Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Sánchez Piñón avanzou onte as liñas básicas do programa co que se presenta para reitora da USC FOTO: RAMÓN ESCUREDO |
A catedrática de Xenética da Universidade de Santiago (USC), Laura Sánchez Piñón, comprometeu onte como candidata ao Reitorado da institución a posta en marcha dun servizo de autobús que conecte os campus compostelán e o de Lugo, así como un programa de inserción laboral que suporá un seguimento e asesoramento aos alumnos tras rematar a carreira e unha solución para o colectivo de docentes con acreditación para ser catedráticos.
Sánchez Piñón foi a primeira candidata a suceder a Senén Barro en oficializar a súa candidatura, o luns, e tamén a primeira, onte, en ganduxar as liñas do seu programa. Na rolda de prensa de presentación do seu programa, lema - "Crea futuro" - e logotipo de campaña, a ex conselleira de Educación avanzou algunhas das accións incluídas no seu proxecto.
Piñón resaltou que máis de 300 persoas -alumnos, docentes e persoal de administración e servizos- se desprazan entre as dúas cidades, e así, co apoio de trescentas sinaturas, avogou por "mellorar as súas condicións" cun servizo de autobuses.
Destacou tamén no seu programa a iniciativa de seguimento e asesoramento de alumnos no proceso de inserción laboral; a adaptación das prácticas ás necesidades do mundo laboral; e dimensionar mellor a formación de posgrao, sen un "número de másters excesivo", senón cos que "representen o mellor" que hai na universidade. Amais, avanzou unha oferta de máster on-line e a implantación progresiva de materias de posgrao impartidas en inglés.
En canto ós PAS, incidiu en afrontar "o máis rápido posible" a equiparación salarial cos seus colegas das universidades da Coruña e Vigo e a promoción da súa carreira, baseada na "formación e mellor cualificación".
En materia de investigación defendeu un programa propio da USC de apoio aos grupos emerxentes con axudas económicas; ademais da promoción da carreira docente, dándolles "as máximas posibilidades" aos profesores contratados-doutores para que poidan optar á categoría de titular. Tamén prometeu que no primeiro semestre de 2011 estea solucionada a ordenación dos profesores titulares acreditados con acceso a cátedra.
Incondicional apoio á Facultade de Medicina
No medio da polémica en torno á docencia de Medicina, LauraSánchez Piñón insiste no su "apoio incondicional" á facultade, que pasa por defender que todo o seu profesorado nos distintos hospitais de Galicia estea vinculado a ela tanto a nivel académico como administrativo.
Para a catedrática lucense, con todo, o de Medicina é un asunto "que debe quedar á marxe da campaña". "Existe unha posición unánime, de consenso, de apoio ao equipo decanal e de defensa da maior seguridade xurídicapara a docencia clinica dos alumnos", lembra.
Iso si, como prioridades do seu proxecto no apartado de infraestruturas Laura Sánchez Piñón subliñou a construción dunha nova facultade de Medicina en Santiago de Compostela, así como a reforma de Química, Ciencias da Educación e Física.
O seu programa estrutúrase en tres áreas programáticas: planificación e recursos, formación e mellora docente e estratexia internacional, investigación e políticas institucionais. Estas áreas, xunto co vicerreitorado de Lugo, conformarán tamén a estrutura do equipo de goberno co que concorrerá ás eleccións.
A data será o vindeiro 5 de maio, aínda que, ante a presenza de seis candidatos, é previsible unha segunda volta entre os dous máis votados o 24 do mesmo mes.
Tres candidatas, feito importante
Sobre os seus rivais, previsiblemente seis aínda que a día de hoxe se formalizaron no rexistro tres candidaturas máis -os catedráticos Lourenzo Fernández Prieto, Juan Casares Long e Mercedes Brea-, resaltou que "son persoas de gran prestixio" e valorou que "por primeira vez se presenten tres mulleres", o que cualificou de "feito importante".
