Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

campus de vigo

Salustiano Mato entra no cargo pedindo recursos

19.06.2010  O novo reitor quere converter as universidades nun lobby para o país ·· Feijóo invítao a "suar a camiseta" co reto de "facer máis con menos"

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

E.P. . VIGO

O reitor saínte, Gago, dereita. entrégalle o bastón de mando a Mato en presenza de Feijóo  FOTO: Xoán Crespo
O reitor saínte, Gago, dereita. entrégalle o bastón de mando a Mato en presenza de Feijóo
FOTO: Xoán Crespo

O novo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, prometeu onte o seu cargo nun acto presidido polo titular da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e cun discurso no que pediu os "recursos necesarios" para que esta institución académica poida ser "dinamizador económico e social" de Galiza.

Mato, que agradeceu o traballo dos seus antecesores e felicitouse por recibir en herdanza unha Universidade "cun magnífico presente", insta o presidente da Xunta a liderar, xunto coas universidades galegas, un "lobby" para o país e pediulle que lles "poña deberes" a estas institucións. Iso si, reclamou, como "contrapartida" que "dispoña os recursos necesarios encima da mesa", xa que as universidades "serán un investimento" para Galicia. Ademais da internacionalización e a proxección exterior, o novo reitor fixou como obxectivo primordial facilitar a inserción laboral dos alumnos, para o que se necesita, reiterou, "a complicidade do Goberno galego e, sobre todo, unha alianza estratéxica cos axentes socioeconómicos".

Fronte ás continuas alusións do reitor ós recursos económicos, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, limitouse a constatar que a actual crise redundou nunha diminución das partidas destinadas a Educación. No entanto, puxo en valor o papel da Universidade como "investimento" e no seu "liderado social global".

Feijóo felicitou a Mato, ao que lle recordou que ten "o reto e a responsabilidade de seguir construíndo a Universidade con calidade e proxección internacional", así como "o reto de facer máis con menos", é dicir, de "suar a camiseta". "Non te preocupes porque somos varios", ironizou o presidente galego, en relación coas dificultades de financiamento.

LINGUA

"En galego fanse ciencia, transferencia e docencia"

A transferencia de coñecemento e a apertura á sociedade son outros dos "desafíos" que subliñou Salustiano Mato, quen tamén fixo referencia á promoción e utilización da lingua galega. "En galego fanse ciencia, transferencia e docencia; co galego valemos máis", recalcou, e recordou que, coa lingua de Galicia hai "portas abertas" a mercados como o de Brasil, "a terceira potencia emerxente mundial e a primeira de toda América".

Entre os momentos máis emotivos, destacou a entrega da medalla de reitor e o bastón de mando a Salustiano Mato por parte do reitor saínte, o profesor Alberto Gago.

PROPOSTA

Financiamento por obxectivos

Salustiano Mato tamén se pronunciou sobre a necesidade dun sistema de dirección estratéxica na Universidade de Vigo, desde a cal se promova un modelo de financiamento na negociación coa Xunta, na que "o volume total do orzamento debe alcanzar a media das universidades españolas". Tamén apostou por un modelo de contrato-programa "por obxectivos", de maneira que as universidades reciban fondos "en función dos resultados", para "non perpetuar a ineficiencia premiándoa". "Seremos austeros, pero isto non debe ser a escusa para non facer nada", concluíu.

O novo reitor agradeceu o apoio da comunidade universitaria na súa elección, e prometeu "manter un diálogo social permanente" cos sindicatos, crear un clima laboral "amigable e harmónico", e acabar coa "imaxe tradicionalista e conservadora da Universidade envarada, altiva e illada".

O presidente da Xunta eloxiou o potencial investigador da Universidade de Vigo, así como proxectos estratéxicos, como o Campus do Mar. Tamén apuntou que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior será unha "oportunidade" para que a Universidade de Vigo "atope un oco digno no sistema universitario español e internacional". Ao acto de onte acudiron autoridades como a presidenta do Parlamento, Pilar Rojo; o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez; deputados do Parlamento galego como Carlos Aymerich, Abel Losada, ou Ignacio López Chaves, ou o director xeral de Caixanova, José Luis Pego.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS