Hemeroteca web | RSS  RSS     Luns 10.12.2018 Actualizado 21:09
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

proxecto diana

A USC e a Barrié investigan fármacos á carta co ADN

A Fundación Barrié e a USC poñen Galicia á cabeza de Europa en farmacoxenética ·· Cancro, doenzas psiquiátricas e cardiovasculares, os eidos de estudo

AGN . SANTIAGO   | 18.07.2008 
A- A+

FERNANDO BLANCO
Os membros do Programa Diana de investigación en farmacoxenética onte no Obradoiro en Santiago
FOTO: FERNANDO BLANCO

O vicepresidente da Fundación Pedro Barrié de la Maza, José María Arias, e o director executivo da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, presentaron onte en Santiago un ambicioso programa de investigación farmacoxenética que cualifican como "o máis importante de Europa" e supón unha aposta firme por liderar desde Galicia este campo.

O Programa Diana Fundación Barrié-Universidade de Santiago busca un tratamento para cada paciente co fármaco "máis axeitado" e a dose "necesaria", co obxectivo de "obter a máxima eficacia terapéutica co mínimo risco e custo", explicou o seu director, Ángel Carracedo. "A eficacia media dos medicamentos dista moito de ser a idónea" e tratamentos como a quimioterapia causan "importantes danos" nos pacientes, xustificou.

O programa, que está na fase inicial e terá unha duracón de tres anos, desenvólveno máis de 100 científicos, así como 80 médicos implicados na recollida de datos clínicos nos hospitais públicos galegos con 3.890 pacientes implicados.

Carracedo considera o proxecto como "moi ambicioso" e cunha "viabilidade clara" e reiterou que o obxectivo é trasladar á práctica os avances científicos e poñer no mercado kits diagnósticos que permitan predicir a resposta do paciente fronte a un determinado fármaco.

Entre as áreas que se estudarán inclúese a predición da resposta á quimioterapia en cancro colorrectal -cun proxecto Chip en fase de desenvolvemento-, de mama e de tiroide. Ademais, estudaranse os antipsicóticos en pacientes de esquizofrenia, enfermidade que padece un 1% da poboación e a medicación da cal, segundo apuntou Carracedo, ten efectos "dispares que, en ocasións, obrigan a paralizar o tratamento". Tamén para este caso se desenvolve un proxecto "Chip".

O último dos proxectos "Chip" centrarase no Alzheimer, para o que se estudarán un total de 600 pacientes. Tamén se avaliarán os tratamentos para a xaqueca, os antiplaquetario en pacientes con problemas de trombose e mais embolias e os deseñados para a hipertensión arterial, todas elas patoloxías os medicamentos das cales "non son moi eficientes ou teñen unha eficacia relativa" ó ver do director do programa.

 

Incorpóranse dez investigadores principais

Ao programa incorpóranse dez investigadores principais, en concreto están os seguintes: Clara Ruiz Ponte (quimioterapia de cancro colorrectar), Ana Vega Gliemmo (quimioterapia de cancro de mama), Anxo Vidal Figueroa (cancro de tiroide), Fernando Domínguez (tratamento de cancro de tiroides), Javier Costas (antipsicóticos en esquizofrenia), María Isabel Loza (antipsicóticos en esquizofrenia), María Jesús Sobrido Gómez (tratamento de hemicrania), María Brión Martínez (tratamento antiplaquetario), Lorenzo Montserrat (proxecto de tratamento de hipertensión arterial) e Francisco Barros (coordinador dos tres proxectos de ensaio clínico). Como coordinadoras e investigadoras principais do deseño de kits e das estratexias diagnósticas figuran Beatriz Sobrino e María Torres Español.

Reinvestir o total das ganancias

O proxecto Diana Fundación Barrié-USC conta cun programa de bolsas. Onte concedéronse seis, tres en residencia (para Goretti Durán Piñeiro, Ana María Pastoriza Mourelle e Catarina Allegue Toscano) e tres contratos en residencia (para Alejandro Gesteira Ponce, Montserrat Camiña Tato e María del Carmen Pastoriza Rodríguez), amais doutra bolsa de mobilidade para unha estadía breve na Universidade de Chicago a Laia Paré Brunet. Co fin de garantir a sostibilidade do programa , a Fundación Pedro Barrié de la Maza reinvestirá nel o 100% dos ingresos que se poidan obter, por exemplo na concesión de novas bolsas.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS