![]() Os especialistas Ignacio Durán (esq.), Dolores Cortina e Juan J. Llerena no laboratorio de Análise de Radiacións
FOTO: ana currás |
Os institutos de educación secundaria non son espazos libres do gas radon. A Universidade de Santiago de Compostela (USC) advirte nun estudo de que o 34% deles supera as concentracións máximas recomendadas pola Unión Europea para os edificios construídos antes de 1990, de 400 bequerelios por metro cúbico deste gas radioactivo natural, cuxa inhalación excesiva se relaciona cunha maior probabilidade de desenvolver cancro de pulmón.
Nun 15% dos institutos analizados ata se detectou algún punto con valores superiores ós 800 bequerelios por metro cúbico, lonxe do máximo de 200 aconsellado pola UE para os edificios máis recentes. E máis aínda do límite da Organización Mundial da Saúde, que o rebaixou a 100 debido á correlación positiva entre a concentración do radon, considerado o primeiro responsable dos cancros de pulmón non relacionados co tabaco.
O estudo, que acaba de ser publicado no Journal of Environmental Radioactivity, baséase en medidas realizadas en 58 institutos de secundaria. "É unha mostra representativa en número e homexénea especialmente, con datos de toda Galicia", explica Juan José Llerena, membro do Laboratorio de Análise de Radiacións da Universidade de Santiago e coautor da investigación xunto cos especialistas Dolores Cortina, Ignacio Durán e Raquel Sorribas.
Os investigadores recomendan realizar unha análise máis detallada que determine os puntos de entrada, ademais de estendelo a centros educativos de todos os niveis. A partir de aí, as solucións segundo o grao de concentración do radon son máis ou menos sinxelas. "En función dos datos pódese propor unha simple ventilación ou unha obra un pouco máis seria, como impermeabilizar ou efectuar unha drenaxe do radon do subsolo antes de que entre no edificio. Cada caso é un mundo", di Llerena.
O radon é un gas moi habitual no solo galego, asentado sobre un terreoo granítico fracturado.