Hemeroteca web  |  RSS   RSS
Venres 31.10.2014  | Actualizado 12.23

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Terras de Santiago Anova multiconsulting
Aulas

lista

USC, na elite científica

Santiago ratifica a súa produtividade no ránking SIR, que o sitúa no posto 431 no eido mundial e no 11 entre as institucións españolas ·· A UVigo no 17 e a UDC no 41

I. CASAL . SANTIAGO   | 16.10.2010 
A- A+

O último ránking universitario publicado confirma a boa saúde científica da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O Informe Mundial SIR 2010 coloca a galega no posto 433 nunha análise de máis de 2.800 institucións investigadoras de 87 países, desde universidades a hospitais ou axencias estatais de investigación ou empresas. Case un milleiro son de Europa Occidental, un escenario no que a USC avanza ata o posto 146, mentres que na comparativa das 135 institucións sometidas a análises en toda España se sitúa nunha destacada décimo primeira posición.

A Universidade de Vigo, que o martes aspira a emular a USC conseguindo o selo de Campus de Excelencia Internacional, consegue tamén un posto na parte alta da táboa estatal, o 17. Dentro de Europa Occidental ocupa o 252 e no ránking mundial, o 704. A Universidade da Coruña, pola súa banda, figura nas posicións 41, 418 e 1.163, respectivamente.

A posición conseguida pola USC é similar á do QS World University Rankings, referido a universidades de todo o mundo. Nesa listaxe, feita pública o mes pasado, aparecía entre os pos­tos 451 e 500, tendo en conta tanto aspectos relacionados coa investigación como coa docencia. O SIR é, con todo, un informe que mide só a produción científica entre os anos 2004 e 2008 a partir de Scopus, a maior base de datos científicos do mundo.

A nivel mundial, o ranquin encabézao a Academia de Ciencias de China, aínda que cun impacto da súa ciencia é baixo, inferior a 1, igual que o da que lle segue, a Academia Rusa de Ciencias. O índice de impacto mide as veces que son citados os artigos científicos dunha institución e compáraas coa citación media mundial. Segundo este criterio, a cor máis habitual na primeira metade do ránking é o amarelo, referido a un impacto comprendido entre o 1 e o 1,75. Nesta marxe, cun 1,33, atópase a segunda institución da lista internacional, o Centre Nacional da Reserche Scienti­fique (o "CSIC" francés). Harvard aparece no 4º posto, cun impacto de 2,42, que xa merece a etiqueta verde que simboliza a máxima categoría.

Entre as institucións que en­cabezan o ránking estatal, só o Hospital Clinic aparece en verde (1,89). Pero o maior impacto é o da produción científica do Broad Instituto of MIT and Harvard, que chega ó 6,02, a pesar de que no ránking global non aparece ata o posto 1.969.

A pesar da gran distancia con esta marca, as universidades de Santiago e Vigo, cun impacto de 1,18, sitúanse por encima da media mundial.

Santiago, 28 na lista iberoamericana

O Informe Mundial SIR é un traballo SCImago, un grupo de investigadores do CSIC e universidades de España, Portugal, Arxentina e Chile. Seu é tamén o ránking que analiza docen­cia e investigación de 600 universidades do espazo iberoamericano de 2003 a 2008, no que a USC apa­rece no vixésimo posto. A Universidade de Vigo consegue o 36 e a da Co­ruña, o 75.

A lista encabézana as universidades de São Paulo e Autónoma de México. As primeiras españolas son a de Barcelona e a Complu­tense de Madrid, (cuarta e quinta), seguidas pola Autónoma de Barcelona (8º posto), a de Valencia , a Politécnica de Cataluña e a de Granada.

Medíronse catro indicadores

O Informe Mundial SIR 2010 combina catro indicadores que revelan os niveis de produción científica, cantidade de coñecemento científico xerado e visibilidade das institucións. Estes son: a produción científica ou número de artigos publicados; a colaboración internacional medida como o ratio de artigos publicados por unha institución en colaboración con outras doutros países; o impacto normalizado, medido como a ratio entre a citación que recibe unha institución e a citación media mundial para documentos do mesmo campo científico, o mesmo tipo e a mesma data e a porcentaxe de publicacións no 25% das mellores revistas do mundo, ordenadas segundo o indicador de importancia científica das revistas SJR, desenvolvido polo Grupo SCImago. Analizouse o 80% da produción científica mundial entre 2004 e 2008.

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado. De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade. Política de Cookies
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS