Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

contas

Tesoirada na USC

18.01.2011  A conxelación dos fondos destinados pola Xunta e o pagamento de débeda recortan os orzamentos da Universidade de Santiago para o 2011 nun 6,8%

3.7/5 [3 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

I. CASAL . SANTIAGO

Ambiente de estudo na biblioteca da Facultade de Historia onte, en plena época preparatoria dos exames de febreiro FOTO: RAMÓN ESCUREDO
Ambiente de estudo na biblioteca da Facultade de Historia onte, en plena época preparatoria dos exames de febreiro
FOTO: RAMÓN ESCUREDO

A vella Fonseca será a que máis perda en 2011. Os orzamentos da Universidade de Santiago (USC) sufrirán en 2011 un recorte do 6,8% con respecto a 2010. A rebaixa é un punto superior á da Universidade da Coruña (UDC) e 2,2 maior á máis lixeira do mapa universitario ga­lego, a da Universida­de de Vigo (Uvigo), cuxos presupostos non chegan á caída media do 5% do gas­to en persoal debido ós recortes nos soldos dos funcionarios.

O claustro compostelán debaterá mañá as primeiras liñas xerais con Juan Casares Long como reitor, un documento que sinala que a USC se deberá apañar con menos de 229 millóns de euros, non só pola redución experimentada polo recentemente estreado plan de financia­ción plurianual do sistema universitario galego, senón tamén, "e de forma considerable", pola "situación económica intrínseca da USC dende hai anos", na que, engade e, "había un déficit de máis de 15 millóns".

Pola parte que lle toca á Xunta, o reitorado advirte de que os recursos do plan do Goberno "non cobren as necesidades existentes", o que obrigará a "facer unha importante contención do gasto" para afrontar, en primeiro lugar, os gastos de persoal, que ascenden a 149,26 millóns de euros.

As seguintes obrigas ineludibles son as financeiras, que supoñen devolver case 8 millóns: 900.000 euros de intereses de préstamos máis 6,92 millóns de devolución de anticipos reembolsables.

Malia os recortes e débedas, o reitorado anuncia que o orzamento de 2011 se completará coa li­quidación equilibrada do de 2010 e que permitirá "afrontar os gastos imprescindibles" para manter as actividades propias da universidade, aínda que sempre cunha "impres­cindible" intensificación da eficacia e da eficiencia.

 

380 millóns do plan de financiamento 2011-15

Os tres reitores galegos asinaron o 21 de decembro pasado o Plan de financiamento do sistema universitario de Galicia 2011-2015. Este primeiro ano en vigor do plan será de transición, mentres se seguen negociando os criterios de repartimento dos fondos para os catro exercicios seguintes. Así, no 2011, os campus galegos disporán de 380 millóns, unhas partidas tecnicamente conxeladas que se interpretan como un trato de favor fronte a outros departamentos da Xunta, que caeron un 10%.

A repartición histórica manterase este ano e así, á USC corresponderalle o 42,8% dos cartos, o 29,7% á UVigo e a UDC levará o 27,4%.

O 90% dos fondos son en concepto de financiamento estrutural e o 10% restante está condicionado a resultados e calidade. O novo marco irá incrementando progresivamente as partidas dependentes dos resultados, ata chegar a pesar un 30% en 2015. Ata esa data, as universidades recibirán polo menos uns 2.100 millóns.

O reitor da UDC, José María Barja, mostrou a súa oposición a este plan, que ó seu ver, agravia a institución herculina en favor e pide o remate das diferenzas históricas entre os tres campus. O herculino anunciou que contará con 130 millóns este ano, un 5,8% menos ca no 2010. A UVigo, pola súa parte, contará con 168 millóns, un 4,6% menos.

Oposición no debate do Claustro mañá

As contas da USC non o terán fácil no claustro. Entre os grupos docentes conta só co apoio de Converxencia Universi­taria (CU). "Apoiarémolas por responsabilidade", di Miguel Anxo Bastos.

Os progresistas de +Universidade defenderán unha emenda á totalidade porque as consideran xenéricas en exceso. "Falan demasiado do plan da Xunta e de 2010, pero son demasiado vagas sobre as contas de 2011, son como un cheque en branco", considera o seu voceiro. Enrique Macías cre ademais que o nivel de detalle é moito menor ca nas liñas orzamentarias de reitorados anteriores.

A nacionalista Universida­de Aberta (UA) ponlle outro pero ó texto. Os estatutos obrigan a presentar primeiro as liñas da progra­mación plurianual da USC, polo que proporá pospor a aprobación das orzamentarias para facer coincidir o debate de ambos os documentos nun claustro posterior, di Lourenzo Fernández Prieto. O reitorado xustifica a demora porque debeu esperar á recente aprobación do Plan de financiamento e comprométese a presentar a programación 2011-2015 este semestre.

DATOS

U-los 5 millóns prometidos

+Ideas preguntará no claustro de mañá por que pasou cos cinco millóns "prometidos pola Xunta" á USC nunha reunión mantida entre Feijóo, Senén Barro e Juan Casares antes de que este tomase a remuda de Barro en xuño, asegura o seu portavoz, Enrique Macías. Eses cinco millóns de euros nunca ingresados dificultaron o peche dos presupostos do 2010.

Problemas para algúns cobros

No apartado dos gastos, o reitorado asegura que unha das "maiores dificultades" na execución das contas do ano pasado foi ter que facerlles fronte ós pagos derivados de resolucións xudiciais, que ascenderon a 875.000 euros. O novo reitorado da USC sinala tamén dificultades no cobro de convenios e contratos por un importe superior ós dous millóns de euros.

Dous anos de recortes

O reitor Casares Long propón uns presupostos que por segundo ano van á baixa, malia que esta vez de forma máis acusada. En xaneiro de 2010, a USC aprobaba una proposta presupostaria de 244,6 millóns de euros, un 0,5% menor có ano anterior, xusto despois dun exercicio 2009 no que o comezo da crise xa limitara o crecemento ó 3,4%.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS