Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Os reitores Casares e Mato, á dereita, e Barja, á esquerda, selan o acordo coa conselleira Beatriz Mato |
En vista de que os presupostos da Xunta para o 2011 anuncian recortes por todos os lados, os tres reitores das universidades galegas aspiran a quedar como están e recibir a mesma asignación presupostaria có pasado exercicio. Esta é a visión que trasladou onte o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, en nome tamén dos seus homólogos de Santiago e da Coruña e que parece deixar clara a asunción "do esforzo proporcionado" que o presidente da Xunta lles pedía o luns na inauguración do ano académico, a cambio de que a universidade non sexa a que máis sufra a crise.
"Creo que as palabras do presidente corresponden con que vai haber unha aposta pola educación superior e a investigación. A valoración teremos que facela en función das cifras que se manexen. Nós xa sufrimos un recorte importante no 2010, así que se sufrimos o mesmo recorte medio dos orzamentos podemos falar de que non hai aposta. Sufrir menos recorte cá media, estará habendo aposta e, evidentemente, se quedamos como estamos, podemos cualificalo como unha grande aposta", explicou Mato.
O reitor compostelán, pola súa banda, valorou que o futuro plan de financiamento contemple a investigación dentro das achegas estruturais. "Será a primeira vez que aparecerá reflectida expresamente nestas achegas", subliñou Juan Casares.
En resposta a outra demanda de Feijóo, os reitores tamén destacaron que os campus xa colaboran estreitamente. "Levamos dous días xa demasiados xuntos!", chanceou o coruñés José María Barja, un día despois da presentación conxunta da candidatura Campus do Mar, liderado pola UVigo, á convocatoria de Campus de Excelencia internacional.
20 proxectos do campus á empresa
A Consellería de Traballo e Benestar destina 250.000 euros ás tres universidades galegas, a través do programa "Empresa-Concepto", para a posta en marcha de 20 proxectos de base tecnolóxica que xurdan nestes centros. A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, resaltou que este programa ten como obxectivo plasmar a investigación dos grupos de vangarda "na vida real" para convertelos en posibles negocios, ao tempo que " xeran maior benestar social".
A Universidade de Santiago de Compostela será a encargada de coordinar todo o programa, e para iso establecerase un gabinete encargado de avaliar as diversas propostas candidatas a participar nel, as cales serán sometidas a un exame externo no que se terá en conta a súa viabilidade e competitividade. Uns criterios que se marcan co obxectivo de lles "ofrecer a todos a mesma oportunidade", resaltou o reitor da UVigo, Salustiano Mato, á vez que remarcou a "confianza" que supón esta forma de traballo entre as institucións para obter resultados "con total transparencia". A cabeza visible da USC, Juan Casares Long, chamou a atención sobre a "continuidade" deste programa que se asinou ininterrompidamente dende 2004 e que xerou 70 proxectos que se converteron en 35 novas empresas galegas.
