Hemeroteca web | RSS  RSS     Venres 14.12.2018 Actualizado 20:51
El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Anova

Galicia Hoxe

Aulas

infraestruturas

A USC inaugura o aulario Novoa Santos

As instalacións poñen a base do ambicioso campus da saúde. Barro salienta a colaboración crecente entre a Universidade e Sanidade

REDACCIÓN. SANTIAGO  | 22.07.2009 
A- A+

O reitor da Universidade de Santiago (USC), Senén Barro, inaugurou onte o novo edificio docente Roberto Novoa Santos, un anexo ao complexo hospitalario compostelán (CHUS) que o reitor cualificou como "unha peza moi importante" do Campus de Ciencias da Saúde. No acto, ó que estaba prevista a asistencia da conselleira de Sanidade, Pilar Farjas, que finalmente non puido acudir, Barro salientou "a colaboración cada vez máis intensa" entre Fonseca e o departamento autonómico, idea na que tamén abondou o secretario xeral da consellería, Roberto Pérez López, que recalcou o compromiso da consellería "firme e decidido" con proxectos de colaboración coa USC, afirmando que "dispoñer deste espazo é un grande avance".

O reitor presentou o novo edificio como un dos referentes "do que é a asistencia clínica, a docencia e a investigación no ámbito das ciencias da saúde" e indicou que a universidade colaborou financiando a súa construción con "6 millóns de euros".

A "boa colaboración" que manteñen a USC e Sanidade terá como froito, segundo Barro, "máis infraestruturas compartidas e colaboración a nivel docente". Xa que "compartir sempre é moito mellor que competir", dixo, ambas as entidades tamén colaboran no ámbito da investigación, por exemplo, coa creación do Instituto de Investigacións Sanitarias.

Barro aproveitou a inauguración para presentar o proxecto Campus vida, que o docente definiu como "un campus que non vai ser simplemente para traballar e estudar, senón tamén para vivir" en todo o campus Sur e nos edificios do núcleo histórico.

DATOS

Capacidade para 1.350 alumnos

O edificio leva en activo desde este pasado curso académico, pero segundo o reitor da USC, Senén Barro, decidiron esperar "a que tivese vida" para inauguralo. Cunha superficie de 5.240 metros cadrados e cinco plantas, das que dúas son de semisoto, no edificio conviven alumnos do 2º curso de Enfermería, e do cuarto, quinto e sexto curso de Medicina. Conta con seis aulas de 120 alumnos de capacidade e outras seis de 48 postos. O salón de actos ten unha capacidade para 342 persoas, e aínda que a cafetería aínda non se construíu, o vestiario habilitado para os alumnos ten máis de 1.000 armarios.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un e-mail a info@galicia-hoxe.com. Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS