Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Os candidatos a reitor da Universidade de Santiago de Compostela FOTO: María Pego |
Os candidatos a reitor da Universidade de Santiago (USC) comprometen un cambio na forma de gobernar a institución, á fronte da cal estivo os últimos anos Senén Barro, na recta final para as eleccións na institución que se celebrarán o vindeiro mércores 5 de maio.
O catedrático Jaime Gómez Márquez avogou por cambiar a forma de gobernar "e facelo con todos e para todos" e "non dun modo elitista como na actualidade". Por iso, avogou por "recuperar a ilusión e o rumbo académico" co fin de poder proxectar a USC "con forza e servir á sociedade".
Nesta liña manifestouse a candidata Pilar Bermejo, quen defendeu a súa como unha "candidatura participativa, integradora e non personalista", así como "sen ataduras". "A universidade necesita un cambio radical nas formas de goberno e de facer universidade", considerou.
Tamén neste sentido coincidiu o aspirante Lourenzo Fernández Prieto, quen insistiu en que non representa "intereses ou grupos de intereses". "Quero representar unha visión de como debe de ser a universidade pública galega do século XXI", afirmou e sostivo que o seu compromiso supón "un estilo diferente de goberno".
Deste xeito o candidato Juan Casares Long apuntou como o seu "compromiso principal" o "traballo, ilusión e coñecemento" por "facer dunha universidade boa, unha mellor". Para iso, sinalou que traballará para facelo "a través da transparencia e o diálogo con todos" co fin de "traballar por un obxectivo". Respecto diso, Casares Long dixo que o diferencia do resto de candidatos "a experiencia" e o coñecemento da universidade "tras catro anos de presenza nos órganos de goberno da USC". "Somos un grupo plural, pero cohesionado, aberto e completo", sentenciou.
Pola súa banda, a candidata e ex conselleira de Educación Laura Sánchez Piñón, resaltou que o compromiso da súa candidatura "é coas persoas" da comunidade universitaria e coa sociedade en xeral. "Diferenciámonos do resto das candidaturas en presentar propostas "moi concretas, encadradas nun modelo de universidade que busca a calidade e a relevancia social, avaliadas economicamente e realizables dentro do marco orzamentario actual", comentou Sánchez Piñón.
Tamén a catedrática Mercedes Brea situou como o seu compromiso "principal" todas as persoas que forman parte da USC. Deste xeito, comentou que o seu equipo detectou, a diferenza doutros aspirantes, que están "realmente cumprindo" a súa aposta pola "optimización dos servizos e recursos propios".
Brea sostivo que o resto de candidatos "non dan unha mostra tan clara da súa confianza efectiva nos recursos propios da USC", mentres que Pilar Bermejo incidiu en que algunhas das propostas dos seus adversarios carecen de "falta de credibilidade" porque "supón a continuación do goberno dos últimos anos, aínda que agora traten de desmarcarse del". Engadiu Mercedes Brea que outros compromisos dos seus compañeiros pecan de "falta de realismo e austeridade, xa que presentan equipos de goberno demasiado grandes que non son de recibo en tempos de crises".
En canto aos retos, Casares Long avogou por "sacar adiante a universidade dunha situación económica complexa, levar a cabo a implantación de forma satisfactoria dos novos plans de estudo de grao e posgrao", así como "manter o ritmo de avance en investigación".
Unidade, universidade pública, calidade e compromiso con Galicia e coa xente da universidade representan os eixes do programa de Lourenzo Fernández Prieto, quen apelou á "complicidade de toda a xente que está farta de que lle digan o que vai mal sen que ninguén dea solución". "A nosa oferta é menos dependencia, máis autonomía, máis suficiencia financeira e máis recursos, menores burocracia inútil e máis pór ó alumnado, docente e investigador no centro do sistema".
A decisión, na segunda volta
Os candidatos coincidiron en que, aínda que con sete candidaturas -a estas seis súmase a do catedrático Juan Varela, que declinou facer declaracións- a elección do novo reitor decidirase na segunda volta, todos aspiran a quedar entre os dous proxectos máis votados para poder ter opcións a gañar na nova votación do día 24 de maio -tras unha nova campaña electoral prevista entre os días 19 e 22-.
"Dentro da incerteza que existe, espero gañar", afirmou Jaime Gómez, mentres que Mercedes Brea pediu que a primeira votación, o día 5, "clarifique a situación e nos permita realmente a todos decidir entre as dúas candidaturas mellores", apostilou.
Respecto diso, Casares Long dixo que confía en estar "entre os dous candidatos que disputen o Reitorado o próximo día 24". "Cando un inicia o camiño, faino coa maior convicción de que vai chegar á meta", concluíu, mentres que Pilar Bermejo se mostrou convencida de que "por suposto" gañará na primeira volta.
