Hemeroteca web
|
RSS
Luns 21.05.2012
| Actualizado 10.14
![]() |
| Pola esquerda, Sánchez Piñón, Casares Long, Pilar Bermejo e Gómez Márquez, Mercedes Brea e Fernández Prieto FOTO: RAMÓN ESCUREDO |
Os seis candidatos ó reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC) -malia que só catro formalizaron a súa aspiración- reuníronse onte na Facultade de Medicina á chamada do decano. José María Fraga Bermúdez reuniunos a todos para recabar o seu apoio á postura do centro en contra do pacto asinado hai unhas semanas entre as consellerías de Educación e Sanidade e os reitores das tres universidades galegas sobre a docencia clínica de Medicina. Tras unha reunión de apenas media hora, os seis rubricaron un texto no que mostran o seu "desacordo" con ese pacto e "subscriben" o documento que fixo público sobre este asunto a xunta de facultade.
No texto, dirixido a toda a comunidade universitaria, os catedráticos Mercedes Brea, Pilar Bermejo, Juan Casares Long, Lourenzo Fernández Prieto, Jaime Gómez Márquez e Laura Sánchez Piñón subscriben o pronunciamento unánime do centro, que o pasado 5 de marzo emitiu un comunicado no que advirte de que o cuestionado pacto fraguou "en función de intereses nos que a docencia da medicina foi moeda de cambio" e facendo caso omiso" ás consideracións da facultade, a única que imparte Medicina en Galicia. Os reitorables responderon onte ó mediodía á chamada do decano, que quixo transmitirlles de primeira man os problemas que se auguran no desenvolvemento das chamadas "Bases para a cooperación universitaria na docencia do grao en Medicina" e o posible novo incremento de alumnado, que o vindeiro curso podería chegar a 400 en primeiro (50 máis que agora). "Queriamos saber cal era a súa opinión e a eles pareceulles conveniente realizar unha declaración sobre esta problemática. Houbo unha notable uniformidade e receptividade unánime por parte de todos", explicou.
Os candidatos non adiantaron solucións ó problema , pero comprometéronse a profundar nel e a tomalo "co interese que merece e que ten a Facultade de Medicina para a USC" en caso de gañar as eleccións.
O acordo que subscriben advirte de que as citadas bases de cooperación "son inaplicables, imposibilitan a utilización dos recursos docentes e sanitarios na docencia da Medicina en Galicia e colocarían os profesores e alumnos nunha situación de inseguridade administrativa, académica e aínda xurídica".
Intereses localistas para duplicar a facultade
A facultade compostelá considera que detrás deste acordo se agocha un primeiro paso para a duplicación da facultade, e apuntan directametne á conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que, na súa anterior etapa como concelleira herculina, fora adaíl desta reivindicación.
Profesor colaborador docente, a cerna do problema
Unha das claves do rexeitamento da facultade ó pacto entre Xunta e reitores é que a USC cederá a vinculación admistrativa dos médicos docentes á universidade máis próxima ós seus respectivos hospitais. Así, a pesar de que só a USC imparte a carreira de Medicina en Galicia, os médicos do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) que asuman a docencia clínica de parte dos seus alumnos estarán vinculados a ese nivel á Universidade da Coruña, e os do complexo vigués, á de Vigo.
A USC só manterá a vinculación académica con estes docentes, nunha sorte de figura híbrida aínda pendente de desenvolver, pero para a que xa hai nome, profesor colaborador docente. Medicina considera que será "inaplicable, xa que colocaría a profesores e alumnos nunha situación de inseguridade administrativa, académica e ata xurídica.
O sentimento xeneralizado no centro é que o pacto obedece a intereses localistas, particularmente da Coruña, que desde hai anos reclama o segundo ciclo de Medicina. O propio reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, recoñeceu que asinou o pacto porque a Consellería de Sanidade se negou a calquera outra alternativa.
