Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

universidade

Unha tensa Comisión de financiamento

20.09.2010  Os tres campus demandan para a reunión de hoxe o "compromiso" da Xunta, que anticipa que "haberá que tomar decisións"

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

REDACCIÓN . SANTIAGO .

A Comisión de financiamento delegado do consello Galego de Universidades (CGU) reunirase hoxe para consensuar o panel de indicadores do novo plan de financiamento do Sistema Universitario de Galicia para o período 2011-2015, que entrará en vigor en xaneiro do próximo ano. Segundo explicou a Consellería de Educación, a convocatoria deste encontro responde ao cumprimento dos "prazos" acordados na reunión do CGU o mes de xullo pasado, onde, por unanimidade, se estipulou unha folla de ruta cuns criterios "básicos" para a repartición das cantidades ás universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo no próximo quinquenio.

Educación subliñou que se está a traballar na distribución de fondos entre as tres universidades "en beneficio dos estudantes", para destacar, ao tempo, que "dende hai anos" o financiamento universitario non está baseado na repartición de fondos "por estudantes", senón no "gasto corrente" das universidades, sobre todo no que se refire ao custo do cadro de persoal. En canto ás bases do novo documento, introduciranse mecanismos como o plan de sostibilidade e o panel de indicadores co fin de que se poida, "de forma gradual", modificar o financiamento das universidades en función de que alcancen os obxectivos fixados, dando unha resposta "aos esforzos reais e aos seus resultados". A reunión da Comisión de financiamento producirase xusto unha semana despois do cruzamento de mensaxes entre Xunta e universidades, protagonizado polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan José Casares Long, quen interveu en nome dos seus colegas da Coruña e Vigo no acto de apertura do novo curso académico. Neste encontro, Casares Long avisou de que é "un imperativo" que a sociedade galega, a través dos seus representantes, se comprometa co sistema universitario, "priorizar" no próximo plan de financiamento o apoio á súa actividade e desenvolvemento para lles garantir "un futuro de máis benestar" ás xeracións vindeiras. Ao tempo, recordou que este chamamento se produce no "histórico" marco de adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e que o debate coincide co arranque dun novo modelo sen que, "en ningún momento", as administracións públicas fixeran "unha valoración do esforzo económico" que isto supón para as universidades.

Pola súa banda, Núñez Feijóo respondeu, neste acto, á petición de compromiso cun chamamento "ao consenso, ao acordo e á unidade" e instou as institucións universitarias da comunidade para seguir o exemplo de Caixa Galicia e Caixanova, apostando pola "cultura da unidade" como "forza motora". Igualmente, e aínda que garantiu que o seu Goberno non fará da universidade unha das principais vítimas da crise, o presidente avisou de que "haberá que adoptar decisións" e manifestou o seu desexo de que estas se materialicen a través "de acordos", ao tempo que aconsellou "apoiarse na riqueza do capital humano.

O DATO

Principio de suficiencia estática

Non en van, o departamento que dirixe Jesús Vázquez sinalou en xullo que as liñas básicas dadas a coñecer reflicten a necesidade de "marcar unhas pautas" para o financiamento universitario, entre as que destacan a estabilidade económica, a suficiencia, a eficiencia e a equidade institucional. Ademais, entre os obxectivos, incidiu na intención de alcanzar a media financeira do Sistema Universitario Español.

Así, na sección estrutural do documento, recóllese que o punto de partida será a cantidade necesaria para alcanzar o principio de suficiencia estática que proporcionará "estabilidade" ás institucións universitarias.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS