O título de máster propio que a Universidade de Santiago imparte sobre Medicina natural. Aplicacións en Atención Primaria figura na ‘lista da vergonza das universidades que imparten máster, posgraos, cursos de verán ou títulos propios en pseudociencias’, unha relación elaborada polo blog colectivo ‘La ciencia y sus demonios’ que agora vai máis alá e lanza o Manifesto por unha universidade libre de pseuciciencia e escurantismo.
A gota que colmou o vaso foi a recente creación da Cátedra de Homeopatía da Universidade de Zaragoza, patrocinada polos laboratorios franceses Boiron, dedicados a este tipo de remedios alternativos e que, segundo denuncian desde a bitácora, expide un título de carácter on-line en homeopatía.
“Desde La Ciencia y sus Demonios vimos denunciando regularmente a cada vez máis habitual celebración de actos, e incluso actividades con carácter académico, sobre temáticas pseudocientíficas e escurantistas por parte de varias universidades españolas. A recente creación de na Cátedra sobre Homeopatía na Universidade de Zaragoza terminounos de convencer para redactar o manifesto”. A súa intención é recadar un número de adhesións como para presentalo ante os estamentos educativos e gobernamentais “para reflectir a nosa preocupación”, argumentan no blog. De momento xa levan 3.000 sinaturas en catro días.
“Preocúpanos que a Universidade poida converterse nun mercadillo que dea cabida a calquera alternativa irracional ó coñecemento científico. Ofrecer o foro universitario ás pseudociencias, en igualdade de condicións co coñecemento racional, non se traduce en ningún enriquecemento cultural, senón nunha validación universitaria da superstición e a charlatanería”, xustifica o citado manifesto.
Ó ver deste colectivo, introducir nas aulas universitarias – “un referente en canto a coñecemento e racionalidade para toda a sociedade” – a homeopatía, a acupuntura, a astroloxía ou o espiritismo aválaas como disciplinas universitarias e, xa que logo, responsabiliza os campus do avance que, denuncian, teñen “determinadas correntes anticientíficas e antirracionais, que poden supoñer un significativo retroceso cara ó escurantismo e a superstición”.
Amais, consideran o investimento neste tipo de disciplinas “totalmente desacreditadas” un desbaldimento de recursos.
Na a lista que ó longo dos últimos meses foron publicando cos estudos “pseudocientíficos” que as universidades españolas están impartindo figura o devandito master propio de Medicina Natural, que a USC imparte desde hai trece anos. Desde a súa dirección, o profesor Román Pérez Fernández non se pronuncia sobre o manifesto “Cada un pode dicir o que crea, hai liberdade de expresión”, valora, e matiza que o posgrao está aprobado pola USC para o terceiro ciclo.
O posgrao, de dous anos de duración e 3.600 euros de custo, conta cunha media de 40 alumnos licenciados en Medicina, Farmacia e Odontoloxía e tamén en Fisioterapia e Enfermería. O seu programa ofrece medicina naturista -7,8 créditos-, fitoterapia -13,3 créditos-, homeopatía -8,8-, medicina natural chinesa-5,4- dietética -17,3-, hidroterapia -1,7- e terapias manuais -1,7-.
O departamento de Fisioloxía desenvolve tamén outro máster en Acupuntura e Moxibustión dirixido a licenciados en Medicina.
“Non vai máis alá dun placebo”
A devandita bitácora fai especial mención ó apartado da homeopatía, que finalmente foi o detonante do manifesto. “No caso concreto da homeopatía, aínda que de igual aplicación para o resto de pseudociencias, non se demostraron cientificamente nin o seu fundamento teórico (que contradí os nosos coñecementos sobre química e medicina máis elementais), nin a súa efectividade máis alá dun
placebo”. Critican amais que mentres países como Francia desmantelan as axudas a estas terapias, en España “se creen cátedras”.
E alertan de que “cada vez haxa máis cidadáns que crean firmemente que as vacinas son tóxicas e nefastas para a saúde; que aumente o número de enfermos que abandonan o tratamento médico para abrazar alternativas esotéricas; preocúpanos moi seriamente que gran parte da poboación volva confiar nos curandeiros ca na medicina científica”.