Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

A USC elixirá reitor mañá entre Lourenzo Fernández e Casares Long

23.05.2010  Tras a primeira volta, con sete candidatos, mañá a Universidade compostelá elixe reitor entre os catedráticos Juan Casares Long e Lourenzo Fernández Prieto

0.0/5 [0 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

X. CREGO . SANTIAGO

Os candidatos a reitor da USC Juan Casares Long, esquerda, e Lourenzo Fernández Prieto diante do pazo de San Xerome
Os candidatos a reitor da USC Juan Casares Long, esquerda, e Lourenzo Fernández Prieto diante do pazo de San Xerome

Mañá a Universidade de Santiago de Compostela (USC) terá novo reitor electo. A comunidade universitaria debe­rá elixir entre o catedrático de Enxeñería Química Juan Casa­res Long e o de Historia Contem­poránea Lourenzo Fernández Prieto. Ambos son veteranos da política universitaria, tanto na oposición como, no caso de Fernández Prieto, na xestión académica do reitorado. Casares eríxese como "a única voz crítica e alternativa nos órga­nos de goberno" nos últimos catro anos. O enxeñeiro quími­co enfrontouse a Senén Barro en 2006, conseguindo empatar en votos con el, pero con 19 puntos menos de apoio entre o profe­sorado funcionario doutor, cuxa opinión é a de máis valor. O 5 de maio, na primeira volta -cunha concorrencia de candida­turas inéditas, sete- o profesor logrou o 26% do voto ponderado.

A de Fernández Prieto foi a segunda opción máis votada (20,7%), cunha diferenza de 12 puntos no sector de profesores funcionarios doutores, aínda que cunha vantaxe de 70 papeletas entre o alumnado. A experiencia do candidato como claustral vén de moitos anos atrás, aínda que foi en 2006 cando debutou no reitorado, como parte da inédi­ta coalición das tres plataformas docentes da USC que articulou na súa candidatura á reelección o profesor Barro.

Fernández Prieto, membro de Universidade Aberta (de tenden­cia nacionalista), ocupou case tres anos a Vicerreitoría de Relacións Institucionais, ata que en 2009 abandonou o cargo para preparar a candidatura ó reitorado da súa plataforma, acelerando unha cri­se de goberno que concluíu coa dimisión en bloque dos vice­rreitores nacionalistas.

Ambos os profesores debateron o pasado xoves nun ton correc­to, pero non exento de pullas, ante un auditorio de máis de 200 perso­nas, no único cara a cara públi­co da campaña da segunda volta no campus de Santia­go, moderado pola xornalista de Correo TV Susana López Car­bia. O que segue é un repaso ós argumentos de ambos nos principais temas abordados.

 

INVESTIGACIÓN. Casares apos­ta por reducir as "asimetrías que se veñen acumulando" entre áreas de coñecemento e garan­tizar que a xestión "non sexa un atranco" para a investigación. Avoga ademais, dentro dun con­xunto de solucións reflectidas no seu programa, por apoiar as áreas con dificultades de capta­ción de doutorandos. Fernández Prieto tamén incide na nece­sidade de pór o aparello de apo­io á investigación "ao servizo de todos os investigadores" e cuan­tifica a redución da burocracia neste apartado: un 50%.

 

OFERTA ACADÉMICA. O catedrático de Historia Contemporánea, Fernández Prieto, subliña a importancia de que os estudantes participen realmente nas comisións de seguimento dos novos títu­los para melloralos. "Hai que colocar no centro dous graos e dous posgraos aos docentes a aos estu­dantes", resaltou. Casares advertiu de que moitos dos novos títulos "chocan coa realidade", aínda que recoñeceu que na adaptación a Boloña a universidade foi "víti­ma da improvisación" do Gober­no central. No caso concreto dos posgraos, apostou por unha "racionalización" da oferta e a potenciación destes estudos como polo para atraer talento.

 

SERVIZOS Á COMUNIDADE UNIVERSITARIA. Casares cre que aprema unha reorganización do persoal destes servizos e paliar a interinidade do seu cadro. Fernández Prieto avoga tamén pola súa optimización, a redución dos gastos admi­nistrativos e protocolarios e o incremento dos ingresos, aumentando, por exemplo, o pre­zo dos servizos deportivos que se prestan a persoas alleas á comunidade universitaria.

 

PERSOAS. Nas políticas de persoal, ambos coinciden na necesidade de atallar as asimetrías entre áreas. "O 61% do alumnado concentrado nas ciencias sociais, pero só o 21% dos docentes o atende", advertiu Fernández Prie­to, que cre que se debe pensar a renovación de persoal a 15 anos vista, cando se disparen as xubilacións. Neste punto, Casa­res felicitou ao seu rival por apostar por tam­én por empregar máis a figura do profesorado axudante, que presentou da súa colleita, den­tro do deseño dun modelo da carreira docente. O enxeñeiro quere ademais pór en marcha un plan de formación integral de formación docente e de PAS.

 

INTERNACIONALIZACIÓN. Os dous candidatos queren que a USC envíe máis alumnado a estu­dar fóra e ser receptora de máis estranxeiros, pero difiren nas metas. Prieto contempla no seu programa que todos os estudantes poidan cursar polo menos un cuadrimestre fóra de Santiago de Compostela, e preferentemente no estranxeiro. "Os obxectivo topan moitas veces coa terca realidade", replicoulle Casares, advertindo de que expor esa promesa non é realista.

 

A CERNA

O financiamento, claro punto de confrontación

O financiamento foi un dos temas fortes no debate en Medicina. Casares propón unha receita simple, pero que ó seu xuízo faltou nos últimos anos no reitorado com­postelán: "un control rigoroso de ingresos e gastos", expuxo. Fernández Prieto, pola súa banda, cre que se deben explorar máis xacementos de recursos externos, tanto a nivel estatal como europeo, e puxo como exemplo o éxito da USC na convocato­ria de Erasmus Mundus, na súa etapa como vicerreitor. Tamén defende negociar coa Xunta un acordo de financiamento a dez anos. Casares discrepou abertamente neste punto. "En recesión, non ten sentido falar dun plan a longo prazo", replicoulle.

Ao redor das contas, non faltaron ataque e contraataque. Un deles foi cando Casares falou de escurantismo ao redor da débeda da USC, sobre todo mentres Prieto foi vicerreitor. "Aprenda a ler as memorias económicas, que [as da USC] son un modelo", espetoulle o historiador.

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS