Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Laura Sánchez Piñón, candidata a reitora da USC FOTO: FERNANDO BLANCO |
O seu papel como conselleira de Educación no Goberno bipartito, cando se atrasou a negociación dun novo plan de financiamento para o Sistema Universitario Galego, foi a pregunta máis directa que os internau- tas lle fixeron a Laura Sánchez Piñón no chat organizado polo Grupo Correo Gallego.
"Desde 2005 ata 2008, período no que fun conselleira de Educación, o financiamento do SUG incrementouse desde os 5.400 euros por alumno ós 9.500, o que representa estar 20 puntos por debaixo da media estatal a estar na media. Estes datos son o meu mellor aval do meu compromiso cun financiamento universitario axeitado", contestou a catedrática de Xenética a quen pon en dúbida a súa capacidade de levar adiante un programa económico na USC.
Ó seu ver, "contrariamente ó que se di, a situación económica da USC non é preocupante" e asegura que "unha análise detallada e exhaustiva dos orzamentos da universidade nos permite comprometer as accións principais do noso programa cos fondos dispoñibles".
A candidata respondeu tamén sobre as súas intencións para Campus Vida, que definiu como "un éxito para toda a USC". "Marca un antes e un despois", destacou, aínda que engadiu que cre que é mellorable ampliando o foco e incluíndo titulacións e investigación de ciencias sociais e humanidades. "No noso programa levamos o compromiso de estudar e poñer en marcha catro novas iniciativas transversais seguindo ou seu modelo para estendelo a todas as áreas", detallou.
Como o resto dos reitorables, Sánchez Piñón teimou en defender "unha única Facultade de Medicina, docencia en todos os hospitais pero con dependencia esclusiva da USC. O acordo actualmente asinado nin pode nin debe ser levado á práctica".
Tamén defendeu a pertinencia do programa Uniemprende de apoio ós universitarios emprendedores e a xeración de empresas baseadas en resultados de investigación.
"Non haberá despedimentos"
No que atinxe á política de persoal, Sánchez Piñón nega que vaia haber despedimentos. "Isto é completamente falso. Promoveremos que os profesores contratados doutores que se acrediten e desexen transformar as súas prazas en titularidade o farán o máis axiña posible. Para o resto manteranse o contrato na figura actual. Non haberá despedimentos"
Estabilidade para os RyC
Sobre os investigadores Parga Pondal e Ramón y Cajal, asegura que "a USC non pode perder esa riqueza e non o fará. O noso compromiso co persoal investigador captado a través destes dous programas é claro: estabilización en función de que acaden as avaliacións positivas previstas.
Máis funcións para os PAS
En canto ós PAS, avanza a saída das prazas de interinidade como unha das prioridades do seu programa, así como "a profesionalización da xestión na USC. Cremos que neste momento a liña de actuación máis eficiente e eficaz é promocionar o persoal da casa ós postos de maior nivel"
