Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia, onte en Santiago FOTO: AXENCIAS |
Coa presentación oficial de tres candidaturas, onte deuse o disparo de saída da carreira para remudar o reitor senén Barro na cadeira da Universidade de Santiago.
O sábado foi o primeiro día para presentar as candidaturas ó reitorado de Fonseca, pero coa ponte polo medio, na práctica trasladouse a onte. A metade dos candidatos, Laura Sánchez Piñón, Lourenzo Fernández Prieto e Juan Casares Long, elixiron esta primeira xornada para formalizar as súas candidaturas. Os tres restantes farano ó longo desta semana ou mesmo á volta das vacacións de Semana Santa.
A máis madrugadora foi Laura Sánchez Piñón. A catedrática de Xenética e ex conselleira de Educación co anterior goberno bipartito entregou a instancia na que confirma a súa candidatura no rexistro da USC no Campus de Lugo. Foi sobre as nove e media da mañá, para chegar a tempo á visita de Campus Vida do ministro de Educación. A profesora de Veterinaria acudiu acompañada por un representante de cada un dos tres eixes da comunidade universitaria: o decano da Facultade de Ciencias de Lugo, Francisco Fraga; Margarita Abuín, persoal de administración e servizos; e Javier Miragaya, alumno.
Sánchez Piñón cualificou o proxecto que lidera como plural e integrador, compartido por un grupo numeroso de membros de distintos ámbitos da comunidade universitaria que "senten e aman a universidade" e que ven no seu futuro desenvolvemento do coñecemento e proxección internacional. A xenetista salientou un programa que "xira en torno ó alumnado, o auténtico motor da universidade. Todos os demais temos que pensar nesa formación. A universidade é o lugar onde nos facemos máis cultos, máis solidarios. Onde aprendemos a convivir e iso debe conformar o corazón do proxecto", manifestou.
Unha hora despois, en Santiago, o catedrático de Historia Contemporánea presentaba a súa candidatura e insistía na invitación lanzadá ós seus rivais: a celebración de polo menos tres debates entre todos eles -un por campus-, ós que confirmou que irá "sen pór ningún tipo de condicións". Sobre a posibilidade de que haxa fusións, o candidato reiterou tamén que haberá tempo para iso, pero que agora o que se abre é o de "competir en termos democráticos".
Fernández Prieto acudiu en solitario ó rexistro, mentres que Juan Casares Long -o único candidato que repite, catro anos despois de enfrontrarse a Senén Barro - fíxoo arroupado por un grupo de universitarios. Entre eles, rostros que xa o acompañaron no 2006 -como Mercedes Pintos, José Ignacio Zarra, Jesús Aira o Eva Castro-, e outros novos como a profesora de Psicoloxía Carmen Fernández Morante ou o de Historia Javier Garbayo, José Manuel González, Sara Cantorna, Luis Velasco, Lourdes Noya e Jesús Aboal.
Casares subliñou o valor da súa experiencia na oposición. "Podo dicir que teño un coñecemento polo miúdo da USC. A universidade do futuro, engadiu, debe estar "aberta ao diálogo", ser transparente, contar con todos e "implicada e comprometida", salientou.
Outros tres reitorables
Os outros tres reitorables, a catedrática de Filoloxía Mercedes Brea e o catedrático de Bioloxía Molecular e decano de Bioloxía Jaime Gómez Márquez prevén oficializar as súas candidaturas esta semana, mentres que a catedrática de Química Analítica Pilar Bermejo prevé facelo á volta da Semana Santa. O prazo péchase o xoves , 8 de abril.
As eleccións para remudar a Senén Barro celebraranse o 5 de maio. Ante a previsión de que ningún candidato gañe en primeira rolda, prevese unha segunda convocatoria o 24 de maio.
