnos de 4º, 5º e 6º da facultade de medicina da USC, que o CHUS non pode absorber, non tranquilizou os asistentes, que amosaron o seu desacougo polo que consideran un primeiro paso para a duplicación da Facultade de Medicina.
De momento, o CES non fará unha manifestación sobre a reunión, pero si avanzou o imperativo de preservar a Universidde de Santiago e a devandita titulación en exclusividade.
Pola mañá, o alcalde santiagués, Xosé Sánchez Gugallo, dixera que poría "a man no lume" polo reitor pero "nin a uña do dedo maimiño esquerdo" pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, ó estar "convencido" de que "quere dividir a Facultade de Medicina". Amais dirixíase ó PP: "Non debemos confundirnos de inimigo, o que quere dividir a Facultade de Medicina non é o reitor", senón persoas "con carnés diversos".
A definición da figura dos médicos hospitalarios como profesor colaborador docente, que dependería academicamente da USC pero administrativamente da universidade coa que o hospital en cuestión teña convenio universitario, levantou un forte rexeitamento por parte da facultade e os estudantes, os seis candidatos a suceder a Barro nas eleccións de maio e outros colectivos e persoas na cidade.
O reitor teima en que foi precisa a sinatura para garantir a formación dos alumnos. "Resulta imprescindible darlle unha solución permanente á formación clínica dun número crecente de estudantes de medicina -que poderían chegar a 400 novos alumnos no próximo curso-, garantindo unha única Facultade de Medicina e un título exclusivo da USC, aínda que contando coa cooperación das outras universidades galegas a través dos hospitais coas que estas teñen concertos de cooperación en materias de docencia e investigación", asegurou. Unha colaboración que, dixo, se estende a Campus Vida.
30 millóns máis para o SUG
O Executivo repartirá 30 millóns de euros adicionais, que permitirán amortecer unha caída do 12% dos ingresos das universidades. Segundo explicou tras a reunión semanal do Goberno galego, o sistema de financiamento actual depende dos ingresos non financeiros da comunidade e, isto, no ano en curso, implicaría reducir os mesmos nesa porcentaxe. Con esta achega extra, a caída queda nun 2,5%.
Unha contía de 28,2 millóns de euros distribuirase de forma proporcional ao que reciben as tres universidades polo Fondo de Financiamento Incondicionado do plan vixente en 2010. Os outros 2,8 distribuirase de acordo con criterios e indicadores establecidos en 2009 para a adaptación ó espazo europeo de educación superior.
O plan de financiamento 2011-2015 establecerá unhas bases segundo as cales os recursos non dependan fundamentalmente dos ingresos non financeiros.
Gabilondo visita o luns Santiago
O ministro de Educación, Angel Gabilondo, visitará o luns a Universidade de Santiago (USC), onde inaugurará ás 15.000 horas no salón nobre do Colexio de Fonseca a Conferencia sobre universidades académicas emprendedoras, encontro organizado pola Presidencia Española da Unión Europea. Acompañado do reitor Senén Barro visitará ás 12.30 horas unha visita ao Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares, un dos edificios de Campus Vida. De aí trasladaranse ás 13.00 horas ao Edificio Emprendia, sede do Programa Uniemprende, para a promoción do espírito empresarial na USC. Neste centro, o ministro coñecerá de primeira man a misión da Oficina de Transferencia de Tecnoloxía, a incubadora de spin-offs Uninova, as instalacións de Unirisco e Uninvest e as de Woman Emprende, centrada no emprendemento feminino.
