Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O presidente Núñez Feijóo recibiu onte ó ministro de Educación, Ángel Gabilondo FOTO: RAMÓN ESCUREDO |
O ministro de Educación, Ángel Gabilondo, aplaudiu onte "a ambición" do proxecto Campus Vida de Excelencia Internacional como unha iniciativa "con contido" e "ben definido" que converterá o sector universitario "no pulmón" de Galicia en innovación e investigación.
Gabilondo visitou xunto co reitor da USC, Senén Barro, as instalacións do Centro de Investigación en Química Biolóxica e Matemáticas Moleculares da Universidade de Santiago, que na súa opinión "non se trata simplemente dun edificio", senón dunha proposta con "contido" e baseándose en "grupos de investigación".
"Os pulmóns non son só as árbores e os campos, tamén o son estes programas de innovación, de investigación", destacou Gabilondo, para manifestar a súa "felicidade" e gratitude por un proxecto dirixido especificamente aos "cidadáns".
O responsable estatal en materia educativa explicou que se trata dunha iniciativa "para todos", dado o seu carácter internacional, pero "sobre todo" unha "moi boa noticia" para os cidadáns galegos. Deste modo, valorou a aposta por "aglutinar, incorporar e sumar forzas" en innovación e investigación que representa Campus Vida.
En concreto, recordou que o concurso para obter o recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional, se trata dunha "concorrencia para buscar os mellores". Deste modo, mostrou a súa "satisfacción" polo traballo levado a cabo pola USC a través dun proxecto centrado e dedicado a "áreas específicas". "E como teñen que ser agora as universidades", considerou.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Senén Barro, agradeceulle a Gabilondo a súa presenza na capital galega e para visitar o Campus de Excelencia Internacional, un proxecto no que "puxo moito esforzo, moita ilusión" e que representa, "sen dúbida, un antes e un despois do que é a universidade española" e que definiu como un "proxecto de país, case de Estado".
O ministro inaugurou na USC a Conferencia sobre Universidades emprendedoras que, organizada pola Presidencia Española da Unión Europea, ten lugar este luns 22 e o 23 de marzo "nunha Universidade cun marcado estilo emprendedor", declarou. Neste marco, avogou polo de- senvolvemento dun novo modelo económico, "máis sostible", que sitúe á Educación como o "corazón da economía", xa que a actual crise non é só económica, senón tamén unha "crise social", de valores e de modelo.
Gabilondo defendeu que a Educación, a investigación e a innovación han de ser -xunto ó emprego, a loita contra a pobreza, o cambio climático e as novas enerxías- "vértebras fundamentais do que será Europa", polo que concluíu que xamais se depositaron tantas expectativas políticas e cidadás nas universidades".
Na súa intervención, recalcou que estas xornadas deben servir para facer chegar á sociedade a mensaxe necesaria de que a educación "debe estar no corazón da política europea", xa que é o motor do crecemento social e económico, "a clave da equidade" e tamén determinante para reactivar a economía e alentar á sociedade.
O ministro apuntou que o Consello de Europa "lanzará" o xoves a estratexia chamada a renovar as "pautas do progreso" ata 2020, tras a acordada para o crecemento económico e o emprego en Lisboa no ano 2000.
Posteriormente, Gabilondo reuniuse co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e co conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, para tratar sobre o proxecto Escola 2.0. -Abalar en Galicia- de informatización das aulas.
Campus do Mar, bo candidato
Tras reunirse co presidente da Xunta, o ministro de Educación, Ángel Gabilondo, defendeu onte que o Campus do Mar de Vigo "ten posibilidades" de converterse en Campus de Excelencia Internacional e subliñou o carácter "especializado" do proxecto como unha das súas maiores vantaxes e definiu Vigo como un "lugar moi adecuado" para instalar un campus especializado en ciencias marítimas. A decisión definitiva do Goberno saberase entre finais de xuño e principios de xullo. De saír escollida, a Universidade de Vigo tería un prazo de 5 anos para pór en marcha o Campus do Mar.
En canto ó sistema universitario galego en xeral, Gabilondo destacou o seu "esforzo sostido e consistente, intenso e profundo de modernización e internacionalización".
Sector químico e farmacéutico
A USC está a reforzar áreas como a químico-farmacéutico e de saúde en xeral, así como a de materiais e de electrónica e computación por ser as que "máis posibilidade" de xerar patente presentan. Así o explicou onte o director asociado do Centro de Innovación e Transferencia Tecnolóxica da USC, José Luis Villaverde Acuña, que participa na Conferencia de Universidades Emprendedoras. Deste modo, puntualizou que as invencións tal como xorden non dan lugar a produtos, senón que precisan dun proceso de desenvolvemento, que require de 10 a 15 anos na industria farmacéutica e que pode supoñer investimentos de 100 millóns de euros "antes de ingresar nin un euro en retorno". En relación coa produción da USC, Villaverde apuntou que rexistra ao ano en torno a 25 solicitudes de patente anuais e lembrou que a USC se sitúa entre o cuarto e sexto posto de entre as universidades españolas en número de patentes, cando por tamaño "estaría entre as medias", -posto 14-15- e no ámbito europeo colócase na media.
