Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| O presidente Núñez Feijóo apertando o reitor da USC, Juan Casares Long, ante a ollada de Salustiano Mato (UVigo) e José María Barja (UDC), pola esquerda, e o conselleiro Jesús Vázquez FOTO: ramón escuredo |
A ningún dos tres reitores lle convence, e mesmo o coruñés ten serias queixas contra el. A pesar disto, os máximos responsables das universidades galegas estamparon onte a súa firma no plan de financiamento do sistema universitario de Galicia 2011-2015, un xesto que definen como mostra de responsabilidade ante a sociedade que a mantén en plena crise económica.
"Asinamos este plan para o próximo quinquenio conscientes de que os recursos dispoñibles nel, limitados e escasos, servirán de indicador do esforzo que asumimos coa coherencia que nos corresponde, sen deixar de sinalar, unha vez máis, que a solución dos problemas da nosa sociedade pasa pola universidade", destacou nesta liña o reitor compostelano, Juan Casares Long, que interveu en nome dos tres reitores tras a rúbrica do plan, escenificada onte no pazo de Raxoi.
O ton reitoral reivindicativo das negociacións de plans de financiamento anteriores cedeu o seu protagonismo á resignación nun momento de crise que, salientou Casares, "está a facer vítimas en case que todos". A pesar da escenario que se debuxa para os próximos anos, o catedrático expresou a "esperanza" das universidades de que o novo marco permita a Galicia "chegar ao mesmo tempo que os países da nosa contorna a formar parte e a ser vangarda da sociedade do coñecemento" para "facer dun pequeno país un país grande", engadiu Casares.
O presidente da Xunta, pola súa banda, agradeceulle a vontade de chegar a un acordo e "o exercicio de realismo" que asumiron. "Sen esa vontade de colaboración, de diálogo e de entendemento non serían posibles ningún dos destacados logros que se conquistaron nos últimos tempos", proseguiu Alberto Núñez Feijóo, con referencia tamén ao recoñecemento internacional ó Campus Vida compostelán e ao Campus Mar de Vigo.
O plan inclúe por fin o sempre posposto obxectivo de chegar a dedicar o 1% do PIB autonómico aos campus. Segundo a súa letra, alcanzarase en 2015, aínda que previamente, nos tres primeiros anos de vixencia deste marco, de 2011 a 2013, as universidades estarán obrigadas a executar plans de austeridade que inclúan "medidas correctoras" que permitan "corrixir as evolucións non funcionais".
A partida inmediata: 380 millóns de euros para 2011
En euros, en 2011 esta política de contención traducirase en 380 millóns de euros, unhas partidas da Xunta tecnicamente conxeladas, pero que poden considerarse un trato de favor nuns orzamentos que como media caen máis do 10%.
Feijóo esforzouse onte por reforzar esta impresión tirando doutras cifras: en 2011 o peso dos campus nas contas autonómicas será un 11% maior que en 2008 e o financiamento por alumno pasará a 6.500 euros ó ano, 700 máis que tres anos antes.
O campus da Coruña séntese agraviado
A Universidade da Coruña (UDC) séntese agraviada. O seu reitor xa o deixou claro hai un par de semanas coa súa abstención na votación do plan de financiamento 2011-2015 no Consello Galego de Universidades, e onte quixo reiterarlo a pesar de finalmente apoiar coa súa firma o novo marco. "[A UDC] merece un trato equilibrado e xusto que permita a converxencia entre o sistema universitario galego e remate coas diferenzas históricas entre os campus galegos", advertía Barja en casa só unhas horas antes de pousar cos homólogos de Santiago e Vigo, o presidente da Xunta e os conselleiros de Educación, Facenda e Economía.
En 2011, o Executivo mantivo a repartición histórica, que outorga máis do 40% á USC, un 29,79% a Vigo e un 27,4% á UDC. As pautas para anos posteriores seguiranse negociando ata xullo e Barja espera que o resultado final sexa máis vantaxoso para a súa institución.
Entre tanto, a UDC encarará un exercicio con algo menos de 130 millóns de euros, un 5,8% menos que en 2010. "Aplicaremos recursos extraordinarios, pero a excepcionalidade non se pode asumir como norma", indicou o vicerreitor de economía, Anxo Fernández.
En Vigo os ánimos están máis acougados. O seu consello de goberno aprobou onte uns orzamentos que caen algo menos, un 4,6%, rozando os 168 millóns de euros. "Vai ser un ano duro", recoñece o seu reitor, Salustiano Mato. No entanto, a USC segue traballando nas súas contas, cuxa aprobación final deberá esperar a xaneiro.
Ás voltas coa continuidade laboral dos investigadores
No ano a piques de empezar non só se estreará un novo marco de financiamento universitario. Tamén debutará o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015, que a semana pasada sacou á rúa a centos de científicos na súa contra, denunciando o desmantelamento da investigación e pedindo máis recursos para garantir a súa continuidade futura, pois moitos deles se atopan hoxe na corda frouxa.
Con todo, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, fai unha lectura moi diferente deste documento e onte insistiu en que será outra ferramenta clave para contribuír á conformación dunha auténtica economía do coñecemento que axude a Galicia a saír da actual crise.
Así as cousas, este polémico documento será aprobado, confirmou ademais o presidente, no consello da Xunta que se celebrará mañá. A pesar do seu nome, céntrase só en liñas estratéxicas xerais e non detalla as actuacións concretas para executalas, o que provocará paróns na posible continuidade de contratos de investigadores.
Juan Casares Long
"Asinamos este plan conscientes de que os recursos, limitados e escasos, servirán de indicador do esforzo que asumimos coa coherencia que nos corresponde"
Alberto Núñez Feijóo
"Sen a vontade de colaboración, de diálogo e de entendemento non serían posibles ningún dos destacados logros que se conquistaron nos últimos tempos"
