Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

investigación

Rumbo ó gran burato

A Universidade de Vigo pescuda a existencia de gas no cráter submarino máis grande coñecido, o Galicia Giant Pock Mark, a 140 quilómetros das costas galegas

D. BESADÍO . VIGO   | 23.09.2010 
A- A+

Desde a esquerda, Ana Bernabeu, Belén Rubio, Daniel Rey e Federico Vilas, integrantes do grupo Geoma

A 140 quilómetros da costa e 1.700 metros de profundidade, moi preto de onde se atopa o pecio do Prestige, os fondos mariños agochan un orificio de catro quilómetros de diámetro e 300 metros de fondo, coñecido como Gran Burato, "a estrutura deste tipo máis grande do mundo", tal como se refire a ela o catedrático Daniel Rey, coordinador xunto á catedrática Belén Rubio, da denominada Misión Galega do Gran Burato, unha expedición financiada pola Xunta de Galicia que partirá na segunda quincena de outubro coa misión de estudar en detalle a zona e realizar "unha radiografía" que dará luz sobre a existencia ou non de hidratos de gas, un tipo de hidrocarburo que se albisca como fonte alternativa de enerxía.

Liderada pola Universidade de Vigo, a campaña estará composta por un equipo de arredor de 20 investigadores nos que se inclúen, ademais dos membros vigueses, profesionais das Universidades de Aveiro, do Instituto Español de Oceanografía e do Instituto Andaluz de Ciencias da Terra, un centro mixto pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas, CSIC, e á Universidade de Granada. Co apoio en terra do resto de investigadores do grupo GEOMA, ao que pertencen Rey e Rubio, centraranse en realizar unha cartografía moi detallada tanto dos fondos como da auga, os sedimentos e o bentos, a comunidade de organismos propios destes ecosistemas e da que se fai cargo o tamén profesor da Universidade Fran Ramil.

Dende o grupo lembran tamén que xa nos anos 80 e 90 houbo moitos estudos sobre a plataforma, se ben non chegaron a bo porto, non porque houbese malas técnicas, senón porque simplemente non hai hidrocarburos na plataforma continental galega, xa que as súas características xeolóxicas e evolución non o xeraron. Pola contra, "agora movémonos nunha zona que é un complexo xeolóxico completamente distinto, moito máis lonxe da costa e aquí os indicios apuntan a que se deron as condicións para que se xere e se acumule algún tipo de hidrocarburo", subliña Vilas, "estamos falando da mesma profundidade dos pozo petrolíferos máis profundos do Golfo de México", remarca.

O lugar no que se atopa o gran cráter que se vai investigar, a 140 quilómetros da costa e a 1.700 metros de profundidade

Admiten que a posibilidade de atopar hidratos de gas é unha cuestión que esperta moitas expectativas pero subliñan "que se debe actuar con prudencia", xa que se ben a investigación é necesaria para coñecer a zona e chegar a determinar a presenza ou non deste tipo de hidrocarburos, "a posible explotación e perforación é, polo de agora, un reto tecnolóxico de primeira orde, xa que está no límite da tecnoloxía de explotación e perforación que se está a desenvolver nestes intres", subliña Rey.

A campaña xorde a raíz dos resultados obtidos dunha campaña anterior, a MarBanGa, financiada polo Ministerio de Ciencia e Investigación, que tiña como obxectivo o estudo do paleoclima e dinámica sedimentaria na zona. "Neses momentos o doutor Juan Acosta do Instituto Español de Oceanografía chamou a nosa atención sobre a existencia dun trazo submarino de primeira orde", apunta Belén Rubio, en referencia a unha elevación do fondo que daba lugar a un cráter de 4 quilómetros de ancho e uns 300 metros de profundidade, o Gran Burato, bautizado cientificamente como 4242 GGPM, en referencia á latitude na que está situado e as siglas en inglés Galician Giant Pock Mark. Se ben este tipo de estruturas son bastante frecuentes no fondo mariño, o que marca a diferenza nesta ocasión son as súas dimensións, sobre todo o diámetro, xa que non hai outro que adquira un tamaño similar. "Hai a posibilidade de que se creara a partir da unión de varios máis pequenos", subliña Rubio, ao tempo que explica que esta especie de cráter submarino se produce "a medida que o gas se vai abrindo paso cara á superficie".

En canto aos obxectivos da expedición, o director de GEOMA, o catedrático Federico Vilas, subliña a importancia de estudar en detalle a zona, xa que se ben este tipo de estruturas son habituais nalgúns campos petrolíferos que se están a explotar na actualidade, non en todos os fondos nos que aparecen dan lugar a campos petrolíferos ou de gas que se poidan explotar. Neste sentido, a expedición realizará un tipo de investigación moi aplicada que servirá de ferramenta para saber se hai indicios suficientes que fagan viable incrementar o gasto e realizar unha prospección e unha perforación, unha actuación que correría a cargo dunha empresa especializada.

Sairán o vindeiro mes de outubro

A expedición, financiada pola Dirección Xeral de Industria con 150.000 euros, sairá do Porto de Vigo a mediados de outubro a bordo do buque de investigación oceanográfica Sarmiento de Gamboa, e entregaralle o informe á Xunta en decembro.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS