Hemeroteca web  |  RSS  RSS
Luns 21.05.2012  | Actualizado 10.14

El Correo Gallego Radio Obradoiro CorreoTV Tierras de Santiago Anova multiconsulting
Galicia Hoxe
Santiagoteespera.com
Aulas

USC: ou recortan ou non pagan as nóminas

21.03.2011  O reitor Casares, consciente do malestar por apertar o cinto na Universidade, destaca que non se tocou o cadro de persoal

5.0/5 [2 Voto/s]

0
Comparte en Tuenti
Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás

IOLANDA CASAL . SANTIAGO

Estudantes na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela
Estudantes na facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela

Case nada se salvou da tesoira nos orzamentos da Universidade de Santiago de Compostela (USC). As facultades contan cun 50% menos de financiamento que en 2009 e os departamentos non poden facer uso de gran parte dos seus aforros, reorientados polo menos por agora para facer posible o equilibrio entre ingresos e gastos nos orzamentos de 2011. O reitor Juan Casares Long é consciente do malestar que este escenario de forte restrición está causando, pero séntese apoiado nun xiro na política económica da USC que de non levar a cabo, di, impediría pagar as nóminas a final de ano."Non quero enmascarar o déficit. Podería optar por unha fuxida cara adiante, pero iso só nos daría para uns meses, porque a mediados ou a finais de ano non poderiamos pagar as nóminas. E o cadro de persoal non se toca, o capital humano é o máis importante que ten esta universidade", salienta Juan Casares Long. Isto suporá en 2011 un desembolso en concepto de soldos de 149,26 millóns de euros, nuns orzamentos globais de 229 millóns.

O catedrático de Enxeñería Química tomou o temón da USC o pasado verán. Do seu predecesor, Senén Barro, herdou unha universidade co selo de Campus de Excelencia Internacional para o proxecto de Campus Vida, pero tamén unha débeda en concepto de préstamos bancarios e anticipos reembolsables concedidos polas administracións públicas para diversas infraestruturas que ascende a 71,5 millóns de euros.

Os proxectos financiados por esta vía, e con fondos Feder captados en convocatorias competitivas, permitíronlles ós investigadores de distintas áreas substituír unhas instalacións con serias deficientes por outras acordes ás necesidades da ciencia do século XXI, pero no medio dunha profunda crise económica que hai catro anos case ninguén prevía, a hipoteca pesa demasiado. Só en 2011, deberá devolver case 8 millóns de euros de préstamos e intereses, apunta o reitor, e este ano, a diferenza do anterior, a Xunta non lle permitiu á USC endebedarse máis para casar os números.

Moi ó contrario, hai que amañarse con menos: en 2010 os orzamentos caeron apenas 0,52% con respecto ó ano anterior, tras unha autorización in extremis de nova débeda desde o Goberno autonómico de 10 millóns. Este exercicio, cun financiamento desde a Xunta á baixa e unha menor recadación en matriculacións, perden un 6,8%, por riba da caída media do 5% das nóminas dos funcionarios.

 

Tócalle deixar de vivir por riba das súas posibilidades

Aínda podendo, Casares tampouco querería recorrer a novos préstamos para permitir un día a día académico menos austero, porque á USC lle toca deixar de vivir por encima das súas posibilidades, parece vir dicir o reitor. Nunha carta remitida á comunidade universitaria hai un par de semanas, advirte de que o financiamento público ás universidades galegas é insuficiente, pero se refire tamén ao endebedamento interno como "unha lousa que se arrastra durante anos" e engade que, aínda que os orzamentos do ano 2011 "non son os que a un reitor lle gustaría presentar" -e menos no seu primeiro ano-, deberían valer para "modificarmos os nosos costumes e a forma de xestionarmos os nosos exiguos recursos".

Este cambio de costumes debería empezarse a promover moito antes, considera. "É certo que nos orzamentos deste ano hai unha rebaixa en todo. Os de nova obra caen un 90% e en moitas outras cousas hai recortes dun 30% ou dun 50%. Son importantes porque hai que facerlles fronte aos desequilibrios de anos anteriores. Agora toca baixar cando menos dous chanzos porque [o axuste] non se fixo cando se tiña que facer", ilustra. Algúns proxectos ata se paralizaron: as obras de novos edificios de investigación no campus de Lugo, pospóñense.

O escenario non é sinxelo para un reitor, pero Casares asegura que a comunidade universitaria, a pesar das críticas, está arrimando o ombreiro. "A xente quéixase e enténdoo, pero se se lle contase o que estaba a ocorrer dende que comezou a crise, e disto hai xa tres anos... Eu fun moi directo ao problema, pero estou convencido de que a comunidade universitaria estase a dar conta de que, como calquera outra institución, a USC ten que adaptarse ao escenario de crise. Cando explicas a situación, a comunidade universitaria comprende na situación na que estamos", afonda.

Máis aló do malestar pola escaseza de fondos, parte dos universitarios discrepan en como se repartiron os recortes. O reitor sostén, con todo, que buscou en todo momento manter a equidade. "Tratemos de non favorecer nin prexudicar a ninguén. En casos particulares [a baixada lineal] pode resultar inxusta, pero penso que intentar manter a equidade é moi importante", defende Juan Casares Long.

Pecharanse as piscinas e mais as bibliotecas nas vacacións

Os deberes impostos pola Xunta ás tres universidades a cambio do Plan de financiamento que as guiará ata o ecuador da década céntranse na austeridade. As institucións académicas tiveron que presentarlle os seus respectivos plans de sustentabilidade para os exercicios 2011, 2012 e 2013, coas "medidas correctoras" necesarias para "acadar o equilibrio orzamentario", reza o propio Plan de financiamento 2011-2015. É para todas un obxectivo complicado, e para a USC, coa maior de todas as débedas, aínda máis. Por iso non despreza ningunha medida de aforro, por insignificante que poida parecer nunhas contas anuais de 229 millóns de euros, 112 máis que as do Concello de Santiago e empresas municipais.

O reitorado renuncia a tres novos edificios de investigación en Lugo, que custarían uns 15 millóns de euros, e entre as medidas de aforro enerxético, cambiará as caldeiras de Veterinaria e de Empresas en Lugo, cunha factura anual de combustible que supera os 200.000 euros. Pero a unha escala máis doméstica, tamén se propón sensibilizar a comunidade universitaria para "limitar ou emprego de radiadores eléctricos" cos que persoal trata de caldear espazos nos que a calefacción central queda escasa, ou lograr que se apaguen todas as luces e os equipos informáticos fóra do horario de uso.

Tamén se procederá ao peche temporal de centros e bibliotecas durante os períodos non lectivos, salvo as bibliotecas Concepción Areal e de Económicas en Santiago así como os Intercentros en Lugo. A piscina, no entanto, permanecerá pechada temporalmente durante as vacacións do alumnado e a apertura das residencias nestes períodos axustarase á demanda.

Este tipo de medidas permitirá aforrar miles de euros en gas e electricidade. Só en Económicas, a factura da luz semanal é de 4.100 euros e en Xeografía e Historia, de 2.100, segundo os exemplos citados no propio plan de axuste.

Reducir o consumo de papel é outro dos obxectivos. Pídeselle ó persoal que se afaga a imprimir menos, e o reitorado predicará co exemplo: a memoria de responsabilidade social corporativa limitará a súa edición en papel e as enquisas realizaranse vía en liña.

Juan Casares Long

"Aínda que non son os orzamentos que a un reitor lle gustaría presentar, deberían valer para modificar os costumes e a forma de xestionar os nosos exiguos recursos"

Diminuír texto Aumentar texto Recomendar Imprimir Atrás
Comparte en Tuenti Comparte en Live Spaces Comparte en Menéame Comparte en Del.icio.us Comparte en Yahoo

Escribe o teu comentario

Para escribir comentarios ás noticias, debes ser usuario rexistrado.
De non selo rexístrate agora

1000 Caracteres dispoñibles

www.galiciahoxe.com eliminará os comentarios considerados ofensivos ou que vulneren a legalidade.

Grupo Correo Gallego
Ante calquera dúbida, problema ou comentario
nas páxinas de Galicia Hoxe envíe un
e-mail a info@galicia-hoxe.com.
Titularidade e política de privacidade
Auditoría Audiencia Sites
Titulares RSS