Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

CONTAS XUSTAS

Universidade afogada

20.03.2011  A de Santiago foi a que maior caída sufriu nos seus orzamentos para 2011: case un 7% ·· Facturas de teléfonos e fotocopias custearanse coa metade de cartos

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

IOLANDA CASAL . SANTIAGO

Alumnado estudando nas instalacións da Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela (USC)
Alumnado estudando nas instalacións da Biblioteca Concepción Arenal da Universidade de Santiago de Compostela (USC)

O ritmo cotián nas aulas e corredores das facultades da Universidade de Santiago de Compostela (USC) é o mesmo, pero a crise está deixando a súa pegada no seu funcionamento. O reitorado recortou en torno ao 30% o financiamento destinado aos centros docentes nos orzamentos de 2011, un tixeirazo que se suma ao de 2010, dun 25%. En só dous anos, e en plena adaptación a Boloña, perderon máis do 50% do diñeiro para o funcionamento básico.

Das tres universidades galegas, a USC é a que sufriu unha maior caída nos seus orzamentos de 2011, que non chegan ós 229 millóns de euros. Son un 6,8% menores ós de só un ano antes, máis aló da redución media do 5% do capítulo de nóminas pola baixada salarial dos funcionarios. Isto tradúcese nunha forte restrición en case todo, incluída a asignación ós centros, á que se lle suma a retención do 75% dos aforros dos departamentos de anos anteriores para presentar uns orzamentos equilibrados, aínda que o equipo de goberno pretende devolvelos a medida que sexa posible.

"Notámolo moitísimo, en todas as facultades, non sei como imos saír adiante. Estamos falando dos fondos para o funcionamento diario, incluídas as subministracións dos laboratorios para as prácticas do alumnado (...), e os remanentes doutros anos era co que se xogaba para a vida cotiá", expresa a decana de Farmacia, María Isabel Sández.

A reparación de equipos técnicos, facturas de teléfono e correos, a compra de material de oficina, fotocopias, actividades culturais ou os desprazamentos que deben realizar os decanos son outros dos gastos que se custearán coa metade de diñeiro que en 2009.

Algunhas das reparacións das instalacións eléctricas ou de pingueiras -as de maior importancia cóbrense por outra vía- ou a compra de novos computadores e outros equipos entra no mesmo lote. En Filoloxía, en 2004 non había ningún canón fixo. Hoxe estes equipos de uso docente diario están instalados en todas as aulas grazas aos fondos de funcionamento do centro, pon como exemplo o seu decano, Ernesto González Seoane.

Parte destes cartos adóitanse dedicar ademais a completar a compra de fondos para a biblioteca, e máis por mor da evolución negativa do orzamento centralizado da USC para adquirir monografías nos dous últimos exercicios. Pero os 85.000 euros dos que dispón Filoloxía este ano darán para poucas alegrías, quéixase o decano, que advirte de que xa leva tempo contendo todos os gastos. "As facultades tocamos chan", considera ao respecto.

Buscar fórmulas para poder "sobrevivir nun clima hostil"

González Seoane apunta que toda a USC debe reflexionar sobre como gasta e aposta por "buscar fórmulas para sobrevivir nun clima hostil" que atribúe ao plan de financiamento universitario ditado pola Xunta, pero advirte tamén de que o reitorado ten a responsabilidade de "priorizar os gastos e distribuír os recortes" e dar información clara. "Non pode ser que empece a haber a sensación de que a crise a pagan determinadas actividades ou centros (...). Ao mellor a contabilidade é correcta, pero hai que rachar coa tradición de prestidixitación das contas desta universidade", conclúe.

O reitorado non só se enfronta á sensación de agravio entre os responsables dos centros. Desde a perspectiva investigadora tamén hai reproches, porque parte de remanentes dos fondos da USC que non se salvaron da política de retención cobren gastos relacionados coa actividade científica.

Para o catedrático José Luis Mascareñas importa máis o xesto que a repercusión económica real (o seu grupo finánciase sobre todo con convocatorias estatais e europeas competitivas) e suxire recortar noutras parcelas. "Na situación de crise económica actual é fundamental que as medidas de aforro non penalicen ou desmotiven os mellores investigadores. Iso é ir contra a liña de flotación conceptual da universidade. Antes hai que valorar a supresión de gastos de administración, por exemplo a supresión de vicerreitorías ou oficinas non tan necesarias", suxire o premio nacional de Química Orgánica.

Miguel Anxo Bastos, profesor de Políticas e voceiro de Converxencia Universitaria -que apoiou os orzamentos- entende o malestar, sobre todo pola retención dos aforros, pero comparte as explicacións que o reitor lle trasladou á comunidade universitaria nunha carta por correo electrónico. "As medidas de axuste son necesarias neste tempo, xustificadas, pero o malo de reter os remanentes é que se manda un mal sinal, porque que premio levan os que aforraron?", pregúntase Bastos.

No que coinciden todas as partes é o diagnóstico da raíz do mal: a aposta das administracións públicas polo sistema universitario público galego en materia de financiamento "foi e segue sendo insuficiente", conclúe a misiva do reitor.

María Isabel Sández

"Non sei como imos saír adiante. Estamos falando dos fondos para o funcionamento diario, incluídas as subministracións dos laboratorios para as prácticas"

José Luís Mascareñas

"É fundamental que as medidas de aforro non penalicen ou desmotiven os mellores investigadores. Iso é ir contra a liña de flotación conceptual da universidade"

Ernesto González

"Non pode haber a sensación de que a crise a pagan determinadas actividades ou centros. Hai que rachar coa tradición de prestidixitación das contas desta universidade"

Miguel Anxo Bastos

"As medidas de axuste neste tempo están xustificadas, pero o malo de reter os remanentes é que se manda un mal sinal, porque que premio levan os que aforraron?"

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS